Artistas e público achegan a pegada galega aos museos de arte contemporánea próximos

A outra xeración atlántica

O “Proxecto Edición” foi o exemplo máis palpable da relación entre os centros de arte contemporánea do país. Pero quixemos ir máis alá e ver se os nosos artistas, público, ou crítica trascendían os contornos da Galicia administrativa e achegaban algún tipo de relación con centros próximos. Falamos cos responsables do Musac (Valladolid) e Laboral (Xixón) para coñecer as conexións galegas no eixo atlántico da arte contemporánea.

Nun radio de 250 quilómetros hai ata cinco centros de arte contemporánea de recoñecido prestixio. Son o CGAC (Santiago), MARCO (Vigo), Laboral (Xixón), MUSAC (Valladolid) e Museo Serralves (Porto). Son centros que teñen como fío de conexión abordar a arte contemporánea, pero cada un deles presenta matices paralelos que os converten en centros únicos, diferenciados e, sobre todo, complementarios.

Conexión cantábrica
Rosina Gómez Baeza aterrou en Santiago no mes de febreiro para presentar “Laboral” un centro relacionado coas novas tecnoloxías, diferenciado e atípico tanto pola súa ubicación, senón tamén polo feito de atraer a arte ao mundo fabril xixonés. A súa presentación en Santiago (feito que non se repetiu en moitas localidades) evidenciou de xeito solapado que existían vínculos de conexión con Galicia.

Rosina asegura que “temos moi boa relación tanto co CGAC coma co MARCO que fai que esteamos nun diálogo permanente e continuado”. Malia a xuventude deste centro, están a desenvolver unha tupida rede de contactos entre os que Galicia queda moi ben parada. Pero non só cos centros públicos citados con anterioridade senón tamén con entidades privadas. “Iniciamos conversas con Caixanova, para abrir vías de colaboración na arte dixital e videoxogos”, explica Rosina Gómez ao tempo que apunta que “queremos estimular esa creatividade galega e estamos abertos a dar paso a producións artísticas relacionadas coa artes visuais, coas artes creativas e con diferentes aspectos como a moda ou a xoiería”

A directora deste centro de arte e creación industrial considera que existen fíos de conexión cos diferentes centros contemporáneos. Rosina refírese á “corniche” para referirse á fachada atlántica que na súa opinión comeza en Porto, remata en Xixón e que deixa polo medio un amplo territorio co que Laboral pretende trazar fíos de conexión. “Mantivemos unha aproximación no seu momento, pero nós estamos iniciando a nosa singradura. Nestes dous últimos meses estivemos pendentes da inauguración do centro, de celebración dun festival importante, talleres e concursos pero confío en que retomaremos os contactos” explica Rosina.

Conexión meseta
No trazado Galicia-Madrid (tanto de ida como de volta) hai unha parada case obrigada: Valladolid. Alí érguese o MUSAC (Museo de Arte Contemporánea de Castela e León) que desenvolve un traballo destacado. As súas inauguracións (cada tres meses) son multitudinarias, con personalidades relevantes no mundo da arte e o seu conservador-xefe, Agustín Pérez Rubio, asegura que “tal e como veñen de Galicia, nós tamén asistimos ás inauguracións alí; existe unha boa relación”. Unha conexión que se plasma en varias frontes: público, artistas e centros. No primeiro aspecto Agustín Pérez destaca a proximidade xeográfica que resulta determinante para que chegue ata o museo público galego. Ademais, o conservador xefe do MUSAC destaca que “sempre vemos xente galega polas salas e, sobre todo, moitos estudantes. De feito, Xoan Anleo estivo hai pouco cun grupo de alumnos que viñeran no día”. Nesta liña, León está nese camiño a Madrid que o converten nunha parada case obrigada na viaxe.

Paralelamente, o MUSAC desenvolve relacións interesantes co CGAC e co MARCO. “Siempre estamos en contacto, cedemos pezas… pero non só cos centros públicos, senón tamen con calquera fundación ou centro privado que sempre ofrece a posibilidade de ceder pezas da colección” asegura Agustín Pérez quen tamén recoñece que o importante é interesarse polo que fan os demais, non repetir programaciones nin artistas. Incide así, na idea da complementariedade necesaria para que o proxecto artístico do noroeste peninsular siga a gañar adeptos. “Creo que o interesante, asegura Agustín, é que cada museo destaca un tipo de programación, son complementarias, Laboral está especializado en novas tecnoloxías, mentres que co MARCO e co CGAC, que podería haber afinidades e, pola contra, sempre acaba sumando”.

Polo demais, Agustín Pérez explica que “con centros tan próximos non acostumamos a coproducir, a política do MUSAC é a de producir exposicións e itinerancias con espazos antagónicos. Ademais, somos outra comunidade e tampouco desenvolvemos este tipo de proxectos con outros centros da nosa comunidade”.

Eixe atlántico
O Serralves aséntase en dúas vertentes: dunha banda a creación dunha colección de arte contemporánea nacional e internacional e da outra, unha programación expositiva de dimensión internacional. No proxecto museístico do Serralves subxace de fondo a idea común a centros como o CGAC, da promoción e internacionalización da arte contemporánea.

“Memento” e “Center” de Richard Tuttle foi un exemplo da coprodución entre o Serralves e o CGAC. Foi hai cinco anos e compartiron achegar ata Porto e Santiago a tridimensionalidade e a representación caligráfica dun dos artistas norteamericanos máis relevantes do momento. Foron dúas exposicións que coincidiron no tempo, pensadas de xeito autónomo e cun catálogo único concibido polo artista. Ademais, a Fundación Serralves organiza numerosas visitas aos centros de arte contemporánea do país, co obxectivo de achegarse ata Galicia. Isto combínase coas presentacións que ten feito a Fundación Serralves en Vigo, co obxectivo de achegar a súa programación ata Galicia. Pero hai moitos máis exemplos, o Auditorio de Galicia e a Fundación Serralves presentaron unha revisión conxunta da historia recente da escultura británica desde os primeiros anos da posguerra.

Son centros diferentes pero, cada un á súa maneira desenvolve a súa relación con Galicia. Conexións que axudan a enriquecer a dimensión da arte contemporánea de todo o noroeste peninsular e nos que o noso país ten algo que dicir.