Vigo conta cun servizo municipal pioneiro de divulgación do seu patrimonio arqueolóxico

Cun depósito na maleta

O depósito romano de Mirambell (na illa de Toralla), as saíñas da rúa Rosalía en pleno centro vigués, os diferentes castros... en Vigo hai unha morea de intervencións que evidencian un rico patrimonio arqueolóxico. Para achegalo ao público e dalo a coñecer, o concello puxo en marcha un centro municipal de divulgación que organiza obradoiros e conta ata cun museo portátil. Case dous anos despois da súa inauguración coñecemos a súa experiencia e descubrimos que un se pode achegar á historia dun xeito divertido… e de balde!

“Vigo ten unha característica con respecto á arqueoloxía moi particular, e é que é o concello que ten unha maior concentración de lugares e depósitos arqueolóxicos de toda Galicia e que ademais cubre todas as cronoloxías: desde o paleolítico ata o medieval. Pero o que era máis importante aínda, sobre eso non se fixera nunca absolutamente nada”. Deste xeito, José Baltierra resume o baleiro divulgativo que existía na cidade olívica e que levou ao departamento de Patrimonio Histórico a crear o Centro de Divulgación Arqueolóxica Municipal. Cun orzamento moi limitado (27.000 euros anuais) e con Baltierra como único traballador, o CEDAM botou a andar no 2006 co obxectivo de ser un centro motor e coordinador de todas as actuacións relacionadas coa divulgación de todo este patrimonio.

A importancia de divulgar
Co obxectivo de dar a coñecer o abondoso patrimonio arqueolóxico que existe en Vigo, a CEDAM desenvolve, tal e como explica José Baltierra, un labor que vai en diferentes frontes: “desde orientación e axuda ata ser o motor de desenvolvemento da súa actuación”. Na súa curta andaina, Balteirra explica que o 97% das actividades que se fixeron foron por iniciativa do centro, aínda que de cando en cando se ten atendido a algunha consulta externa. “Principalmente, explica o coordinador do centro, a asociacións de veciños que solicitan información sobre actuacións arqueológicas da súa zona, co obxectivo de elaborar un mini-roteiro turístico de uso doméstico”. Pero alén disto, o centro tamén ten consignado, dentro dos seus obxectivos, a realización de exposicións.

De xeito paralelo, Baltierra explica que pretende servir de instrumento coordinador, no eido da divulgación e posta en valor arqueolóxica para o que se ofrece a disposición de todas as entidades que fagan un traballo neste campo. Nese sentido, o exemplo está nas actividades que a Consellaría de Cultura está a desenvolver nas saíñas atopadas na rúa Rosalía de Castro. “A propósito deste tema, xa se tivo un contacto informativo coa Consellaría de Cultura para poder ofrecer información e asesoramento co aspecto máis divulgativo”. Iso si, a oficina non se encarga do que son os traballos de investigación senón da divulgación e na posta en valor do patrimonio.

“Non hai outro destas características en Galicia, hai outras comunidades como en Cataluña e Andalucía no que si hai máis experiencias deste tipo, mentres que en Madrid hai diferentes empresas privadas que si se encargan de levar adiante programas potentes” pero no resto non hai nada.

O proxecto
Cursos de formación para mestres, actuacións puntuais para centros escolares, elaboración de unidades didácticas… son algunhas das actividades que organiza este centro. Pero a que concentra un maior número de recursos de todas as que organizan son os obradoiros, polos que teñen pasado máis de 350 persoas. Teñen a peculiaridade de que son moi dinámicos, nos que lonxe de estar sentado e escoitando de xeito pasivo, o visitante forma parte do depósito arqueolóxico. De feito, José explica que o primeiro paso consiste en facer unha escavación. “A excavación dependerá do taller que recrea unha das idades: o paleolítico, o neolítico, a idade do ferro ou a romanización. Para cada una delas hai unha serie de réplicas axeitada ao seu momento histórico. Mentres uns escavan, os outros fan os controis, e mentres cada un se ocupa da súa tarefa cómpre tamén explicarlles a teoría (datación e interpretación)”. Así, de xeito práctico, os usuarios, ademais de coñecementos acaban por comprender o esforzo científico que hai que facer para obter información dos achados arqueolóxicos. “A xente sae cunha valoración clara da arqueoloxía e non o digo eu, senón o din os propios asistentes que sempre fan comentarios moi satisfeitos da súa visita” asegura Baltierra. “É o prato forte por así dicilo, asume José Baltierra, pero tamén o que require un maior esforzo”. A día de hoxe, hai un obradoiro permanente que ten a túa sede nas oficinas do CEDAM e, desde hai pouco, hai outro no Pazo de Castrelos . Este último comezou sendo un proxecto puntual con duración limitada, pero acabará por converterse en permanente. Estes dous obradoiros están abertos a todos os niveis, malia que durante o curso está enfocado principalmente a escolares (de primaria ata universitarios). En todo caso, Baltierra asume que é “moi recomendable para público familiar”.

Estes talleres duran, aproximadamente, 1 hora ou hora e media e, unha vez rematada esa fase, e empregando réplicas arqueolóxicas dos elementos que atoparon, o que fan é replicar aspectos da vida cotiá. “Se caza e se pesca como na época do neolítico, constrúese un arco como na época romana e así cada actividade está axeitada a cada época” Todos eses módulos foron deseñados e concibidos por José Baltierra que sempre está a argallar unha nova forma de achegar os achados arqueolóxicos abondosos que hai no concello de Vigo. Por exemplo, neste momento, o coordinador do CEDAM está a deseñar un laboratorio arqueolóxico no que a xente poida manexar unha serie de recursos científicos e técnicos, como a proba do carbono 14.

No pasado más de decembro, o CEDAM anunciou novas actividades para cubrir cos seus obxectivos. Dunha banda, a posta en circulación de tres maletas con material didáctico (unha para prehistoria, outra para a cultura dos castros e outra para a romanización), que funcionan baixo servizo de préstamo. Da outra, un museo móbil. Asegura Baltierra que é “un museo itinerante de arqueoloxía, que funciona a modo de campo de probas (principalmente para escolares) para que se introduzan no aproveitamento arqueolóxico”. A súa experiencia de máis de quince anos na divulgación do patrimonio, permítelle que coñecer que se nunhas clases previas, os rapaces “entran nas salas dos museos como en Normandía, e saen sen ter aprendido nada”. Para conseguir que as súas visitas a estes centros teñan un certo aproveitamento, deseñou un mobiliario portátil que serve de adestramento e de estímulo. O museo contén “unha serie de réplicas arqueolóxicas con peanas, gráficos e paneis e unha serie de carpetas con material didáctico. Calquera mestre o recolle e o pon na clase cunhas mesas, que é o único que se precisa para poder montalo” asegura o coordinador do CEDAM. O museo portátil instálase en dez minutos e pode complementarse co material que conteñen as tres maletas. Unha actividade que, aínda que en principio estaba deseñada para os centros vigueses, xa foi solicitada por colexios doutras zonas de Galicia e mesmo do norte de Portugal.