Os técnicos culturais galegos comezan a organizar un sector aínda moi desartellado

Cultura e técnica

Son en boa medida os responsables de que en determinada biblioteca haxa un contacontos ou unha conferencia. De seleccionar os concertos e as actuacións que haberá no auditorio. Encárganse de xestionar, e a miúdo mesmo de montar as exposicións da sala municipal. Contactan escritores e artistas para que visiten pequenas localidades. Manteñen, en fin, unha actividade intensa e fundamental na configuración da oferta de ocio e formación que hai no país. Precisamente esta fin de semana Compostela acollía o I Foro Profesional da Acción Cultural, un encontro do que xurdiu un primeiro plan formativo para estes traballadores.

Descoñecidos, pero imprescindibles, os técnicos culturais desempeñan un papel fundamental para organizar as programacións de cara á cidadanía en concellos e institucións de todo tipo. No entanto, o seu traballo é aínda un grande descoñecido e está no noso país nunha fase de escasa especialización. Maioritariamente (un 64%) son mulleres, e teñen entre 26 e 35 anos (un 38,9%) ou entre 36 e 45 (o 36%). Traballan a tempo completo nesta actividade un 76,8% do total pero máis da metade (56,2%) non teñen unha relación laboral fixa co centro no que o fan. Nun 42,9% son licenciados, sobre todo en Historia ou Filoloxía, e o 23,2% ten diplomaturas, especialmente Maxisterio e Educación Social. Na súa maior parte traballan para concellos, onde desempeñan un labor fundamental na configuración do noso mapa cultural mediante accións locais. Estes son algúns dos datos que achega o informe “As necesidades e demandas formativas dos profesionais da acción cultural pública en Galicia”, que por vez primeira analiza a situación deste ámbito e que contactou con máis de 200 dos traballadores que desenvolven a súa actividade neste campo.

O nacemento dos técnicos

A orixe desta pouco coñecida profesión está nos anos oitenta. Manuel Pérez Rúa, que traballa neste ámbito no Concello de Moaña e participou na elaboración do xa mencionado informe, explica que daquela “a administración pública estábase provendo dun novo tipo de persoas, sobre todo a nivel local. Había novos departamentos de cultura, centros cívicos, casas de cultura, pero non existía un perfil nin unha formación específica no campo”. É nesta situación de precariedade que se creou a Asociación de Técnicos Culturais Land Rover, na que el participa. “É a primeira organización que poderíamos dicir sindical ou corporativa do sector. Naceu tamén desde as propias carencias do sector, da necesidade de saber como se monta unha exposición ou se fai unha campaña de normalización ata ver as tendencias que vai seguindo a cultura”, completa.

Evolución

Malia á evolución da administración, especialmente da local, a situación dos técnicos culturais mantivo unha serie de eivas estruturais. “O sector mudou moitísimo, sobre todo cuantitativamente. Houbo un crecemento exponencial, séguense abrindo equipamentos e dotacións e pondo técnicos ou animadores culturais”, explica Pérez Rúa. “A administración vai tendo novos retos e vai habendo unha profesionalización, pero segue habendo un problema de base que é a precarización”, explica Pérez Rúa. Como amosan dos datos do informe, existe un alto grado de heteroxeneidade entre as persoas que desenvolven esta profesión, o que redunda nunha dificultade á hora de homoxeneizar as funcións destes técnicos. “Onde non hai casa de cultura hai biblioteca, e acabas tendo un bibliotecario que ao tempo é animador ou programador teatral”, lembra Pérez Rúa. Debemos pensar que ás propias diferenzas de formación e á situación profesional dos distintos traballadores súmanse aínda as peculiaridades dos concellos a nivel de accesibilidade, demografía ou orzamentos dedicados á cultura. “O problema vai ligado ao desenvolvemento da cultura coma área política e administrativa pública e mais ao perfil dispar dos técnicos, o que nos coloca nunha serie de situacións persoais que son penosas”, indica.

Retos de formación

Nos últimos tempos, a necesidade de contar con formación específica da profesión semella ser unha necesidade que colle urxencia. “Outra cuestión é collerlle o pulso a por onde vai o cambio cultural na actualidade, que é algo moi volátil” explica este técnico. “Estamos nunha sociedade que se está a transformar e na que hai aínda un peso importante da cultura tradicional. Ao tempo, dáse unha grandísima penetración de culturas de todo o mundo. Hai que definir e ordenar unha serie de cousas para enfrontar os retos que veñen do futuro. Xa non se poden facer as programacións cos criterios de se traen moita xente ou se divirten, hai que ter en conta outros factores”.

Situación e posibilidades

Malia ás dificultades do sector, as posibilidades que estes profesionais teñen na configuración do noso mapa cultural é destacado. “Están a se facer cousas moi interesantes en Galicia nos últimos tempos. É difícil atender a todo o que se programa mesmo sen ir ao local”, lembra Pérez Rúa. “Hai un grande potencial, pero temos que estar atentos a que este traballo teña efectos na creación de novos públicos, non ir ás programacións estándar e mellorar a xestión de orzamentos públicos”.

A oferta formativa

Foi precisamente coa idea de mellorar a situación destes profesionais que se realizou o estudo “As necesidades e demandas formativas dos profesionais da acción cultural pública en Galicia”. Os técnicos culturais debateron sobre os seus resultados o sábado 20 de outubro en Compostela no marco do I Foro Profesional da Acción Cultural. Logo deste encontro, a Consellaría de Cultura anunciaba o desenvolvemento do primeiro plan formativo para estes técnicos. A iniciativa prevé trinta actividades diferentes que se desenvolverán entre febreiro e decembro do ano 2008 nas sete cidades galegas e mais nas principais cabeceiras de comarca. O programa inclúe seminarios, talleres e mesmo visitas a iniciativas de excelencia. Entre os temas que se tratarán inclúense cuestións coma a repercusión nos servizos culturais dos novos modelos de xestión territorial, a importancia da oferta privada neste eido e a colaboración institucional co movemento asociativo. A proliferación de festivais artísticos, a xestión de equipamentos, as artes escénicas, a importancia da comunicación no sector, a oferta para público adolescente e as relacións con outras culturas son algúns dos contidos que se desenvolverán neste proxecto. A idea é, segundo a Consellaría, “incrementar a calidade da oferta cultural,” e mais “apostar pola consolidación do tecido cultural”.
Está por ver que novo mapa cultural pode xurdir dun sector de técnicos axeitadamente preparados, con foros de debate e, é de agardar, unha situación laboral máis clara. Organización en rede, intercambio de proxectos locais, incorporación ás últimas tendencias de programación… as posibilidades son inmensas, e é de agardar que sexan para ben.