Descuberto o primeiro texto relixioso en prosa e en galego do Rexurdimento

Achados textuais

Un profesor alemán Johannes Kabatek vén de atopar na Biblioteca Vaticana o primeiro texto relixioso en galego escrito en prosa despois da Idade Media. Trátase da traducción dunha bula pronunciada polo papa Pío IX en 1854 e que foi tarducido a unha grande cantidade de linguas. Ademais, coñecemos algo novo sobre o texto máis antigo escrito no noso idioma, que foi presentado por José Souto Cabo a semana pasada. E finalmente, un novo achado de textos. O profesor do Conservatorio de Música de Ferrol, Xosé Crisanto Gándara, vén de rescatar do arquivo do Distrito de Braga un manuscrito con sesenta e sete textos teatrais e musicais que pensa levar a escea o vindeiro outono.

As bulas, en galego


A Bula da Inmaculada Concepción, dictada polo papa Pío IX en 1854 foi traducida a varias ducias de linguas e falares de todo o mundo por iniciativa do abade francés Siré, do seminario de Saint Sulpice, en París.
A existencia dunha versión galega desta bula era coñecida por referencias pero non se coñecía ningún exemplar da mesma ata que o catedrático en Filoloxía Románica Johannes Kabatek descubirese un exemplar na Biblioteca do Vaticano.
O documento trátase dun manuscrito de sesenta e dúas follas escritas totalmente no noso idioma. A data de redacción suponse pouco posterior ó 1854, aínda que non se sabe a ciencia certa nen se coñece o nome do traductor. De confirmarse a datación este sería o primeiro texto longo escrito en prosa no noso idioma do século XIX, e a primeria mostra de recuperación do galego no ámbito relixoso na Idade Contemporánea.
Antes deste texto, no século XIX só se conservan en prosa pequenos fragmentos de tertulias de arredor de 1836. Tamén existe unha traducción do Evanxeo de San Mateo realizada en 1860 por iniciativa do príncipe Louis Lucien Bonaparte, sobriño de Napoleón, e que traduciu Fernández de Castro.












Máis do primeiro texto


O texto máis antigo escrito en galego-portugués que foi presentado a semana pasada polo seu descubridor, o filólogo Xosé Antonio Souto, será editado pola Universidade da Coruña proximamente. Esta institución publicará un número monográfico da súa "Revista de Filoloxía" na que se incluirá a transcripción e o estudio dunha colección de documentos galegos de portugueses de ata 1265.
Pola banda portuguesa, a revista "Diacrítica" da Universidade do Minho editará tamén para o vindeiro ano este texto, un acordo de defensa mutua entre dous irmáns datado aproximadamente en 1175. A datación deste texto podería ser anterior, segundo autor, xa que a data aparece no reverso do pergameo, que contén outro documento. O pacto entre os irmáns está escrito na cara máis habitualmente empregada dos pergameos, mentres o outro documento aparece na cara menos axeitada para escrita, que só se empregaba ó reutilizar estes soportes.












Teatro do XVII

Unha colección de sesenta e sete textos teatrais de finais do século XVII é a descuberta que vén de realizar o profesor do Conservatorio de Ferrol Xosé Crisanto Gándara no arquivo do distrito de Braga. O manuscrito, co título de "Enredos de amor fingidos" contén os textos de sesenta e seis obras en español, como era costume na época, e dunha en portugués. Ademais, inclúe a música para corenta e dúas destas pezas. Este estudioso pretende agora, cun grupo de profesores de conservatorios galegos, realiar un concerto coas pezas musicais conservadas neste manuscrito. Isto implica en primeiro lugar facer unha réplica dos instrumentos da época, unha arpa, un violín, un oboe, un violón e unha guitarra. Con dúas voces femininas, está prevista que a estrea se realice o vindeiro mes de outubro na propia Braga.
Xosé Crisanto presentará a súa descuberta proximamente no XI Encontro de Musicoloxía da Universidade da Rioxa.