A Mesa presenta as conclusións do Encontro Nacional sobre a Língua

Un encontro conclúe, unha dinámica continúa

A pesar de que asistencia apenas chegou á metade das douscentas persoas que agardaba a organización, a Mesa pola Normalización avaliou positivamente nun comunicado remitido onte ós medios o Encontro Nacional sobre Língua que se celebrou o pasado sábado en Compostela. A partir deste encontro, os participantes postularán a creación dun Grande Pacto Social pola Língua no que participe a maior cantidade posible de persoas. Entre as medidas máis inmediatas está a de impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular para reclamar o dereito a ser educados na propia lingua.

O encontro


O Encontro Nacional sobre a Língua que convocara a Mesa Pola Normalización Lingüística para o pasado sábado día 25 de maio reuniu a arredor dun cento de persoas na Facultade de Filoloxía desde as dez da mañá ás nove da noite. A pesar de que asistencia non chegou ás dúascentas persoas agardadas, xa que houbo colectivos que participaran nas fases preparatorias e non acudiron á xuntanza final, a organización considera "plural e representativo" o encontro. Entre outros, había representantes dos departamentos de galego de Vigo e de Santiago, Nova Escola Galega, Equipos de Normalización dos centros de ensino do Salnés, a asociación Redes Escarlata, Fala Ceibe do Bierzo, as Ciberirmandades, o Movimento de Defesa da Língua (MDL), a Associaçom Galega da Língua (AGAL) a Assembleia da Língua, a Fundaçom Artábria e a asociación Alto Minho, ademais de diferentes persoas interesadas na cuestión normalizadora.











As conclusións



O encontro rematou cua redacción dunhas resolucións nas que se recoñece a "substancial unidade existente entre galego e portugués" e se reclama unha maior colaboración entre as entidades normalizadoras. Ademais, anímase a incrementar a tensión normalizadora e a esixir respecto para os galegofalantes, así coma "o cesamento da marxinación e persecución social" do reintegracionismo. Como medidas concretas a prol a normalización do galego, relcámse unha intesificación da relación con Portugal, promovendo a recepción dos medios de comunicación lusos no noso país. Tamén se reclama un incremento de actividade a prol da normalización en áreas decisivas coma o ensino, a igrexa, os meios, os deportes, así como promover unha Iniciativa Lexislativa Popular no eido do ensino. Finalmente, reclámase a conformación dun grande Pacto Social pola Língua e afírmase a necesidade de elaborar entre todos os colectivos interesados un Plano Xeral de Normalización Lingüística












Valoracións


Onda o comunicado coas resolucións do encontro, A Mesa adxuntou a súa valorización do encontro. Por unha banda constata a coincidencia entre os diferentes colectivos normalizadores á hora de avaliar negativamente a situación do idioma, así como a importancia de que se teña recuperado o diálogo colectivo entre colectivos normalizadores e a posibilidade de crear novas dinámicas de traballo conxuntas.
Pola súa banda, o Moviemento de Defesa de Língua tamén emitiu un comunicado valorando positivamente o encontro como xeito de "tomar o pulso" ó movemento de normalización e como punto de partida para novas accións comúns.
Finalmente, o presidente da AGAL, Bernardo Penabade, amosou a súa confianza en que este encontro marque o inicio dunha nova etapa na loita pola normalización do galego, e felicitou á organización polo clima de debate e diálogo fluído que presidiu o encontro.