Os bares constitúen un espazo privilexiado para o desenvolvemento de actividades culturais

Cultura ao pé da barra

Podemos laiarnos de que, en Galicia, hai deficiencias en canto a equipamentos culturais. Podemos botarlle a culpa á nosa dispersión poboacional ou a decisións políticas. Pero o caso é que posiblemente falten casas de cultura, auditorios, salas de conferencias ou cinemas. Agora, se algo temos, son bares. En todo o país 18.276 licencias entre bares e cafetarías, restaurantes e comedores á parte. Un por cada 164 habitantes, nada menos. Uns espazos con todo un potencial para actividades culturais que determinadas iniciativas xa están a aproveitar.

Os datos do informe do Instituto Nacional de Estatística “Alimentación en España 2007” déixano claro. Galicia é unha das tres comunidades con máis bares por cabeza en todo o Estado. E iso podería traducirse nun grande potencial para a oferta cultural do país. Para alén das consideracións que poida haber sobre as conversas de barra como xeito de educación e de transmisión do coñecemento e como unha parte do noso patrimonio inmaterial, non hai dúbida da importancia que estes locais de ocio teñen na nosa cultura. É difícil non coñecer algunha cafetaría, pub ou bar no que, de xeito máis ou menos periódico, se organicen exposicións, concertos, contacontos, recitais ou algún tipo de actividade que teña carácter máis ou menos cultural. De calquera xeito, nos últimos anos estamos a ver como determinadas propostas van adquirindo un carácter máis estable e acadan integrarse, aos poucos, na oferta cultural galega.

Traballo en rede

Un tipo específico de bares, as salas de concertos, organizábanse recentemente na Asociación Clubtura, constituíndo sen dúbida ningunha unha das ofertas fundamentais de cultura desde a barra. Na actualidade os locais deste tipo participan na Rede Galega de Música ao Vivo e traballan de xeito coordinado, favorecendo que o que antes eran concertos puntuais se transformen en pequenas xiras por distintos puntos do país. Un exemplo deste tipo de espazos é o Clavicémbalo, que desde hai vinte anos mantén un oco importante na axenda cultural de Lugo. “Dese aquela fixéronse unhas 1.300 actividades culturais, e houbo un pouco de todo. Cursos de todo tipo, teatro, recitais poéticos, presentacións de libros e, por suposto, concertos”, explica Alberto Grandío, responsable deste local e membro da directiva de Clubtura. “Estes espazos cumpren un papel moi importante, pero non é algo que estea excesivamente valorado pola administración. Os políticos pensan que a cultura acaba ás dez da noite, e non é así. O bar é o espazo natural para moitas cousas, a xente acode de xeito máis desinhibido e mesmo hai máis asistencia grazas ao horario”, explica. Para Grandío, de feito, actos que se desenvolven nun auditorio con escaso éxito, poderían perfectamente trasladarse a un bar e conseguir máis participación. “Moitos artistas agradecen o contacto co público, que é máis achegado nestes espazos”, completa.

O recoñecemento

Malia a que, segundo o responsable do Clavicémbalo, queda aínda moito camiño por percorrer, “con Clubtura comezamos a ter un certo recoñecemento como espazos culturais. De feito hai concellos que comezan a ver que é unha alternativa moi válida e preocúpanse por integrar os bares nas súas programacións. Claro que tamén hai outros que che denuncian”, lembra. De cara a ese recoñecemento que reclama, Grandío apunta que “ao mellor semella unha utopía, pero habería que ir a que fose, por exemplo, coma en Francia. Alí as licenzas para os cafés culturais outórgaas a Consellaría de Cultura. E aquí debían facer o mesmo”, reclama, “e axudar a que os artistas poidan cobrar nun bar o mesmo que cobran nun auditorio”.

Do concello ao bar

No Concello de Carballo teñen claras as posibilidades que achegan estes espazos, e de feito, programas coma o Festival Internacional Outono de Teatro ou o ciclo de animación á lectura Literactúa desenvolven parte da súa programación en establecementos deste tipo na vila. Segundo explica Nel Vidal, responsable de Normalización Lingüística neste concello, “no caso de Literactúa pareceunos imprescindible integrar o programa en espazos máis sociais, e hoxe en día os principais espazos deste tipo son os bares. Para propostas coma o encontro con autores permítennos conversas máis participativas e distendidas”, explica. “No caso do Outono de Teatro, a idea xurdiu a medias entre a propia iniciativa dos bares e o concello. Vimos que había espectáculos de pequeno formato que eran moi cómodos de facer nestes locais”.

