As tumbas do Castriño de Bendoiro abren novas perspectivas para o estudo da época castrexa

Tumbas que desvelan tempos

Un dos grandes enigmas da arqueoloxía galega comezouse a desvelar o venres pasado. No transcurso das excavacións de urxencia levadas a cabo no Castriño de Bendoiro, en Lalín, os investigadores atoparon estruturas funerarias nas proximidades do recinto. Parece o habitual nunha excavación, pero non o é. Ata hai pouco, o lugar no que soterraban aos mortos os nosos devanceiros castrexos era unha incógnita. Aínda que os arqueólogos son aínda moi prudentes, varios achados poderían cambiar esta perspectiva.

O Castriño de Bendoiro é un pequeno recinto arqueolóxico próximo á estrada entre Santiago e Ourense. Trátase dun castro construído nunha pequena ladeira que descende ata o río, ao carón do núcleo rural de Bendoiro. Nun prado enfronte do castro, os investigadores localizaron unha campa con varias estruturas funerarias. Nomeadamente, dúas “estruturas singulares ás que se lles atribúe unha función funeraria”, afirma a nota de prensa da Consellería de Cultura. Aínda que, coa cautela necesaria, os arqueólogos sitúan estas tumbas na Idade do Ferro galega. Na época castrexa. E iso cambiaría moitas cousas no pasado que coñecemos. Vexamos por que.

Mortos que falan de vivos
Nun país como Galicia, un achado destas características é moi importante para coñecer o nosos pasado. A arqueoloxía da prehistoria emprega con frecuencia os enterramentos para obter vizosos datos sobre as sociedades que as crearon. E Galicia é rica de vez en tumbas. No Neolítico, ao longo de toda a xeografía galega, os nosos devanceiros construíron dolmens dunha gran diversidade e delimitaron áreas, límites territoriais e camiños con mámoas, túmulos funerarios agrupados en necrópoles. Coa aparición da Idade do Bronce, os habitantes de Galicia reduciron a monumentalidade das súas tumbas, facendo túmulos máis pequenos e “cistas”, pequenas caixas formadas por laxas de pedra dentro das que se depositaban as cinzas do defunto.

Pero coa irrupción da Idade do Ferro, cara o ano 800-700 a.C., as tumbas parecen desaparecer da xeografía galega. Non será ata a conquista romana, oitocentos anos despois, cando comecen a aparecer os primeiros cemiterios, e estes xa seguen os parámetros habituais da cultura romana, nas portas da cidade, na beira dos camiños. A ausencia de tumbas na Idade do Ferro escurece as posibilidades dos investigadores para comprender como estaba organizada a sociedade castrexa. Ata agora, o único achado, insólito en Galicia, fora a necrópole do Castro de Meirás (A Coruña). Unhas 70 foxas nas que algunhas aínda contiñan cinzas.

Un único achado non é suficiente. Este paradoxo da prehistoria galega foi tomada por humor por algúns investigadores. Unha famosa frase do profesor de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Alonso del Real resumía o complicado contorno para a investigación do noso pasado: “primeiro estiveron os que morrían pero non vivían (os constructores de túmulos megalíticos); logoos que vivían pero non morrían (os castrexos); e, no medio deles, os que nin vivían nin morrían, pero pintaban polas paredes os petroglifos”. “A día de hoxe”, afirma o arqueólogo Xosé Ignacio Vilaseco na Revista de Guimaraes, “todos estes baleiros teñen sido cubertos de forma máis ou menos adecuada agás un, xa que seguimos sen ter claro onde e como enterraban os seus mortos na Idade do Ferro local”.


As gabias de Bendoiro

Todo xurdiu dunha confusión. No deseño inicial do trazado da vía de ferrocarril de alta velocidade Santiago-Ourense, pensábase que as obras non afectarían ao Castriño de Bendoiro, un dos dous xacementos, moi próximos, da época castrexa nesa parroquia lalinense. Sen embargo, cando se observou que a obra pasaba polo medio e medio do recinto arqueolóxico, entre outubro e febreiro de 2007 comezaron as catas arqueolóxicas para avaliar a situación dos restos. As catas permitiron coñecer a importancia do lugar, e a Administración e o ente de infraestruturas ferroviarias, ADIF, conviñeron en facer un túnel que pase por debaixo do xacemento e permita preservalo.

Pero a sorpresa chegou na campaña deste ano, ao investigaren un prado próximo ao Castriño, no sur da zona, no que previamente se localizara bastante cerámica. Comezaron a aparecer varios tipos de estruturas. Na zona sur, unha enorme e estreita gabia de máis de 100 metros de longo. Pilar Fernández Pintos, codirectora da excavación, sinala que “forma unha especie de planta alongada que ten un estremo absidal, pero non sabemos cal era a súa función. O posible é que fose o negativo do que sería unha empalizada todo ao redor”.

As tumbas atopáronse ao norte desa zona. Son dúas sepulturas de inhumación – é dicir, tumbas no que se soterraba o corpo dunha persoa sen queimar-, na que atoparon materiais da época. Moi próxima está unha estrutura liñal, como pequenos sucos estreitos. Alí había outra tumba cuberta por unha boa capa de pedra. Nesta campaña, os arqueólogos aínda agardan abrir outra das tumbas. “De confirmarse”, afirma Pilar Fernández, “serían as primeiras tumbas de inhumación que aparecen na Idade do Ferro en Galicia”. A arqueóloga é aínda moi prudente cos datos: “cremos que corresponden á Idade do Ferro porque non atopamos un contexto doutra época”.

As excavacións do Castriño de Bendoiro revélanse dunha gran complexidade. A poucos metros dese castro, hai outro moito maior, coñecido coma o Castro Grande. A relación entre os dous xacementos, tan próximos, é unha incógnita, aínda que Pilar Fernández considera que puideron chegar a coexistir no seu momento. As excavacións prosiguen. No norte do xacemento, nunhas terrazas agrícolas, o equipo localizou máis gabias nas que comezarán a traballar estes días. O noso pasado parece desvelarse algo máis.