Por toda Galicia existen propostas que permiten ter unha vida cultural activa por poucos cartos

A costa de xaneiro cultural

A coñecida costa económica que ataca os nosos petos cada mes de xaneiro afecta tamén de xeito inevitable ao noso consumo cultural. Mercar libros ou discos, as visitas ao cinema ou o teatro son actividades que durante estes días corren o risco de diminuír a súa frecuencia ou desaparecer da nosa vida cotiá unha temporada. Para que a nosa vida cultural non morra por mor da economía, facémosche unha serie de propostas axustadas economicamente.

Non cómpre esaxerar: Boa parte das opcións culturais do noso contorno son de balde e están ao alcance de todo o mundo. Exposicións, galerías e museos, fundamentalmente, mantéñense coma a alternativa máis barata. Agora, é posible que nesta costa de xaneiro pensemos que, ademais de proporcionarnos cultura de balde, estas actividades nos faciliten tamén un aforro alimentario. E é que hai inauguracións nas que os pinchos valen por unha boa cea, e mesmo existen auténticos especialistas en acudir e alimentarse neste tipo de eventos. Nese sentido,o comezo do trimestre é un período especialmente fecundo en inauguracións: O CGAC, o MARCO, as programacións de Caixanova e de Caixa Galicia e presentacións de todo tipo achegan ocasións interesantes por toda a xeografía para matar un pouco a fame sen pagar nada.

Museos

Para o caso dos museos que esixen pago por entrada, non tempos por qué renunciar ás visitas. A cousa é ter en conta as rebaixas máis habituais (por carnet xove, de estudante ou xubilado), e mais as datas nas que se produce un desconto especial ou en que, directamente a entrada é de balde. É o caso dos museos de titularidade estatal que xestiona a Xunta, que non cobran entrada sábados tarde nin domingos.Máis concretamente son o de Belas Artes na Coruña, o do Castro de Viladonga, o Arqueolóxico de Ourense, a Casa Museo Martín Vázquez, o de Peregrinacións e as Pallozas do Cebreiro.

Filmes

Non hai dúbida de que o cinema é un dos espectáculos que mais pesa no peto dos espectadores. Como alternativas máis baratas, malia a que non contan coas máis recentes estreas, están os diferentes cineclubes do país, coma o Lumiére de Vigo ou de Compostela. Como alternativa, temos tamén as propostas do Centro Galego de Artes da Imaxe na Coruña. Con máis alcance xeográfico, atopamos o ciclo Cinemas Dixitais, que achega proxeccións de balde na nosa lingua a todo tipo de localidades. Tamén debemos contar cos ciclos que organiza a Fundación Caixa Galicia na súa programación trimestral desta volta presenta un ciclo centrado na cidade de Nova York, no que filmes coma “West Side Story” ou “Breakfast at Tiffany´s” pódense ver sucesivamente en distintas cidades do país. Na Coruña, tamén a programación da FNAC permite seguir de balde unha programación na que se mesturan os filmes con conferencias, presentacións e mesmo concertos.


Músicas


E é que tampouco nos debe impedir a crise económica temporal coñecer novas músicas, sexan ao vivo ou gravadas. Para o primeiro caso, poida que teñamos que renunciar aos grandes espectáculos, pero nos locais de concertos que hai por todo o país podemos atopar un bo feixe de actuacións a prezos axustados. Máis barato aínda, o 19 temos no campus universitario da Coruña presentación do disco “120 Capadores” de homenaxe aos Diplomáticos, con actuacións coma as de Ruxe-Ruxe ou Lamatumbá. Na cidade da Muralla, o programa Lugo Cultural achega o ciclo Músicas a carón da Mosqueira con propostas que van desde o clásico ao electroacústico, con nomes coma Trío da Ponte ou Edson Zampronha. Para o final do mes comeza o ciclo “Vangardas sonoras” que organiza Fundación Caixa Galicia e que conta no cartel con nomes coma The Frank and Walters, Nacho Vegas & Cristina Rosenvinge, ou Piano Magic, repartidos entre Ferrol, Coruña, Pontevedra e Compostela, todos eles por só cinco euros. A nivel de música enlatada, páxinas coma A Regueifa ou o Clube Dixital de Falcatruada, ou os webs que manteñen os propios grupos permiten a descarga rápida e legal de temas en formato MP3. É o caso dos últimos traballos de The Homens ou Fanny e Alexander. Ou escoitalos (só en ocasións tamén descargalos) desde os Myspace que manteñen moitos dos nosos intérpretes.

Lecturas

Do mesmo xeito, as novas tecnoloxías veñen na nosa axuda á hora de proporcionarnos literatura sen ter que mercar libros. Un dos sitios máis vizosos na nosa rede á hora de conseguirmos literatura de balde é a Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos, onde está subido un bo feixe de obra da literatura universal na nosa lingua. Tamén a Biblioteca Virtual Galega que mantén a Universidade da Coruña dispón de diferentes textos accesibles desde as fichas dos seus autores. As blogonovelas, por exemplo, son unha opción interesante, e na actualidade hai varias que se están a desenvolver no noso país coma, “A doble morte de Carina Mourela", dispoñible no blog Arume dos Piñeiros. Xa en canto a poesía ou prosa poética dispáranse as posibilidades, con webs coma Reveladora, ou o Casatlántica de María Lado. Xa con máis deseño, Ediciós da Rotonda mantén na rede a novela “O home inédito” de Carlos Meixide, e o Portal Galego da Língua, achegan para libre descarga distintos títulos. Se o interese é pola banda deseñada, as opcións redúcense. O soportal BD deste mesmo medio dispón dunha grande selección de obras de autores galegos e mesmo hai varias publicacións íntegras en formato pdf. Polo demais, é cousa de mirando polos webs dos diferentes autores, nos que, entre bosquexos e ilustracións, adoita poder lerse algunha historia. Se buscamos libros físicos sen ter que pagar, podemos buscar na rede os volumes que circulan de man en man mediante o bookcrossing polo noso país. Só e cousa de ir buscalos onde os teñan deixado e apañalos (e despois continuar movéndoos). A mesturar o interese pola lectura coa cuestión gastronómica, as presentacións de libros permítennos polo xeral acceder á lectura de viva voz de parte das obras en cuestión, ao tempo que racións máis ou menos amplas de alimento. En casos puntuais, mesmo podemos conseguir exemplares de agasallo das obra que se presentan. Xa dun xeito máis tradicional, temos as socorridas bibliotecas, que seguen a funcionar e cada vez dan máis servizos.

Informarse

E é que, en realidade, só é cousa de se esforzar un pouco e buscar as opcións máis baratas. Para facer esas buscas, o mellor desde logo é contar con Internet. E se nos vemos apurados mesmo para ir ao cibercafé ou vemos que non podemos manter a nosa conexión doméstica, temos a opción das bibliotecas, os telecentros da Xunta, a Aula On de Caixa Galicia na Coruña e os cada vez máis habituais bares, centros culturais, estacións e espazos de todo tipo con accesos wifi que proliferan polas nosas cidades. No mesmo sentido, os xornais son básicos para saber de presentacións e eventos no noso contorno máis inmediato. Debemos pensar que, demais de nos achegar información, a prensa pode ter o valor engadido das promocións de libros, discos ou filmes a baixo prezo, que tamén completarán o noso panorama cultural.