A artesanía galega aposta pola innovación para se enfrontar ao mercado global

O tempo do traballo das mans

O concepto de traballo de artesán está habitualmente asociado na imaxe popular a actividades que se manteñen inmutables desde hai centos de anos e onde non hai espazo para a evolución. No entanto, os profesionais deste sector amosan un importante interese pola innovación en formas e materiais. Agora, a Consellaría de Industria presenta o Plan de actuacións estratéxicas en Artesanía que ao longo dos vindeiros dous anos achegará 12 millóns de euros ao sector para apoiar a súa evolución.

A calidade de moitos dos nosos produtos artesáns é recoñecida internacionalmente. O encaixe de Camariñas ou as Cerámicas de Buño son só unha pequena mostra do desenvolvemento que poden acadar estes traballos. Canda a eles, aínda que menos recoñecidos, os nosos canteiros, fabricantes de gaitas ou zoqueiros manteñen en pé un xeito tradicional de facer as cousas aínda no tempo da hexemónica fabricación industrial. Malia ao perigo de desaparición que teñen moitos destes oficios, a artesanía posúe un grande potencial que transcende o cultural e ten implicacións económicas e sociais. Para desenvolver este potencial Industria anunciou que incidirá en catro eixes fundamentais nos vindeiros dous anos: A comercialización, a xestión, a formación e a innovación serán as chaves do impulso á nosa artesanía. Segundo explica Edgar Alonso, responsable de Proxectos da Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño, “o fin deste plan é consolidar no mercado a artesanía galega coma referente no eido da excelencia en canto á incorporación de novos deseños, innovacións e a calidade final dos produtos”, resume.

A situación

Na actualidade, segundo os datos deste departamento, temos no país arredor de tres mil artesáns rexistrados e de cincocentos obradoiros que desenvolven noventa actividades diferentes. Manolo González, presidente da Asociación Galega de Artesáns, explica que “a miúdo a artesanía considérase un sector anecdótico, pero no fondo hai moitas empresas que son artesanais e moitas outras que o foron nun comezo. A miúdo desta actividade xorden iniciativas empresariais de grande renome”, apunta. Por produción, o metal é o principal sector, incluíndose neste a xoiaría, a ourivería, a pratería ou a forxa. Ségueo a cerámica e a olaría e, aínda despois, a madeira e o téxtil. En xeral, segundo Edgar Alonso “o concepto da artesanía está a mudar. Durante moito tempo estivo ligado á elaboración de produtos cun carácter máis utilitario e tradicional. Hoxe está a amosar unha nova imaxe cara ao exterior e demostra que, a través do traballo artesán, tamén é posible crear produtos innovadores cun alto nivel de calidade e de deseño”. E é que, malia ao carácter tradicional de boa parte destes traballos, o interese pola innovación non é alleo aos seus creadores. Manolo González, pola súa banda, confirma que “este é un sector caracterizado porque ten un ingrediente de creatividade. Habitualmente é algo vocacional, e entón sempre hai unha inquedanza por resaltar a autoría dos produtos e por buscar novas formas, procúranse camiños para a innovación”.

Promoción

Unha das primeiras propostas que veremos dentro do Plan estratéxico será a campaña “Este agasallo é único”, que animará a que este Nadal os produtos artesáns ocupen un espazo destacado nas nosas compras. Tamén este mesmo inverno comezará a presenza destas creacións en feiras internacionais do sector coma Milán, Madrid e, posteriormente, Frankfurt e París. Para alén disto, Industria quere potenciar a marca Artesanía de Galicia. A idea é que as tendas que vendan un mínimo de cinco produtos deste tipo elaborados no noso país poidan acollerse a esta denominación. Polo momento a proposta conta xa coas solicitudes de oitenta establecementos, pero a consellaría agarda que para 2009 o 80% dos comercios de agasallos e decoración vendan estes bens de xeito diferenciado. Tamén de cara a potenciar a visibilidade dos artesáns, en breve poderemos ver a convocatoria dos primeiros Premios de Artesanía de Galicia, que galardoarán, en cadansúa categoría, os creadores que unen tradición e innovación, os produtos innovadores e os novos valores. En xeral, as propostas do plan son benvidas pola Asociación Galega de Artesáns que anuncia, a través do seu presidente, que “imos apoiar todas as accións que se desenvolvan. Estamos satisfeitos con este impulso que se lle dá ao sector, e agardamos a ver como se instrumenta todo isto”.

Novas tecnoloxías

Outra proposta que xa está na rede é un portal unificado que amosa os datos de artesáns e obradoiros de todo o país e permite coñecer os seus traballos e a maneira de contactar con eles. Unha organización por zonas e por produtos facilitaralle ao consumidor localizar exactamente o que quere. Canda a iso, está previsto desenvolver outras medidas que incrementen o comercio electrónico no sector. A seguir coas propostas de modernización, Industria apuntou a creación do Laboratorio de Deseño e mais do Plan de Investigación en Novos Materiais e Técnicas, que se agardan contribúan a este sector achegándolle as máis vangardistas innovacións. “Na actualidade a artesanía galega responde a unha demanda cada vez máis diversificada”, apunta Alonso. “Para afrontala os artesáns adaptan técnicas de proceso e xestión dos seus obradoiros apostando pola flexibilidade, a capacidade de innovación e a creatividade”. Pola súa banda, González salienta que “xa hai tempo nós propuxemos a iniciativa do laboratorio de deseño, que nos parece fundamental e é algo que nos interesa moito”, completa.

Aprender a crear

As propostas de formación son un importante apartado deste programa, que pasan por ofertar obradoiros e xornadas destinadas a potenciar o nacemento de novos artesáns e a reciclaxe dos que xa levan anos en activo. A idea contempla tamén a investigación sobre produtos concretos e mesmo creación de centros de documentación que permitan recompilar o saber actualmente espallado do traballo artesán, para alén de apoios na forma de ferramentas de xestión empresarial para estes creadores. “O problema que temos é que a actividade desenvólvese practicamente sen capital, o factor traballo mantense como fundamental”, explica González. “Ás veces cómpre unha estrutura que dea apoio e unha asistencia técnica para abordar estas iniciativas de innovación”. Segundo o representante dos artesáns galegos, “hai moita expectativa sobre o soporte que vai achegar a administración. Para moitos pequenos obradoiros pode supor unha mudanza substancial”.

Artesanía global

De cara ao futuro, desde a Fundación Centro de Artesanía e Deseño, Alonso apunta a necesidade de adaptar o sector ao mercado global. “Esta situación leva consigo importantes ameazas derivadas da importación, pero por outra banda, pode ser tamén unha importante oportunidade”. A diferenciación dos produtos ante os competidores é a chave: “A artesanía terá que se posicionar na calidade, o deseño e a innovación coma características esenciais”, completa. Pola súa banda, González salienta que “o momento non é para tirar foguetes. Todo o panorama da fabricación que non sexa en China está complicado, a competencia é moi difícil e estamos nun momento de cambio profundo de todos os hábitos de consumo e comercialización. Plans coma este achégannos un pouco máis de confianza”.