O Auditorio de Galicia acolle unha mostra cos primeiros gravados de Goya

Acotando

Unha escolma de 160 gravados co mellor das catro series que realizou o Francisco de Goya (Caprichos, Desastres da guerra, Tauromaquia e Disparates) exhibense, desde onte, no Auditorio de Galicia. Unha mostra que chega a Compostela da man da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e a Fundación Caixa Galicia. Ademais, a resaca de exposicións de fin de semana deixounos outras mostras. As de Julio Sanjurjo en Madrid e a do vigués Mingos Teixeira en León.

Goya en Compostela




A obra de Goya volve a Galicia. Logo da exhibición doutras series de gravados (As Tauromaquias, Caprichos e Desastres da Guerra) da man de Caixanova por aulas e casas de Cultura de toda Galicia, chega a Santiago unha nova mostra. Trátase de "O rostro, espello da alma" unha escolma de 160 gravados que recollen o mellor das catro series.

Unha mostra que só estará aberta no auditorio compostelán ata o 13 de xaneiro do ano próximo. Unha curta temporada expositiva por cuestións de seguirade, xa que a sensibilidade do papel é moi antigo e delicado e esixe unhas condicións medioambientais precisas (humidade e luz particularmente).

Polo demais, a organización das pezas da mostra non segue ningunha orde cronolóxica, senón dúas premisas claves, segundo publica Faro de Vigo "a reiteración de personaxes-tipo e a importancia que teñen para o zaragozano os rostros desde o punto de vista do expresivo e do grotesco".












E a exposición de Julio Sanjurjo


A galería de arte Paz ferliz de Madrid acolle a última exposición de Julio Sanjurjo. Baixo o título "Olores do Bosque" este galego pretende recrear un ambiente a través dun xogo de afinidades, a través do que se pode apreciar o aroma dese ambiente que se define.

Con esta exposición é a segunda vez que a obra de Julio Sanjurjo se achega ata a capital do Estado Español o que lle ofrece unha posibilidade de entrar en contacto con novos clientes e críticos de arte que non coñecen a súa obra.






e Mingos Teixeira en León


E se seguimos por fóra de Galicia, o panorama expositivo leva a facer unha recalada en León. E é nesta cidade onde se atopa a galería Sardón que estes días acolle a mostra do vigués Mingos Teixeira. Un vigués de formación case autodidacta, xa que a única base son os cursos de debuxo e pintura na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal.
Teixeira comezou a súa tarefa expositiva nos anos oitenta, de xeito colectivo. As súas primeiras aparicións individuais sucedéronse nos últimos anos e en diferentes localidades de toda España. Entre os lugares nos que estivo a súa mostra destacan os museos de Vigo, Pontevedra, Ourense, A Coruña e, entre eles unha mostra realizada no museo Thyssen Bornemisza.