Xosé Tomás, María Vilar e as posibilidades didácticas da BD protagonizan cadansúa mostra

Dous autores e un ensino

O Centro Sociocultural do Ensanche, en Santiago de Compostela, acolle desde o pasado tres de abril e ata o vindeiro día trinta a mostra “Tras o espello” na que se poden ver diferentes traballos do autor Xosé Tomás no campo da ilustración e da banda deseñada. Pola súa banda, a viguesa María Vilar está a expor tamén orixinais dos seus traballos no campo da novena arte na Biblioteca Central de Vigo ata o vindeiro día vinte e cinco. Para rematar, tanto a Biblioteca Central de Santiago coma a biblioteca do Porriño acollen cadansúa copia de “As bases da banda”. Esta mostra é unha proposta didáctica que elaborou a Asociación BD Banda en colaboración coa Consellaría de Cultura e que explica as bases da linguaxe dos cadriños para os creadores máis novos. A mostra, que se lle pode solicitar á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, ten previsto continuar a súa xira por diferentes centros de ensino e bibliotecas.