10 claves para comprender o 2007

Internacionalización, Cidade da Cultura, pulo discográfico e moitas expectativas, eixos do ano

Non é doado compendiar en poucos caracteres todo un ano de aconteceres culturais. Pero queremos resaltar algunhas claves que a culturagalega.org nos parecen de relevancia para comprender a evolución da cultura galega neste ano. Visibilidade exterior, efervescencia creativa na música e no cómic, os proxectos de desenvolvemento da Cidade da Cultura e as polémicas ambientais son algúns dos aspectos máis destacados.

Abrir a porta e saír fóra. Unha cultura cunha demografía tan pequena precisa expandirse no exterior. E fóra está todo por facer. O Goberno comeza a dar pasos decididos para a visibilidade internacional, mercando stands de maiores dimensións, apostando por programacións propias nas feiras internacionais e tomando medidas de difusión e visibilidade. Agora prepárase a participación na Feira do Libro da Habana en febreiro de 2008. E a idea é conseguir ser país convidado na de Guadalaxara en 2012, posiblemente a máis relevante do mercado hispánico. Ao mesmo tempo, o Instituto Cervantes, dentro das súas novas políticas, está a incluír autores galegos nas programacións dos seus centros en todo o mundo. E prestarémoslle atención ao tradutor automático galego-inglés que está a preparar a Dirección Xeral de Política Lingüística, clave para visibilizar a cultura galega na rede.

Un exemplo no cómic. É o máis pequeno e descoñecido dos sectores da produción cultural galega, pero sen dúbida o que máis éxito exterior está a colleitar. E o 2007 parece ser un ano especialmente dourado. No Saló do Cómic de Barcelona, o principal evento do sector no Estado, Miguel Anxo foi premiado pola súa traxectoria, Barsowia foi escollido como mellor fanzine e David Rubín como autor revelación. Os creadores actuais de BD son “a xeración de autores máis importante de España nas últimas dúas décadas”, sinalou o experto Álvaro Pons. Alí estivo tamén un gran stand sobre cómic galego, que foi a primeira plasmación das actuacións da Mesa pola Banda Deseñada promovida pola Consellería de Cultura, unha xuntanza de representantes do sector que está a deseñar políticas de promoción e apoio á creación para autores e lectores da sétima arte.

E a forza da música. De sempre foi o lado máis internacional da nosa cultura. Pero agora vive un especial momento de efervescencia. Se por algo se define o 2007 da música galega é polo pulo discográfico, moito máis alá do folk e da música de raíz, apostando por xéneros coma o pop, o rock, a electrónica ou o heavy. E, o mellor de todo, funcionan, dentro e fóra. O sector quere profesionalizarse: xorden distribuidoras, selos, técnicas promocionais novidosas e asociacións de empresas e profesionais. E, todo isto, entendendo e aproveitándose da vertixinosa realidade do sector musical no mundo. Os músicos están a gañar espazos tamén, coa creación da Rede Galega de Música ao Vivo por parte do IGAEM, que artella unha abundante programación nas salas, e a participación en significativas feiras no exterior.

Tamén o camiño inverso. O ano 2007 foi o ano das traducións no sector editorial. E todo parece indicar que o 2008 tamén dará moitos títulos. As editoras galegas aínda non traducen o último de Noah Gordon, pero si o de Paul Auster. Os grandes autores internacionais funcionan en galego, pero queda moitísimo por andar. Un paso parece estar dado, por fin, coa aprobación da Lei do Libro e a Lectura. Veremos as consecuencias no vindeiro 2008. Os editores tamén porfiarán coa segunda edición de cultur.gal, a Feira do Libro e a Industria Cultural, tras os discretos resultados da anterior.

