Increméntase o interese das comunidades de montes por desenvolver proxectos socioculturais

Mancomunidades culturais

Unha comunidade de montes veciñais en man común é, a priori, unha entidade dedicada a xestión do monte e dos recursos forestais. Polo tanto, entres os seus proxectos máis comúns están os aproveitamentos madeireiros e a explotación de recursos do territorio que posúe. No entanto, nos últimos anos están a se multiplicar os casos nos que estas entidades apostan por aproveitar o patrimonio cultural que posúen ou tentan darlle ao monte usos máis vencellados ao ocio. Todo un potencial de cultura por descubrir.

Aínda que pouco visible, a conexión da comunidades de montes coa cultura de base no rural está asentada desde hai anos e posúe unha grande importancia. Segundo Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, “algún día farase un estudo e demostrarase que todas as manifestacións culturais no rural, coma grupos de baile, de gaitas, teatro de afeccionados ou bandas de música están economicamente apoiadas polas comunidades”. Malia a que este apoio non está cuantificado a nivel galego, Pereira defende a acción destes colectivos tamén na creación e mantemento de casas da cultura e aínda en celebracións coma o Entroido, o Magosto ou as diferentes festas patronais. “Na maior parte dos casos son asociacións de veciños ou culturais as que organizan estes eventos, pero o apoio económico ven de aí, é algo que cómpre dar a coñecer”, explica. De xeito semellante, estes colectivos de propietarios achegan a miúdo importantes cantidades para a recuperación dos templos da súa zona, converténdose en auténticos gardiáns destes bens patrimoniais. Un dos exemplos máis recentes atopámolo, hai uns días nos 47.000 euros que os comuneiros de Osmo, no Ribeiro, entregaron para amañar dous templos na zona, froito das venda de madeira.

A evolución

De calquera xeito, hai xa uns anos que imos vendo, cada vez máis, accións no ámbito cultural que transcenden ese apoio económico. “Algunhas comunidades temos a idea de lograr un monte multifuncional, que sexa socialmente interesante e economicamente rendible. E o patrimonio, aínda que o fundamental é conservalo e protexelo, tamén é un recurso máis nese sentido”, explica Pereira. Rehabilitacións de muíños, pontes, lavadoiros ou outras obras de arquitectura popular da súa propiedade e a creación de rutas ou de espazos de lecer son algunhas das máis numerosas, pero as propostas van cada vez máis para alén. “Coa cuestión das rutas de sendeirismo ou da recuperación de muíños fixéronse proxectos interesantes. Agora hai colectivos que están a proceder á posta en valor de restos patrimoniais, no Val Miñor hai iniciativas sobre petróglifos, castros e mesmo a idea de facer un centro de interpretación de arte rupestre”. Esta última proposta é a que está a desenvolver a comunidade de Santa Cristina, en Baiona, que agarda que a iniciativa sirva para achegar turismo e axude ao desenvolvemento local.

As causas

Encol das razóns que están a promover esta tendencia, na Organización de Mancomunidades interpretan varias posibilidades. “Estas entidades son relativamente novas, a máis vella terá vinte e cinco anos. Co tempo os comuneiros fóronse facendo cada vez máis responsables destas terras e conscientes de que son da súa propiedade. Ata o de agora era un concepto que non estaba de todo claro”, explica o presidente. En certo xeito, pois, asistimos a unha maduración destes colectivos e a unha mellor comprensión das súas posibilidades. Que se produza unha diversificación no aproveitamento dos recursos do monte non implica necesariamente unha mudanza no modelo de explotación maioritario. “Non é que o modelo forestalista estea acabado”, sostén Pereira, “a función da madeira segue a ter o seu sitio e seguirá téndoo dentro da comunidade, pero pensamos que hai que compatibilizar eses usos con outros”. A maiores, recoñece que a aposta pola recuperación do patrimonio implica para os veciños “unha certa dignidade e orgullo”. No entanto, a Organización de Comunidades, teñen claro que o factor decisivo para que se aposte por medidas que vencellan monte e cultura é a liña de axudas a proxectos dinamizadores das áreas rurais que puxo en marcha a Xunta. “Isto é posible porque Medio Rural está a apostar está a apostar porque logremos esta multifuncionalidade do monte. Estas axudas son importantes para conseguilo”.

Algunhas propostas

De feito, a resolución de axudas do pasado novembro de 2007 permítenos descubrir unhas cantas actuacións de carácter cultural e turístico desenvolvidas por comunidades de montes. Deste xeito atopamos desde a ruta das mámoas na que traballan varias mancomunidades do Morrazo, a recuperación do Castro en Borreiros, as obras na reitoral da Bacariza, en Nogueira de Miño ou o centro sociocultural e o proxecto de recuperación de xogos tradicionais que preparan en Mouriscade. Canda a elas, temos os xa tratados proxectos da construción do centro de interpretación de arte rupestre do Baixo Miño. Para alén destes, atopamos aínda iniciativas recentes coma a creación dun parque botánico que abordan nos seus terreos os propietarios do monte na parroquia de Asados. Unha selección de plantas, entre elas, moitas con utilidades mediciñais, queren servir para que os nenos e nenas do contorno coñezan a natureza.

O camiño

É ben certo que a comunidades non son maioría entre os colectivos que reciben as axudas para proxectos de dinamización, e que a miúdo son empresas e asociacións veciñais ou culturais as que apostan por alternativas de desenvolvemento. De calquera xeito, son moitos os casos nos que as comunidades ceden terreos ou achegan recursos para desenvolver traballos de rehabilitación ou a construción de equipamentos socioculturais. Sexa como sexa, advírtese que a sustentabilidade e mais as propostas deste tipo son un camiño en expansión para o noso rural. “Penso que é unha vía que vai seguir. Son só unhas poucas que están a iniciar o camiño, pero poden ser exemplo para outras comunidades. Falta aínda algo de conciencia para comprender o valor que hai nos nosos montes, sobre todo a respecto do patrimonio”. A cuestión agora é ata que punto estes colectivos e proxectos deste tipo teñen posibilidades de mudar realmente o noso medio rural.