Éxito

O éxito de público destas propostas animou os responsables da programación cultural carballeses a continuar con esta integración. “A moita xente tíralle para atrás acudir a espazos máis convencionais. Non é o mesmo en falando con autores, por exemplo, facelo de xeito distendido tomando algo ou fumando un cigarro do que nun auditorio máis formal”, explica Vidal. Segundo el, non existe ningunha peculiaridade nos locais da vila que favoreza a organización deste tipo de actividades. “Non teñen nada de especial, se cadra o único é a iniciativa dos propios hostaleiros por mover estas actividades e o feito de que algúns locais contan con programación propia, pero o mesmo que tamén os hai en moitas cidades”. Por exemplo, na Coruña aproveitaron tamén estes espazos para desenvolver parte da programación do festival Iberojazz.

Ciencia no bar

Unha experiencia que se afasta dos máis ou menos habituais concertos e recitais poéticos en bares son os Cafés Científicos. Desde 2006, Xurxo Mariño e outros investigadores do grupo Neurocom, dedicado á investigación do cerebro e do sistema nervioso, organizan de cando en cando encontros nestes locais de ocio. A proposta iniciouse en 2006 como parte dun programa de divulgación arredor do cerebro a coincidir co centenario de Ramón y Cajal. “Buscábase un xeito de chegar a xente e coñeciamos a estrutura dos cafés científicos que se fan en moitos sitios”, explica Mariño. “O habitual é reunir varios científicos nun café e facer unha especie de mesa redonda, pero nós mudamos un pouco a idea. Fixemos que nos acompañase en cada edición un actor que facía de presentador, animaba o encontro e procuraba que non baixase o ritmo, e logo había un ou dous investigadores do grupo. A actividade consistía en discutir no bar sobre a ciencia, pero cunha especie de posta de escena no local e mantendo na conversa o ritmo propio dun bar”. O ton divulgativo do encontro completábase, polo habitual, con proxeccións de videos e imaxes nas que se trataban, “de xeito rechamante” temas coma a percepción ou o que acontece cando algo funciona mal no cerebro.

O factor sorpresa

O máis común nestes encontros, segundo recoñece Mariño, é que a maior parte dos clientes do bar non estean alí pola charla. “Faciamos unha emboscada científica e sorprendiamos a xente que xa estaba no bar. Iamos mesa por mesa explicando que ía haber unha actividade e convidándoos a algo. Decatámonos de que, máis que anunciar moito a actividade, o mellor era buscar bares que xa estivesen cheos en por si. E conseguimos que a xente se interesase e non marchase. Nese sentido foi un exitazo enorme”, recoñece. Tan ben funcionou, que se animaron a repetir a experiencia ao longo de todo 2007 a coincidir co Ano da Ciencia, e prevén continuar coa proposta ao longo do ano que agora comeza. A próxima cita será o nove de febreiro ás doce e media da mañá na cafetaría da FNAC da Coruña, nun encontro que se retransmitirá no programa “Efervesciencia” da Radio Galega.

Os problemas

É evidente, malia ao ben que poidan funcionar, que os bares non foron, na maioría dos casos, deseñados de xeito específico para acoller actividades culturais. Problemas de aforo, distribución do espazo ou son poden limitar en ocasións o desenvolvemento de segundo que propostas. Alberto Grandío recoñece a necesidade de adaptar a oferta ás condicións da sala. “Hai que saber o que podes programar coa infraestrutura que tes, sobre todo en canto a música e con espectáculos teatrais”, apunta, “pero un espectáculo dos nosos pode ser tan digno coma o que se fai nun pequeno auditorio. No Clavi hai un respecto tremendo do público aos artistas”. En xeral as experiencias consultadas coinciden en afirmar o bo funcionamento destes espazos. “Hai locais que se prestan moito e que xa teñen espazos acondicionados. Outros teñen máis dificultades, pero ao ser case todo móbil pódense adaptar perfectamente”, explica Vidal desde Carballo. Pola súa banda, Mariño está convencido das posibilidades que ofertan os bares para este tipo de propostas. “Cando menos en canto a divulgación cultural e científica, non lles vexo ningún problema. Forman parte da vida social diaria, e está ben darlles máis vida e que non sexan só espazos para a proxección de partidos de fútbol”. Evidentemente son só unhas pequenas mostras sobre como as propostas culturais que teñen os bares como escenario están a evolucionar e, timidamente, ameazan con se integrar de xeito decidido nas programacións culturais de todo o país.