Os datos do Instituto Galego de Estatística destacan que preferimos consumir cultura no fogar

Se é na casa, mellor

A nosa vida deportiva é aceptable pero a cultural deixa moito que desexar. É a principal conclusión que se aprecia no módulo de “Hábitos culturais” que forma parte da Enquisa de condicións de vida das familias que elabora anualmente o Instituto Galego de Estatística. Uns datos que confirman o xa apuntado noutros informes semellantes a ámbito estatal pero que introducen novas variables, como a preferencia de consumo cultural no fogar.

En primeiro lugar, as cifras destacan que non nos gusta moito saír da casa para asistir a eventos culturais. Só o 8% dos galegos asegura ir unha vez ao mes a algún tipo de evento cultural, sexa cine, teatro, campo de fútbol ou mesmo un parque de atraccións. Esa mesma fonte revela tamén que vinte de cada cen galegos asegura que non foi ningunha vez a ese tipo de eventos no último ano. Esta cifra coincide cos datos que analizamos hai unha semana a propósito da “Enquisa de hábitos e prácticas culturais” elaborada polo Ministerio de Cultura que nos atribuía uns parámetros similiares que, en comparación con outras zonas do Estado, nos colocaba últimos postos. Pero tamén é certo, que a enquisa do IGE revela tamén que si existe unha preferencia polo consumo no fogar (televisión, vídeos, radio...). Na casa lese, vese máis a televisión, vense vídeos e dvds e os indicadores culturais son máis altos.

En segundo lugar, outra característica común aos resultados, pasa por establecer unha relación directa entre os hábitos dos pais e os dos seus fillos. Por poñer un exemplo concreto na frecuencia de asistencia ao cine, o comunicado de IGE asegura que “se polo menos un dos pais é espectador habitual de cine, o fillo tamén o é cunha frecuencia maior que se non se observa ese hábito nos pais”.

Asistencia a espectáculos culturais
Máis da metade da poboación analizada polo IGE asegura que asiste unha vez ao ano a un espectáculo, sexa do tipo que sexa. Pero entre a oferta cultural que existe en Galicia, os máis frecuentados son os cines fronte ao teatro, música clásica ou asistencia a museos. De cada cen galegos, 35 aseguran non ter ido ao cine no último ano, 47 ao teatro e 54 a un concerto de música clásica. As cifras melloran cando se trata de acudir a verbenas, xa que de cada cen galegos, 63 asegura que vai, canto menos, unha vez ao ano. En todo caso, no que atende a todos os espectáculos en xeral, hai case un empate entre os hábitos dos homes e das mulleres. Deste xeito, o 16.51% dos homes asegura que foi a algún evento na última semana fronte o 15,10% das mulleres. Están tamén igualados nas cifras de asistencia a cine pero a cousa muda se falamos do teatro, concertos, e espectáculos varios, aínda que gañan as mulleres por pouco máis dun punto. Outra cousa pasa se falamos dos eventos deportivos aos que por cada muller hai dez homes nos pavillóns.

Comunicación
O medio preferido polos galegos para coñecer o que pasa no mundo e para divertirse é a televisión. Cada un de nós dedica unha media de 154 minutos en ver a televisión e os dous programas máis vistos son as noticias e as películas. Pero salvo estas particularidades xerais, no resto de preferencias hai distincións. Dunha banda, os homes dedican máis tempo a ver os deportes, mentres que as mulleres prefiren os concursos e as telenovelas.

Ademais, outra característica que evidencia a enquisa son unhas altas cifras de consumo de vídeo e DVD no fogar por parte de nenos e adolescentes. Unhas cifras que descenden a medida que aumenta a franxa idade.

A radio tamén conta de moitos seguidores en Galicia, de feito o 40% dos galegos asegura escoitar diariamente a radio. E o perfil medio do usuario é un home de entre trinta e corenta e nove anos ao que lle gusta coñecer as noticias e a actualidade. Polo demais, canto máis novos son os radiooíntes máis buscan no dial emisoras de radiofórmula.

En canto á prensa, a enquisa revela que por cada trinta galegos que aseguran ler xornais todos os días, hai outros tantos que non os len nunca. Deses trinta que din que si a maioría son homes e nos trinta que din que non, a maioría son mulleres. Ademais, o tipo de prensa máis lida no noso país é a de información xeral, seguida de lonxe pola prensa deportiva e, moito máis lonxe, da económica. Cousa diferente pasa coas revistas, porque a metade da poboación asegura non ler nunca unha revista. A outra que metade que si as le (con diferentes periodicidades) prefire as de información xeral e as do corazón. Seguidas de lonxe polas de deportes, viaxes, cine e culturais.

Deportes
En canto á vida deportiva dos galegos, as cifras son máis positivas. Máis da metade dos galegos aseguran practicar deporte diariamente e só o dez por cento dos que di non facelo é por non dispor de instalacións deportivas axeitadas. Entre os deportes ou prácticas máis frecuentadas está, nun primeiro e destacado lugar, camiñar, seguido de lonxe por xogar ao fútbol, ir a fitness ou a natación.

Libros
Dos 41 de cada cen galegos que leu algún libro no último ano, 29 foron mulleres. E por algún libro entendemos, principalmente, menos de seis. En canto á frecuencia de lectura destaca que só o 29% o fai todos os días, mentres que o 48% decide facelo varias veces ao mes. Ademais, tal e como acontecía no caso de asistencia a espectáculos culturais, as cifras baixan cando de trata de desprazarse ata unha biblioteca. Seis de cada dez galegos asegura non ir nunha ata unha biblioteca. Continúa entón a preferencia de consumo no fogar para o que haberá que agardar a novas estatísticas para ver se se consolida como tendencia.