Duascentas actividades, corenta autores, trinta editoriais, nove exposicións e tres pavillóns. Son só algunhas das cifras do programa que Galicia presentará, a partir do 13 de febreiro, na Feira Internacional do Libro da Habana, á que acode como país convidado. Na presentación deste evento, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana e mais a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, lembraron o feito de que esta é a primeira vez que unha nación sen estado acode como convidada ao evento. A proposta de programación abrangue, alén da literatura, desde as artes plásticas ao audiovisual, a banda deseñada e a historia. Entre os nomes da nosa cultura que visitarán Cuba atopamos escritores coma Suso de Toro, Manuel Rivas, Teresa Moure, Ramón Villares, Ignacio Ramonet, Marful, Carlos Núñez, Miguelanxo Prado ou Pepe Carreiro. Canda a eles, diferentes publicacións antolóxicas e exposicións coma O sorriso de Daniel do Consello da Cultura, achegarán un perfil xeral da capacidade creativa do noso país. De xeito paralelo durante o evento abordaranse proxectos de creación conxunta en ámbitos coma o audiovisual ou a música como Descarga ao vivo ou Rosalía XXI.
Máis información no web de Cultura