A afección ao rol en Galicia vive unha época de esplendor no momento en que se publica o primeiro xogo galego

O rol sae das sombras

Sae á luz o primeiro xogo de rol galego e en galego. “As crónicas de Gáidil” preséntanos un mundo mítico moi semellante á nosa antigüidade e permítelle interpretar seres fantásticos nunha xeografía que non nos é descoñecida. Para dentro de dous meses, a macropartida de rol en vivo “Irmandiños A revolta” chega á súa segunda edición. Son só dúas mostras do vizoso panorama dos xogos de rol en Galicia.

A edición de “As crónicas de Gáidil” pola firma ourensá Difusora supón un fito no mundo do rol galego. Este mundo pouco coñecido, sostido por unha afección numerosa, non dera a luz máis que diferentes xornadas canda a algúns fanzines. Nos últimos anos semella que está a conseguir unha visibilidade pública inédita ata o de agora. Así o amosan eventos masivos coma o Rol en vivo “Irmandiños: A revolta” que celebra este mes de outubro a súa segunda edición co apoio da Dirección Xeral de Xuventude. Ou as partidas de temática vampírica que se desenvolveron nos últimos anos, organizadas tamén polo grupo 13negativo, polas rúas de Compostela con centos de participantes. Os xogos de narración deste tipo incorpóranse con total normalidades desde hai anos ás programacións de ocio nocturno e diúrno que organizan concellos coma o de Pontevedra, e non é estraño que nas feiras medievais se integren tamén propostas deste tipo. En Internet, portais coma Comunidade Umbría, sostido desde Compostela, son unha referencia estatal, e foros coma RolGalicia manteñen en contacto afeccionados de todo o país.

Gáidil
A idea de facer un xogo de rol galego e en galego xurdiu porque “pensamos que para que unha lingua estea completa ten que ter un pouco de todo, e non había un xogo de rol en galego”, explica Nacho Rodríguez, un dos autores de “As crónicas de Gáidil”. “Queriamos que a xente, ademais de poder ler obras coma “O señor dos aneis” en galego, tamén puidese xogar”. A partir de aí comezou un logo proceso de elaboración de regras e dunha ambientación. “Démoslle moitas voltas, mudou a ambientación, o tema e o regulamento”. O produto final, que se presenta na edición deste ano de Viñetas desde o Atlántico, é o que eles chaman “un xogo de ambientación castrexo-fantástica. Ten algo de espada e bruxería e elementos comúns a moitas ambientacións de rol, como diferentes razas, maxia e cousas polo estilo. E iso está mesturado con mitoloxía autóctona e celta”. O mundo de Gael-leach “é como se en Galicia non tivesen chegado os romanos e o país continuase nun mundo mítico. Todo isto nun contorno fantástico que ten as súas propias razas e peculiaridades”. A proposta quere chegar alén dos xogadores habituais e conta cun sistema de xogo que emprega os habituais dados de seis caras e que “permite que o xogador experto o complete se quere”. Ademais, “As crónicas” danlle unha grande importancia ao aspecto narrativo. “Chamámoslle xogo de contar contos, a base de todo é que a xente se poña arredor dunha mesa e fale e invente historias”, explica Rodríguez

Irmandiños II
Os interesados en botar unha partida terán que agardar a comezos de outubro que é cando está previsto que a obra chegue ás librarías. “Penso que vai ser unha pequena sorpresa para moita xente e servirá para que moitos coñezan o mundo do rol e outros lle perdan o medo e vexan que é unha diversión interesante e sana”, explica desde a editora Henrique Torreiro. Ademais de nas librarías, a obra distribuirase por parte da Dirección Xeral de Xuventude en diferentes centros públicos. É tamén este departamento o que patrocina, para esas mesmas datas, a segunda edición do rol en vivo “Irmandiños: A revolta”, que se celebrará no castelo de Monterrei, en Verín. Os participantes poderán, por trinta euros, encarnar nobres, soldados, labregos e burgueses e representar a difíciles relacións que mantiveron durante a revolta irmandiña do século XV. Se na pasada edición participaron máis de duascentas persoas, para esta hai cincocentas prazas.

A recuperación
Nacho Rodríguez, un dos autores de “As crónicas de Gáidil” e xogador veterano, non dubida que estamos nun dos mellores momentos para esta afección. “A verdade é que está a revivir, e estou bastante asombrado tamén do apoio das institucións”, explica. “Desde hai un par de anos hai un renacer que non agardaba. Eu son de Ferrol, e alí coñecía máis ou menos a toda a xente que xogaba. Agora son tantos que é imposible”. Do mesmo xeito que nesta cidade, Compostela, Ourense ou Vigo amósanse como focos destacados da afección. Segundo informa Pablo Fernández, o outro autor do xogo, desde o seu blog, podemos listar Tuata dé Danann en Pontevedra, Fénix de Vigo, Casco Vello de Compostela, Aquilonia en A Coruña, Ossián en Ferrol, Ávalon de Ourense, Luzarol de Lugo e Rinxil, no Barbanza. “Hai máis clubs e tendas especializadas, e iso penso que é bastante definitorio da saúde do sector”, sinala Rodríguez. Aos clubs pódese sumar unha iniciativa como 13negativo, responsables dos xogos en vivo dos irmandiños e das partidas de ambientación vampírica que se celebraron en Compostela os pasados anos. “É xente que xa funcionan coma unha empresa e fan do rol en vivo unha actividade ao alcance do público á que calquera pode acceder”, explica Fernández.

