Caixanova presenta o proxecto dos centros cultural e social para Santiago

A Caixa entra en Santiago

A obra social e cultural de Caixanova tiña un oco en Santiago por falta dun centro. Un feito que ten os días contados porque o responsable da entidade financeira, Julio Fernández Gayoso, acaba de presentar o seu proxecto de construír dous centros: un social na praza de Cervantes e outro cultural na rúa Preguntoiro (o edificio do Pilar). Un total de 5.000 metros cadrados que pretenden dinamizar o casco histórico cunha programación estable de teatro e música. Un proxecto que ten aínda que salvar unha serie de obstáculos administrativos.

Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, Julio Fernández Gayoso, presidente da entidade e José Luis Pereiro, arquitecto do edificio foron os encargados de presentar o dobre proxecto que a entidade financeira ten previsto realizar en Santiago. Dous centros próximos pero con diferentes funcionalidades.

Os contidos
“Non nos interesa ocupar os espazos xa ocupados” aseguraba o Julio Fernández Gayoso, na presentación do proxecto, en clara referencia as áreas de actividade que desenvolven outras entidades no Casco Histórico. Un feito que condicionou as cinco liñas de actividades que van desenvolver os dous edificios: medio ambiente e sustentabilidade, patrimonio histórico-artístico, asistencia e integración social, xuventude e emprego; e, por último, desenvolvemento económico.

O centro social ten previsto converterse nunha das sedes principais de actividade de toda a obra social que desenvolve Caixanova desde hai varios anos. Por ese motivo, replicarán en Santiago algunhas iniciativas que xa desenvolven outras localidades como os obradoiros de cociña ou actuacións de carácter ambiental (no centro “Naturnova”).

En canto ao centro Cultural, Gayoso anunciou a creación dun ciclo de teatro e música estable para a cidade de Santiago. Este centro contará cun auditorio con capacidade para 700 persoas.

Os prazos
Finais de 2009 ou principios de 2010 son as datas que barallaron na presentación tanto o alcalde santiagués como o presidente da entidade financeira para a apertura. Pero para que os dous centros sexan unha realidade aínda quedan moitos obstáculos que superar. Xosé Sánchez Bugallo explicou que o procedemento pasa “nun primeiro momento porque se presente o proxecto, e en segundo lugar pola modificación do Plan Especial que, como se trata dunha zona singular, precisa dun informe vinculante da Dirección Xeral de Patrimonio”. O alcalde consideraba que todas estas cuestións administrativas deberían estar resoltas para o inicio do verán. Polo demais, e en paralelo, o presidente de Caixanova apuntou que se convocará o concurso de execución das obras, aínda que non precisou os orzamentos. O que si apuntou é que unha vez que teñan licenza de obra, os edificios inauguraranse pasados catorce meses. “Sería marabilloso inaugurar os centros sociais e culturais ao mesmo tempo que o ano Xacobeo” engadiu Sánchez Bugallo.

Vista columnas da entrada do Centro Social

Vista columnas da entrada do Centro Social

Praza de Cervantes

Vista fachada do Centro Social

Vista fachada do Centro Social

Praza de Cervantes

Vista fachada da entrada do Centro Cultural

Vista fachada da entrada do Centro Cultural

Preguntoiro

Detalle galeria do Centro Social

Detalle galeria do Centro Social

Praza de Cervantes

Vista da sección do Centro Cultural

Vista da sección do Centro Cultural

Preguntoiro

Vista da sección do Centro Social

Vista da sección do Centro Social

Praza de Cervantes