Os dous conservatorios de música tradicional do país inician o curso con cadansúa crise

O ensino folk no arame

Non arrinca ben o curso 2007/2008 para os dous únicos conservatorios galegos de música tradicional. En Lalín o Conservatorio Folque está coa matrícula suspendida e non ten clara a súa continuidade. Pola súa banda, en Vigo problemas coa contratación do profesorado están a atrasar o comezo das clases no Conservatorio de Música Tradicional. A aprendizaxe folk está agora mesmo na corda frouxa.

Os problemas no Conservatorio Folque de Lalín comezaron xa este mes de xullo. Foi daquela cando o rexedor local, Xosé Crespo, do Partido Popular, reclamaba publicamente axuda á Consellaría de Cultura, en mans do BNG, para manter o centro que abrira en 2000 como unha iniciativa municipal. Crespo xa fixera esta mesma reclamación en febreiro do pasado ano, pedíndolle ao departamento autonómico que achegase 18.000 euros anuais, o que suporía a metade do custo do profesorado. En total, o concello inviste cada ano 66.000 euros en manter esta oferta, e segundo asegura o alcalde “resúltanos cada vez máis complicado manter o centro”. No mes de agosto, a situación complicábase cando, “por cuestións burocráticas co concello”, e máis concretamente por vacacións que impediron “realizar as reunións pertinentes para estruturar o próximo ano académico do centro”, aprazábase o prazo de matriculación. A suspensión continuou ao longo de setembro, e o día 29 deste mes o grupo municipal do BNG de Lalín alertou sobre o perigo de que o concello perda este equipamento. Segundo manifestou o portavoz desta formación, Francisco Vilariño, existe a posibilidade de que o centro se traslade a outro concello, e denunciou “o total escurantismo” nas negociacións que se desenvolven arredor deste tema e a responsabilidade do alcalde na situación do conservatorio.

Cuestións profesionais

Fóra dos cruces de acusacións políticas, desde o Conservatorio explicaban este primeiro de outubro que “o equipo docente segue en reunións con Padroado Cultural de Lalín por temas relacionados co orzamento do centro”. Para alén da problemática sobre a participación da Consellaría no conservatorio, Ugia Pedreira, directora do centro, denunciaba nun comunicado que se publicou o primeiro de outubro que “desde o ano 2000 non se ten variado este orzamento”, e que foi o traballo desenvolvido a maiores polo equipo docente e máis pola Asociación do Conservatorio Folque o que permitiu que o centro fose crecendo. Propostas coma o Ciclo Trad e a Aula Folque Infantil de Pontevedra, a organización do circuíto 4x4 ou outras actividades repercutiron “nunha mellora laboral do equipo docente e en múltiples posibilidades para o alumnado que ten desexo de profesionalizarse no sector”. A maiores, Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque propón neste texto “un novo proxecto de centro onde haxa salarios dignos, onde se poidan introducir máis materias no proxecto curricular, onde o centro sexa entendido como único, exclusivo sen comparación con outro, onde o centro sexa integrado na comarca a nivel de programación cultural”. Unha iniciativa que, salientan, “está aberta para Lalín e outros concellos interesados de Galicia”. A cuestión mantense, polo momento, aberta e cunha tensa agarda que fai presaxiar novas. Ante a complexidade das negociacións polo momento abertas, os representantes do centro declinaron comentar a situación, e emprazaron os medios para os vindeiros días.

Inestabilidade en Vigo

Nun grado aínda maior, en Vigo a problemática laboral dos profesores aparece como unha cuestión fundamental no atraso no comezo das aulas, que foi adiado ata novembro. Nesta cidade, o conservatorio naceu en 1996 e depende da Escola de Artes e Oficios (antiga Universidade Popular). O centro deu pé ao desenvolvemento de iniciativas tan destacadas coma a Fundación Son de Seu e a súa orquestra, así como a unha destacada nómina de artistas. Desde o concello explicaron que este atraso ten como causa fundamental o proceso de contratación que busca legalizar a situación dos docentes, que ata o de agora contaban con contratos anuais. A concelleira de Educación, Laura López Atrio, asegurou que non se prevé suprimir ningún curso e que mesmo están a barallar unha ampliación da oferta formativa. Malia a isto, o pasado un de outubro desenvolveuse unha primeira concentración de usuarios que temen pola viabilidade do centro. Neste encontro, no que participaron representantes de Educación, explicouse que o problema é que a actual normativa non permite manter o sistema de contratación temporal de docentes, unha situación que a corporación asegura que é herdada do anterior goberno. Desde o concello explicaron xa que contan cunha alternativa para legalizar o profesorado que non chegaron a concretar, pero desde os usuarios convocaron xa unha nova xuntanza para o vindeiro día 17 co lema “Por unha escola con futuro”. A pesar de todos estes contratempos, e no medio a incerteza reinante, desde o un de outubro a preinscrición para os cursos de música tradicional da Escola de Artes e Oficios mantense aberta.

A situación deu aínda unha reviravolta onte, tres de outubro, cando o propio alcalde, Abel Caballero terzou no tema e recoñeceu que o concello non está en situación de garantir a continuidade do equipo docente. A maiores, sinalou que se están a barallar varios nomes para ocupar a dirección da escola de Artes e Oficios e, polo tanto, do ensino de música tradicional na cidade. Na actualidade este posto atópase vacante. É de supor que unha mudanza nos ensinantes daría en novos atrasos e en que se intensifiquen as propostas. Nin o Concello nin o coordinador dos cursos do conservatorio, Rodrigo Romaní, comentaron nada sobre a situación e a súa posible evolución. A expectación, mentres, increméntase segundo van pasando os días sen que se resolvan estes problemas.