O concerto de Pontevedra acende máis a polémica sobre o paso de Sabina e Serrat por Galicia

Dous paxaros a tiros

Primeiro foi o concerto de Santiago de Compostela, celebrado o pasado sábado 14 de xullo. A organización decidiu cancelalo cincuenta minutos despois de comezar ante o risco de accidentes eléctricos. Un grupo dos 13.000 asistentes usuarios organizáronse a través do blog “Non somos parvos” para reclamar a devolución dos 30 euros que pagaron pola entrada ou obter algún outro tipo de compensación, coa ameaza de emprender accións xudiciais contra a compañía organizadora, Cavea Producciones. Pero os problemas da xira “Dos pájaros de un tiro” dos cantantes Joan Manuel Serrat e Joaquín Sabina continuaron onte en Pontevedra, onde os artistas celebraban outro concerto na Praza de Touros. Un número significativo de persoas con entrada non puideron acceder ao recinto ao pechárense as portas xusto ao inicio do concerto. A decisión provocou escenas de tensión e protesta por parte dos asistentes.

Máis información en La Voz de Galicia; o blog “Non somos parvos”