As Universidades Populares esmorecen coma espazos de educación alternativa no noso país

Saber popular

A súa orixe está nos movementos obreiros do século XIX en Francia. Ao noso Estado chegaron coa alba do século XX e desde aquela, desenvolveron un longo camiño ata a actualidade. Agora defenden a súa función como centros de educación alternativa para adultos e vangarda á hora de integrar determinados temas na sociedade. Son as Universidades Populares.

Basicamente son centros de formación de adultos que buscan ao tempo dinamizar a sociedade e atender as súas demandas de xeito dinámico. As universidades populares naceron en Francia como unha proposta de alfabetización e cultivo das clases obreiras no século XIX. En España, a primeira naceu en 1901 en Oviedo, e a ela seguirían moitas outras, como a da Coruña, que data de 1906. En principio, estas iniciativas naceron cunha forte influencia ideolóxica das Institución Libre de Ensinanza. "Estes proxectos querían estender o saber, e contaron con nomes ilustres coma Blasco Ibáñez ou Carmen Conde", explícanos Montse Morales, coordinadora da Federación Española destas entidades (FEUP). Logo dun parón durante o franquismo, a chegada da democracia e a constitución dos concellos a finais dos anos oitenta déronlle un novo pulo a estas propostas.

Resumo
Na actualidade, a denominación "Universidade Popular" (UP) abrangue iniciativas con todo tipo de fórmulas para se organizar. "Son municipalistas. En xeral dependen dunha concellaría, pero tamén as hai constituídas por asociacións sen ánimo de lucro. Algunhas dependen de padroados e outras son organismo municipais cunha certa autonomía", explícanos Montse Morales. As posibilidades son, como vemos, abertas. Como características comúns "considéranse proxectos de desenvolvemento cultural no concello, que buscan a participación, formación e a mellora da calidade de vida. En xeral, téntase ofertar calquera actividade que lle interesa á cidadanía e que non estea cuberta por outros servizos", completa. Nese sentido, as propostas van desde clubs de lectura, literatura, teatro ou música, ata a preparación para conseguir títulos coma o graduado escolar ou probas de acceso á universidade. Ademais, a formación é de balde ou mediante un prezo simbólico.

Universidade na Illa
Na actualidade, en Galicia é a Universidade Popular da Illa de Arousa a que desenvolve unha maior actividade. Segundo nos explica Julián García deste este centro, "o proxecto evolucionou desde os primeiros anos oitenta e na actualidade coordinamos a practica totalidade dos cursos que se organizan desde o concello e mesmo desde colectivos coma as Mulleres Rurais", explica. "Tentamos optimizar recursos, e ao pertencermos á FEUP temos máis facilidades para conseguir profesores, programas e actividades desde outros centros", ademais de fondos económicos. Canda a actividades puntuais, a entidade desenvolve propostas deportivas, educación para persoas con problemas de arraigo ("con moi bos resultados", salienta García) e outras propostas que vencellan ao centro arredor de dúas mil persoas ao longo de todo o ano.

Os saberes: Tradicións
Segundo nos lembra García, "este centros naceron tamén coa intención de preservar o saber popular, e con esta idea naceu tamén a da Illa". Nesta localidade a UP desenvolveu un intenso labor de recuperación das tradicións mariñeiras. "Fixemos cursos sobre carpintería de ribeira, de velas, e traballamos sobre a recuperación de dornas. De aí saíron proxectos coma a asociación Dorna e a escola de vela tradicional", completa. Outro exemplo destacado das posibilidades que achegan estas iniciativas á recuperación patrimonial está no Conservatorio de Música Tradicional que mantivo o centro de Vigo e que deu pé a creación da orquestra Sondeseu entre outros proxectos.

