O IGAEM publica os datos definitivos da Rede Galega de Música ao Vivo do 2007

Radiografía da RGMV 2007

Setenta e cinco grupos ou solistas percorreron o país durante o 2007 actuando en corenta e oito salas ao abeiro do programa da Rede Galega de Música ao Vivo no que o erario público corría con parte dos gastos do pago aos artistas. O boletín e_scena do IGAEM publica no seu número de marzo os datos dos resultados en funcións, facturación e asistencia. O balance total é de 798 funcións, unha facturación de 94.181 euros e máis de 37.000 persoas asistindo aos concertos. As cifras detalladas debullan significativas diferenzas de éxito entre as diferentes propostas e salas. Así o grupo que conseguiu unha mellor facturación por concerto foi a formación feminina Faltriqueira que acadou unha media de 387,70 euros, séguena os grovenses Nadadora e Dios Ke te Krew con algo menos de trescentos euros de media. No outro lado do espectro sitúanse os solistas Xoán Curiel e Diego Massimini con 38,10 euros e 40 euros de media por concerto respectivamente. Desde o lado das salas tamén pode verse que foron a Sala Aturuxo de Bueu e a Sala Ache de Marín as mellor paradas cunha media de 298,30 euros e 228,68 euros de facturación media por concerto, mentres que a Sala Badulake de Ordes foi a que menos recadou cunha estimación de 24,60 euros por concerto. No que a asistencia se refire o Forum Celticum de Culleredo conseguiu unha media de 132,72 espectadores por concerto, a cifre máis alta en contraposición aos 15, 53 de La casa de Arriba en Vigo. A ocupación media das salas foi do 35,92 por cento.