Malia que hai antecedentes puntuais previos, considérase que a historia da banda deseñada galega comeza por volta de 1973 cos traballos dos grupos Do Castro e mais de XaquÃn MarÃn e de Reimundo Patiño. De calquera xeito, non podemos concibir esta historia coma unha continuidade de relacións entre autores e iniciativas. A febleza das súas estruturas e o escaso alcance das publicacións fixo que os nosos autores non tivesen, ata o de agora, un coñecemento completo dos traballos previos. Deste xeito, dáse a circunstancia de que a BD galega levase reinventando constantemente desde os seus comezos, posiblemente máis aberta a influencias foráneas do que á unha continuidade histórica.
                                                                                                    
Debuxo e compromiso.
O activismo cultural e político está detrás das primeiras iniciativas de BD que se deron no país a comezos dos anos setenta. A cova das choias primeira revista da nosa BD, promovida polo grupo de cómics O castro, composto por Chichi Campos, Luís Caparrós e Xosé Díaz. De xeito semellante, Dúas Viaxes, de Reimundo Patiño e Xaquín Marín ou Ratas, deste mesmo autor, exemplifican a unión entre o interese social e a vocación por desenvolver unha novena arte galega.

O primeiro fanzine
Xofre, primeiro fanzine galego, amosa un achegamento dos nosos autores ás correntes europeas e americanas de finais dos anos setenta que predominaban nas publicacións periódicas estatais. Foi o primeiro intento de nomes hoxe coñecidos coma Miguelanxo Prado, Fran Jarada ou Xan López Domínguez. Malia a que a súa difusión foi practicamente nula, marcou un fito simbólico.

BD moderna
Nos anos 80 dáse unha inmersión total da BD galega no ambiente cultural da “movida”. Historias urbanas, experimentos formais e influencias do underground tomaron forma nunha auténtica avalancha de publicacións fundamentalmente afeccionadas que agruparon un bo feixe de autores, ben dedicadas en exclusiva a esta arte, ben incluíndoa entre outros contidos. Pódense mencionar títulos coma El patito feo, A Ameixa Cacofónica, Atlántico Express, El Coyote, La Naval, Tintimán... Entre as cabeceiras, destaca o Valiundiez que dirixía Fausto Isorna, que alcanzou, entre 1983 e 1985, sete números e tiraxes dun milleiro de exemplares.

Un paso máis
Frente Comixario. Nado en 1989, esta publicación suporía a primeira tentativa seria por constituír unha publicación de BD con vocación galega. Para alén do núcleo inicial en Ourense, autores de todo o país se incorporaron a un proxecto que no tempo da súa morte (1993) tentaba sen éxito dar o paso cara a profesionalización. De xeito paralelo, a posta en marcha de propostas coma as Xornadas de Ourense ou diferentes exposicións, elevaron en boa medida as expectativas sobre ata onde podía chegar a autoedición.

Reflexos editoriais
Quizais influída polo traballo afeccionado de anos anteriores, a comezos dos anos noventa déronse varias tentativas editoriais de publicar álbums de BD. Con bases semellantes, “O máxico arrecendo”(1992) ou “Os viaxeiros do tempo” (1988) achegaban unha visión da época castrexa, mentres a serie “Unha aventura para Simón” (1994) (tamén de Fausto) facían unha visita á liña clara con aventuras de corte infantil e xuvenil. Tamén por esta época aparecen proxectos de tradución de BDs foráneas ao galego, con series coma Franka ou Jerôme K. Jerôme ou Bieito Fendeferro.

Volta aos fanzines
Ao longo dos anos noventa, déronse sucesivos intentos por manter o espírito dos fanzines e algunhas tentativas por chegar á importancia de Frente Comixario como referentes galegos. Propostas coma “La Carallada”, “Alopecia mental”, “El bolchevique vespertino”, “Sin Fe”, “Andando correndo pola chaira” e moitos outros sucedéronse sen grande éxito.

