Presentamos algúns dos múltiples feitizos tradicionais que se poden efectuar na noite máis máxica do ano

Receitas de San Xoán

Sen dúbida ningunha, as crenzas máxicas son uns indicadores destacados dos medos e dos desexos dunha sociedade. Nese sentido, os galegos non somos unha excepción, e atesouramos na nosa tradición un bo feixe de rituais para conseguir o amor e as riquezas, protexernos de quen nos quer mal ou mesmo facerlle dano a alguén. A coincidir coa noite máxica do San Xoán, achegamos unha pequena selección de feitizos tirados do noso legado.

Para a protección: As herbas de San Xoán

1 caldeiro
Auga a discreción (a poder ser, recollida en sete fontes)
1 mollo de romeu
1 mollo de herba luísa
1 mollo de herba de San Xoán
1 mollo de fento macho
1 mollo de fiúncho
1 mollo de codesos
1 mollo de malva
1 mollo de sabugueiro
1 mollo de nogueira
1 mollo de xesta
1 mollo de tormentelo

Unha das maiores preocupacións, tanto na sociedade tradicional como na actualidade, é se protexer do mal. Nese sentido, non nos debe estrañar que un dos ritos máis estendidos con ocasión da Noite de San Xoán teña como fin asegurarse un bo escudo contra a envexa, o mal de ollo e enfermidades varias. Realmente, e a depender dos sitios, son todas, só algunhas ou mesmo unhas cantas máis as herbas que se empregan neste rito. Para os urbanitas o máis cómodo será achegarse aos mercados onde xa se venden, por estas datas, mollos xa preparados. A cousa é atar todas as herbas xuntas e deixa-las no caldeiro coa auga ao aire libre toda a noite. Á mañá, lávase a cara con ese auga, garantindo saúde, boa pel, e protección contra os males todo o ano. As herbas poden secarse e gardarse para empregalas como remedios.


Para o bo e para o malo: As sementes do fento

1 grupo de acompañantes
1 toalla branca/tea de liño
1 mata de fento
1 copia da Letanía dos Santos (dispoñible no Ciprianiño)
1 copia do recitado (tamén no Ciprianiño)
1 dose de valor

A coincidir coas badaladas das doce da noite, póusase a toalla ao pé da mata e fáiselle a bendición co sinal de cruz. A continuación debúxase un círculo arredor da mesma para evitar que entre o demo. Logo disto, os asistentes sitúanse enriba da tea e recitan ao tempo a Letanía dos Santos (dispoñible no Libro de San Cibrán, versión en castelán) para evitar intervencións infernais. Disque é común que nesta altura estean a aparecer visións terroríficas que o demo invoca para asustar os participantes (empréguese aquí o valor). A continuación recóllense as sementes e repártense de xeito que a distribución non provoque querelas, xa que doutra maneira perderían as súas capacidades. E os participantes podería perder algún amigo. Aínda despois, cadaquén debe coller as súas sementes e recitar: "Semente de fento que na noite de San Xoán fuches collida, á hora das doce en punto fuches obtida e caíches dentro dun talismán, o círculo trazado, por cuxa virtude debes servirme para toda clase de encantamentos. E así como Deus é o centro divino de Xesús e Xesús o centro humano de San Xoán, cara quen proporía, así toda persoa que toque sexa encantada... –continúa no Ciprianiño-".

As aplicacións destas sementes son do máis variadas: Por exemplo, permiten arrastrar á luxuria co posuidor a mulleres solteiras e casadas (está por probar se tamén funciona con homes), paralizar o desenvolvemento dos asuntos das persoas que sexan tocadas con elas ou prexudicar en xeral a quen llas acheguemos. Pola outra banda, o seu toque serve para curar individuos enfermos, tirar do corpo espíritos malignos, protexernos dos enganos do Demo ou conseguir que alguén nos siga. E aínda outras que é cousa de experimentar. Tamén se di que é desta semente, tirada da flor do fento (que só se pode ver esa noite) que se poden obter trasnos familiares que nos axuden en tarefas de todo tipo cos seus poderes. Hai aínda unha variedade do rito no que a semente do fento é substituída por trevos de catro follas.


Para coidar a pel: A flor da auga

1 espertador
1 fonte
1 cacharro

Ponse o espertador calculando que hai que estar na fonte xusto antes de que amañeza (está tamén a opción de non durmir en toda a noite). A cuestión é que, unha vez no manancial, recóllese a tona da auga, coñecida popularmente coma "flor da auga", e almacénase coidadosamente. Suponse que prezado líquido é un fabuloso rexenerador cutáneo, e que ten ademais todo tipo de propiedades benéficas e protectoras.


Para saber o futuro: O ovo

1 ovo de galiña negra
1 copa
Auga
1 fiestra

Énchese a copa coa auga e déitase dentro o ovo, (insistimos, ten que ser dunha galiña negra, e non estar cocido) ao que previamente lle teremos rachado lixeiramente a casca por un lado. Déixase ao aire libre durante toda a noite. Pola mañá, obsérvanse as figuras que formou o ovo na auga, e nela lese a boa e a mala sorte que sobrevirá no futuro. O Ciprianiño avisa que tamén se pode facer este feitizo na noite de Santo Antonio.


Son só uns poucos exemplos, e de certo non é moi difícil atopar moitos máis ou mesmo diferentes aplicacións e variantes dos que aquí presentamos. Ao contrario que moitas outras crenzas, posiblemente estas tradicións de San Xoán mantéñense cunha certa vitalidade por toda a nosa xeografía. Sobre a súa efectividade, haberá opinións para todos os gustos.