Impass no audiovisual. Sen grandes titulares, o sector do audiovisual está a vivir cambios acelerados. E, se non, que llo digan ás 24 salas de cine que pecharon este ano en Galicia e que falan de que o futuro será moi distinto: varias produtoras manexan proxectos de venda de audiovisual a través da rede que pode que vexamos a partir do vindeiro ano. O certo é que este ano en Galicia se rodaron menos películas e que segue existindo un divorcio entre as producións e o público. Algúns insisten, con todo. Como Ángel de la Cruz, que obtivo financiamento para volver a rodar, en febreiro, Os mortos van ás présas, despois do parón económico do 2006. Fernando Fernán Gómez, por desgraza, xa non poderá actuar como tiña comprometido. Quen busca un novo compromiso, pola contra, é o Centro Galego das Artes da Imaxe. Con novo director, Guillermo Escrigas, busca local na Coruña para abrir polas noites, ou sexa, para abrirse ao público.

Expectativas nas artes escénicas. A propia Administración presentou un informe moi duro no que alertaba da precariedade do sector das artes escénicas, como paso previo á redacción do Plan Galego das Artes Escénicas. Os datos son difíciles: unha gran precariedade para os propios actores e compañías, completamente dependentes da iniciativa pública. Pero tamén os espectadores non dispoñen de grandes programacións cos que apreciar as butacas. Para facerse unha idea, só 3 premios Max deste ano se representaron nos escenarios galegos.

A Cidade da Cultura segue adiante. Con algarada mediática, parlamentaria e cultural, a Cidade da Cultura segue para adiante. O Goberno presentou a súa proposta de redefinición dalgúns dos espazos aínda por concretar. Un centro de arte internacional e un Museo dos Nenos son algunhas das apostas máis definitivas. As primeiras inauguracións chegarán, segundo as previsións, no 2009, pero o complexo deseñado por Eisenmann xa se distingue ben no horizonte de Santiago de Compostela.

Contra o retroceso do uso da lingua. O consenso en materia lingüística no Parlamento crebou durante este ano coa aprobación do polémico Decreto polo uso do galego no ensino, que igualaba o número de horas impartidas en galego e castelán aos rapaces e rapazas de primaria e secundaria. A norma provocou o insólito caso da creación de asociacións de pais posicionándose en contra, xa habituais noutros ámbitos. Pero o decreto non é unha decisión menor: os últimos datos da Real Academia Galega falan dun retroceso notable no uso do galego como primeira lingua.

O Medio Ambiente, unha cuestión de licenzas. O 2007 foi un ano de importante controversia medio ambiental. Nun país no que hábitat, cultura e natureza están tan unidos, o territorio sufre importantes presións e as decisións sobre el se toman desde un sen número de despachos. Tras a polémica e urxente decisión do executivo de paralizar planos urbanísticos que afectaban ao litoral e a decisión de prohibir novas construcións a menos de 500 metros da liña de costa, aínda se agarda a definición global dun modelo. A previsión era que en outono o Parlamento recibira o borrador da Lei da Paisaxe para o inicio dos trámites, pero esta aínda non chegou á cámara. Todo parece indicar que a normativa sobre o medio continuará no centro do debate deste problema económico, pero tamén social e cultural, agrupado baixo o concepto de sustentabilidade: as polémicas sobre as concesións litorais para a apertura de novas piscifactorías, ou a paralización das licenzas de explotacións de canteiras no Courel.

Internet, coma sempre, grazas. Os titulares repítense ano tras ano e non hai xeito de cambialos: Galicia segue en posicións de cola en Internet no 2007 e o incremento prudente de conectividade parece que non vai a variar notablemente. Desde os Gobernos autonómicos e central fálase da extensión do programa do ADSL rural –cada vez máis urxente- a varios miles de núcleos de poboación. Pero aínda faltan moitos. O aspecto máis relevante é a aprobación dun Plan Galego para a Sociedade da Información por parte da Consellería de Industria que está a pór énfase na creación de contidos e na popularización do uso das tecnoloxías. É aínda cedo para avaliar a súa incidencia. Pero darlle a volta a un titular non estaría nada mal no 2008.