O escritor forcaricense Francisco Rozados resultou o gañador do décimo certame de narracións curtas Anxel Fole. O xurado do premio que organiza a Concellería de Cultura de Lugo deu o primeiro premio a Rozados polo relato sobre un monxe de Aciveiro, O vestiario máxico do abade e distinguiu cun segundo posto á obra As 7 tristes notas do meu valse da ceense Rocío Leira Castro. O xurado destacou a calidade narrativa, orixinalidade, forza expresiva e técnica revolucionaria da obra gañadora. Do segundo clasificado destacaron o profundo lirismo que transmite. O certame está dotado con dous premios de 1.000 e outros dous de 500 euros, para o primeiro e o segundo clasificado en cada unha das categorías, en galego ou castelán. Nesta décima edición presentáronse ao concurso de narración curta 38 obras en galego e 50 en castelán. Os gañadores da modalidade en castelán son de Guadalajara e Alcorcón.