Marcar Coruña no mapa
O nacemento, en 1998 do  Salón Viñetas desde o Atlántico na Coruña situou Galicia de maneira destacada  no campo da BD internacional. Autores de renome mundial, editores, autores e  afeccionados de todo o estado colleron como cita fixa este encontro estival,  favorecendo o intercambio de experiencias co sector galego e a difusión dos  traballos dos autores locais.
          Ligazón  relacionada

Unha liña continua
Con pequenos altibaixos na  súa programación, as Xornadas de Ourense mantéñense, por volta das vinte  edicións, coma unha referencia inexcusable para tomarlle o pulso ao sector  galego, onde concentran as súas iniciativas. Exposicións, apoio a novos autores  e fanzines, o relacionamento con Portugal e o achegamento a figuras estatais  son parte dunha proposta que conta coa presenza fixa de boa parte dos creadores  do país. 
          Ligazón  relacionada

A revista
Publicada primeiro por Xerais e  despois por La Voz de Galicia, a revista infantil e xuvenil Golfiño marcou un  fito indiscutible na BD galega. As súas cifras son aínda marcas de difusión e o  número de autores implicados visibilizaron coma nunca as posibilidades creativas  do sector en Galicia. Para alén, non hai dúbida de que supuxo primeira  oportunidade profesional para moitos autores, fogueándoos no traballo por  encarga e na presión de datas de entrega moi reducidas. O seu feche supuxo a  perda dunha oportunidade única para a consolidación do xénero na nosa cultura.
          Ligazón  relacionada

BD Banda
Este fanzine nado en 2001 supón na  actualidade unha das propostas máis consolidadas do país. Primeira publicación  en galego en levar un premio no Saló de Barcelona, ampliou desde aquela as súas  actividades a unha colección de álbums co apoio da editorial Faktoría K e ao  relanzamento da cabeceira coma revista profesional cunha edición en castelán.  Ao tempo, desenvolve diversas actividades de divulgación encol da BD.
          Ligazón  relacionada

Polaqia
Este colectivo que agrupa unha ducia  de autores naceu en 2001 co álbum mudo “Mmmh!” Desde aquela suman case unha  vintena de publicacións e dous premios no Saló de Barcelona co fanzine  “Barsowia” entre outros recoñecementos. Na actualidade mantéñense como  referencia da autoedición a nivel estatal e abriron o seu proxecto á  participación de autores de fóra do colectivo.
          Ligazón  relacionada

Igualdade cultural
A integración do Colectivo  Chapapote, que agrupaba ilustradores e autores de banda deseñada, nos actos  culturais de protesta contra a catástrofe do Prestige, supuxo por primeira vez  a situación da BD galega en pé de igualdade con outras artes da nosa cultura. A  súa publiación “H2Oil” supón unha estupenda instantánea da situación da BD en  2003. 
          Ligazón  relacionada

Proxección exterior
Desde os primeiros oitenta vaise  dando, aos poucos, unha saída de autores galegos cara ao exterior. Aos  pioneiros Suso Peña, Miguelanxo Prado, Das Pastoras sumouse, a partir de finais  dos anos noventa o lanzamento de autores coma Carlos Portela. Desde entón,  vanse ampliando a lista de nomes que consegue eco no exterior. Norberto  Fernández, Víctor Rivas, Alberto Vázquez Kike Benlloch, David Rubín, Fran  Bueno, Tirso Cons, Javi Montes ou Alex Cal están a amosar nos últimos anos as  posibilidades que teñen os nosos autores nos mercados español, francés ou mesmo  norteamericano.
        Ligazón  relacionada

Apoio institucional
En 2006, por primeira  vez, a Consellaría de Cultura anunciaba a posta en marcha dunha serie de  medidas para favorecer a proxección exterior da nosa BD. Presenza en feiras  internacionais, apoio á creación, divulgación en centros de ensino e  bibliotecas e outras propostas pretenden facilitar a creación dunha industria  autóctona e aproveitar o potencial dos autores do país.
          Ligazón  relacionada







