Determinadas prácticas da medicina tradicional galega manteñen hoxe a súa efectividade

O ambulatorio da aldea

Levan séculos a resistir a proscrición á que as someten as ciencias e o progreso. Malia a isto, as prácticas da nosa medicina tradicional continúan vivas e, en moitos casos, están a se recuperar coma sistemas eficaces de curación. E é que na tradición temos de todo: plantas medicinais, compoñedores de osos e mesmo tratamentos psiquiátricos. Aínda que non todo está probado que funcione, hai coñecementos de sobrada eficacia e aplicacións que ben se poderían incorporar ás nosas actuais prácticas.

Nos últimos anos, a propia medicina moderna está a virar os ollos cara ás posibilidades dos remedios naturais e das distintas tradicións sanitarias que existen no mundo. Sen necesidade de ir ata a selva amazónica, ao noso carón persiste toda unha serie de coñecementos e de prácticas destinadas a coidar a saúde. A pouco que rañemos, os nosos maiores contarannos todo tipo de remedios máis ou menos cribles para distintas doenzas, sairá o contacto dalgún compoñedor para reparar luxacións ou saberemos das propiedades de determinadas plantas, canda ás inevitables referencias a santuarios e esconxuros milagreiros. Malia ao estrañas dalgunhas destas propostas, non é cousa de as desbotar sen máis: algunhas funcionan.

Curación por fe

Segundo explica Xosé Ramón Mariño Ferro, un dos antropólogos que máis investigou este aspecto da nosa sociedade tradicional, “maiormente é unha medicina que cura por fe, entón na medida en que se empregue en persoas que participen da cultura tradicional pode ser efectiva”, explica. Falamos maiormente de prácticas coma os ofrecementos a santos en romarías, os esconxuros ou rituais de todo tipo. “Non é algo que se poida exportar a outras culturas, nin sequera á urbana”, lembra. A explicar esta cuestión, salienta que “as enfermidades físicas pódense curar en calquera sitio igual se o fármaco funciona, e mesmo aí entran factores culturais. Pero as psíquicas non son producidas por un virus, senón que poden estar relacionadas con factores sociais ou familiares, e iso responde a un tipo concreto de cultura e sociedade”. Nestas disciplinas si que é posible que a nosa medicina tradicional teña algo que achegar. “Os especialistas en saúde mental deberían ter en conta este contexto, e algúns xa o fan”, lembra Mariño Ferro.

A mente tradicional

Precisamente nese campo, en Galicia é coñecido o traballo do psiquiatra e doutor en Antropoloxía Emilio González Fernández, que publicou entre outras obras, “Espiritados. Ensaios de Etnopsiquiatría” en colaboración co tamén antropólogo Marcial Gondar. Para alén das doenzas especificamente psíquicas, a medicina tradicional amosou tamén a súa eficacia tratando doenzas da pel ou estomacais que hoxe vemos estreitamente relacionadas co stress ou a depresión. “No mundo urbano o doente adoita ver os problemas psíquicos coma tais”, explica Gondar. Así, abondan as consultas de xente que se queixa de depresión ou ansiedade. “Na aldea, estes problemas adoitan somatizar e dar en síntomas físicos. Nós tivemos un vello que tiña problemas respiratorios puntuais sen causa física. Dábanlle xusto os días en que unha filla non podía ir visitalo. Estas claves para se enfrontar ás enfermidades están ocultas”, concreta.


As aplicacións hoxe

“A clave é que en vez de considerar a medicina tradicional como un conxunto de supersticións e ideas equivocadas, cómpre mudar o chip e velas coma un conxunto de posibilidades”, explica Marcial Gondar. “Os curandeiros que seguen a actuar teñen unha serie de técnicas e actitudes que son perfectamente empregables na medina hexemónica”, lembra. As consultas con horarios máis adaptados ao paciente e un bo contacto co mesmo, por exemplo, son cuestións a recuperar para este investigador. “Moitos curandeiros teñen un tempo mínimo de entrevista cos pacientes de 3,5 minutos. O importante non é tanto a cantidade de tempo senón como se emprega. O problema está na relación medico enfermo”, conclúe. Canda a un trato máis achegado, Gondar reivindica tamén o enfoque “totalmente holista” da nosa tradición. “Non separan a vida ordinaria que ten a persoa da súa enfermidade. Este tipo de médico ten en conta as dimensións psicosociais e simbólicas da doenza, para alén do puramente bioquímico. Hai médicos actuais que traballan co enfermo coma se este fose un coche cun tubo roto”, concreta. Canda a estes, o estudo da nosa medicina tradicional revela moitos outros ámbitos de actuación que poden facilitar os traballos de curación. “Hai que pensar que a xente do rural fai unha auténtica migración médica, ten que ir á cidade. Temos que buscar xeitos para que o enfermo non teña que emigrar”. Para alén do ámbito da saúde mental no que se desenvolve a maior parte do seu traballo, Gondar salienta as posibilidades destes coñecementos no ámbito de enfermos terminais e mais en residencias de anciáns.

