A rede achéganos adiantos dos novos traballos de Tirso Cons, Emma Ríos, Kike Benlloch, Alberto Vázquez e David Rubín

Redada: Por diante

“Demian” é o título do segundo volume da serie “Le manoir des murmures” no que Tirso Cons está a traballar con cor de Javi Montes e guión de David Muñoz. No seu blog, Cons adianta un fondo de escritorio do mesmo e apunta que o primeiro volume, editado por Humanoïdes Associées está a piques de se esgotar. Pola súa banda, no blog de Emma Ríos atopamos unha páxina da historia que publicará, con guión de Kike Benlloch, no vindeiro número de “Barsowia”. Precisamente esta semana o coñecido autor británico Warren Ellis amosaba o traballo de Ríos na súa propia bitácora. Pola súa banda, Benlloch subiu ao seu web “3x3”, un proxecto inédito que realizou con Javi Montes. Finalmente, no web de Iván Ferreiro podemos descargar un PDF con mostras de “Mentiroso mentiroso”, o proxecto no que mestura música e BD. No mesmo poden verse as páxinas iniciais de “Secretos deseos” e “Canción húmeda” a cargo de David Rubín e de “La canción del no”, de Alberto Vázquez.