“O neno de barro” e “A vida por diante” son as favoritas dos premios Mestre Mateo 07

Uns finalistas de película

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer esta mañá os finalistas para os premios Mestre Mateo 07, é dicir, os que galardoan as mellores producións do ano pasado. Os grandes favoritos son a longametraxe de Adivina Producións, “O neno de barro” con 16 candidaturas, entre as que destaca a de guión, longametraxe e as dos tres intérpretes masculinos protagonistas; e a serie de Voz Audiovisual “A vida por diante”, finalista en doce categorías (mellor serie de televisión e doblete en mellor actriz protagonista). A longametraxe de Continental, “Concursante”, e a serie “Air Galicia” teñen sete candidaturas cada unha. A gala de entrega dos premios será o vindeiro 15 de abril no Teatro Jofre de Ferrol.

Compiten na categoría de mellor longametraxe, ademais da favorita “O neno de barro”, a produción de Antón Reixa, “Hotel Tívoli”, contra as dúas coproducións de Continental, “Unha muller invisible” e “Concursante”. Unha das categorías máis reñidas será a de mellor interpretación feminina protagonista, na que figuran a presidenta da Academia, María Bouzas, polo seu papel en “Unha muller invisible”, Maribel Verdú en “O neno de barro” e a candidatura dobre de “A vida por diante” con Belén Constenla e Mela Casal.