A historia
A historia do rol galego, coma a doutras afeccións pouco recoñecidas, ten xa uns bos anos. A coincidir coa difusión deste entretemento a nivel estatal, “a finais dos oitenta e ata mediados dos noventa había varios clubes que ao mellor nin eran asociacións pero que facían moitas cousas”, explica Pablo Fernández. Grupos coma Tuata Dé Danann en Pontevedra ou ACLUJURVI en Vigo desenvolvían unha intensa actividade de fanzines e xornadas. “Despois houbo un parón moi grante ata case 2005, en que os grupos comezaron a xurdir de novo”, explica este xogador. “Penso que daquela os que chegamos a ter unha certa responsabilidade, en directivas e organizando eventos, coincidiu que fomos á universidade ou nos separamos”, completa o seu compañeiro, Nacho Rodríguez, sobre esa pausa. “Entón moitos clubs quedaron sen dirección, e deixaron de se facer cousas. E logo tamén apareceron xogos doutro tipo que restaron moita afección”, explica. “Agora estase a organizar moita xente que pertencía a eses mesmos colectivos pero que non chegaran a estar nas directivas, tomaron o relevo e están a se mover. Ademais, agora está máis institucionalizado, organízanse asociacións culturais e pídense axudas”, completa Fernández. A respecto de por qué se está a dar esta explosión dos xogos de rol, Rodríguez sinala a posibilidade de que éxitos de filmes coma “O Señor dos aneis” achegasen novos interesados. Pola súa banda, Fernández sinala tamén que “hai moitos xogos de rol de ordenador e aventuras gráficas, entón todo o mundo o ve como algo máis próximo e faise máis cotián”.

Está por ver aínda canto pode medrar e desenvolverse esta afección. É posible que nuns poucos anos as partidas de rol en vivo se teñan integrado completamente nas propostas de ocio e de promoción das nosas vilas e cidades. E que a edición de xogos de rol en galego non sexa xa anda extraordinario. O camiño está aberto.

Coñece Gáidil

Coñece Gáidil

As Crónicas de Gáidil é un xogo de rol cunha ambientación centrada nunha época castrexa chea de fantasía. Guerreiros, druídas, cazadores de monstros, feiticeiros... aventureiros todos en busca de renome para seren recordados polos bardos das idades!

Fonte: Ilustración de Víctor Rivas para As crónicas de Gáidil reproducida por xentileza de Difusora de Artes Letras e ideas. Textos de Pablo Fernández e Nacho Rodríguez

Coñece Gáidil

Coñece Gáidil

Todo tipo de seres habitan nas terras de Gáidil, dende os pequenos Loios das fragas até os enormes Tourishomes, descendentes do Touro Branco de Inis Elga.

Fonte: Ilustración de Víctor Rivas para As crónicas de Gáidil reproducida por xentileza de Difusora de Artes Letras e ideas. Textos de Pablo Fernández e Nacho Rodríguez

Coñece Gáidil

Coñece Gáidil

Os Guéghel (pronunciado con gheada) son os habitantes máis comúns de Gáidil. Viven en castros de pedra ou madeira, construíndo as súas vivendas ao redor da croa do castro, punto máis alto e central onde adoita estar a choupana do Xefe.

Fonte: Ilustración de Víctor Rivas para As crónicas de Gáidil reproducida por xentileza de Difusora de Artes Letras e ideas. Textos de Pablo Fernández e Nacho Rodríguez

Coñece Gáidil

Coñece Gáidil

Os fomoriáns son servintes escravos do Deus do Sidh Inframundo: a Dana. A súa lealtade e o seu odio en contra dos que habitan baixo a luz do deus Sol, Lugh, non teñen límite.

Fonte: Ilustración de Víctor Rivas para As crónicas de Gáidil reproducida por xentileza de Difusora de Artes Letras e ideas. Textos de Pablo Fernández e Nacho Rodríguez

Coñece Gáidil

Coñece Gáidil

Gáidil vive tempos de tebras: a Dana intriga dende o seu Reino do Inframundo e lanza pragas e bichas sobre os guéghel. O Breogán envía a heroes a tódalas partes da Gael-leach para que os seus habitantes poidan seguir vivindo en paz, pero... por canto tempo?

Fonte: Ilustración de Víctor Rivas para As crónicas de Gáidil reproducida por xentileza de Difusora de Artes Letras e ideas.Textos de Pablo Fernández e Nacho Rodríguez