Novas vellas curas

Fóra desas aplicacións “científicas” destes coñecementos, mantéñense en todo país con certo vigor prácticas deste tipo. Se temos en conta a importancia do contexto cultural sobre a eficacia da tradición, pode resultar sorprendente o relativo éxito de clientela que manteñen na actualidade curandeiros e videntes de todo tipo. Segundo Mariño Ferro, “entre xente de cultura urbana e semiurbana existen iniciativas deste tipo que se van adaptando a unha nova mentalidade. En xeral os clientes adoitan ser persoas con problemas psíquicos que non atopan solución na psiquiatría ou na psicoloxía. Polo xeral, estas propostas non son tan efectivas coma as tradicionais que estaban baseadas na fe, incluída a relixiosa. Iso outorga unha forza e un sentido da vida imprescindible para superar unha enfermidade psíquica que os curandeiros modernos non teñen”. Canda a estes novos sanadores, aparecen aínda novos clientes para os practicantes que aínda quedan das nosas tradicións medicinais. Como exemplo senlleiro neste campo temos o éxito multitudinario de romarías milagreiras coma a do Corpiño ou As Ermidas, entre moitas outras. “É certo que teñen moito éxito e que moita xente vai a elas, e iso que se daban por perdidas”, explica Mariño. Queda por ver ata que punto se produce esta renovación de público ou se a distancia cultural entre os urbanitas e os novos habitantes do campo fan que os santos vaian perdendo efectividade e, con iso, clientela.

Amañar os ósos

Saíndo das propostas que rozan o sobrenatural, un dos métodos tradicionais que contan con máis aceptación no país son os compoñedores. Estes especialistas en recuperar torceduras, luxacións e unha ampla gama de problemas óseos e articulares contan aínda cunha fiel clientela na que abondan os deportistas do noso país. Un dos exemplos máis senlleiros neste sentido é o do celebérrimo Xosé Luís Torrado, “O Bruxo”, masaxista autodidacta que acompañou o equipo español en distintas olimpíadas e que conta no seu currículo con pacientes ben famosos aos que lles conseguiu dar un remedio rápido e eficaz que a medicina convencional non atopaba. Desta volta, Mariño Ferro apoia a eficacia desta práctica. “Son efectivos e saben colocar os tendóns no seu sitio”, recoñece. “Iso sempre que sexan responsables, que a maioría son, e saiban ata onde poden curar e cando convén ir ao médico. Eu teño ido varias veces”, recoñece.

A botica do monte

A maiores, mantense no noso acervo o coñecemento das propiedades benéficas de determinadas plantas. Aínda que en moitos casos as mesmas non están corroboradas pola ciencia moderna, noutros casos a química confirma o que durante anos ditou a experiencia. “O asunto das plantas e bastante complexo”, sinala Mariño Ferro. “No noso rural conservouse a medicina hipocrática, que se consideraba científica ata o século XVIII e se baseaba no equilibrio dos humores do corpo”. Malia ao estraña que nos parece esta teoría, nalgunhas ocasións os remedios funcionan. “Sobre todo as que servían para tirar a dor, coma a papoula e algunhas outras, funcionan. Logo hai algunhas infusións coma a macela para males de estómago,pero non moito máis”. Para alén de plantas, non era estraño á nosa medicina popular o emprego doutras substancias. Unha das prácticas curiosas que ten recollido, entre outros, o antropólogo Lis Quibén, é o emprego do pan e mais do queixo con balor, un remedio que se pode relacionar co desenvolvemento da penicilina a partir deses fungos. Teses doutorais coma a da farmacéutica María Moure, que botou un ano no Courel a investigar a utilización de diferentes plantas, han axudar coñecer, dun xeito máis científico, as posibles propiedades das nosas especies botánicas. E é que as posibilidades dos nosos ambulatorios tradicionais aínda están por explotar.