Os saberes: Vangardas
Desde a FEUP salientan tamén que o carácter destas entidades fan que "estean alerta ante as demandas sociais" o que en moitos caso levou a que "desenvolvesen actividades pioneiras. Por exemplo, hai moitos anos que traballan sobre integración social e educativa das mulleres", explica Montse Morales. "Tamén se incide desde hai tempo en educación para a saúde, desenvolvemento persoal e colectivo, educación ambiental, desenvolvemento sustentable, autoestima, toma de decisións ou análise crítico de información. Levamos tamén moitos anos con traballos sobre emprego e, cando comezaron as iniciativas europeas nese sentido xa levaba tempo a FEUP a facer talleres, mesas de emprego e proxectos". Non é estraño, segundo asegura Morales, que propostas iniciadas nas universidades acaben integrándose nas actividades cotiás e nos organigramas dos concellos.

As universidades galegas
Segundo resume Julián García, "actualmente están baixo mínimos. Que eu saiba están a de Cambados, a de Vilanova e a da Illa". Para máis desde a primeira recoñecen que só acollen cursos de verán que organiza a UNED e na segunda indican directamente que non teñen actividade. En 2003 este movemento perdía un bastión importante ao voltar a vizosa Universidade Popular de Vigo á súa denominación orixinal de Escola de Artes e Oficios. De xeito máis puntual, tamén desde o colectivo Casa Encantada organizan desde hai tres anos cursos baixo esta denominación centrados en propostas alternativas encol do Dereito e da Psiquiatría. A maiores, e de xeito máis tanxencial, está o proxecto da Universidade Rural do Eume, que participa do proxecto internacional de Universidades Rurais Paulo Freire, semellante tamén ás UPs.

A nova
Como maior novidade, hai pouco tempo saía á luz o proxecto de constituír en Rianxo a chamada Universidade Autónoma do Atlántico seguindo os criterios dunha Universidade Popular. "Parécenos que é un modelo moi interesante para articular o tecido asociativo e transcender ademais o nivel local", explica Joám Evans, coordinador desta proposta, nacida de varios colectivos. Aínda que a Subdirección Xeral de Universidades lles impediu empregar esta denominación académica, o proxecto continúa adiante co nome de Plataforma do Ensino para o Desenvolvemento e prepara un encontro de investigadores mozos para vindeiras datas.

Evolucións e posibilidades
En xeral, a situación das UPs en Galicia pode considerarse de declive logo da expansión que estes proxectos tiveron nos anos oitenta, ao abeiro dos gobernos socialistas. No noso país, "xusto cando tiñan máis empurre, o goberno autonómico non apostou por elas", analiza García. "Non amosou interese, penso que por vir de quen viña a proposta, e ao non se conseguir axudas foron esmorecendo", completa. Desde a FEUP, pola súa banda, Montse Morales salienta que "a Federación está nun bo momento, as universidades están consolidadas e dentro dos modelos de educación para adultos é dos que mellor funcionan". Nese sentido, apunta que a aposta da Administración Central pola educación de adultos pode acabar revertendo en novos apoios a estes proxectos. Do mesmo xeito, Julián García cre que existen posibilidades de recuperar o pulo. "Penso que esta é unha cousa pola que paga a pena estar aí, conseguir que outros se enganchen tamén ao carro. En Estremadura, por exemplo, lanzáronse axudas específicas para as Universidades Populares, cun sistema de inspección propio, e son as que mellor funcionan do Estado. Tamén en Andalucía teñen un proxecto importante neste sentido".

Outros xeitos de UP
Pola súa banda, Joám Evans salienta que "nos últimos tempos están aparecendo moitas, coma a de Salamanca, que xorden vencelladas a colectivos da sociedade civil", e advirte tamén que "por desgraza hai outras tamén que se crearon camuflando iniciativas empresariais e non seguen o espírito inicial". Nese sentido menciona a Universidade Popular do Noroeste, que con sede na Coruña organiza diferentes estudos de posgrao cos seus correspondentes títulos e ten coma obxectivos explícitos "formar profesionais". Como vemos, as posibilidades son moitas. Pódese debater se a fórmula é a máis axeitada ou ata que punto estas tarefas están cubertas con outras iniciativas de educación e de dinamización social. En todo caso, e polo momento, as propostas están aí.