O Gran Hotel da Toxa cumpre cen anos como testemuña do noso transcorrer histórico

O aloxamento da historia

¿Como se explica que un recanto agochado dunha ría galega dese nun punto de encontro de elites a nivel mundial? Desde hai xa cen anos, o Gran Hotel da Toxa supón un espazo destacado no que quedou rexistrada unha historia que mestura a presenza das elites mundiais co desenvolvemento das Rías Baixas coma espazo turístico.

O Gran Hotel naceu en 1907 coma a iniciativa dun personaxe que tivo moito que dicir sobre a evolución do noso país. O celebérrimo Marqués de Riestra, coñecendo as bondades das augas daquela pequena illa onda O Grove, pensou en crear un complexo balneario. Segundo nos explica Ana Belén Gómez, autora do libro "1907-2007. 100 anos do Gran Hotel Hesperia A Toxa" "O marqués viu as posibilidades de crear un establecemento para a alta aristocracia, fixo un concurso privado para deseñar o edificio que gañou o arquitecto ourensán Daniel Vázquez Gulías", lembra. Aínda que para hoxe o modernismo que impera na construción pode resultarnos xa clásico, daquela o edificio supuxo toda unha revolución. "Foi a primeira construción galega feita con formigón. A xente da zona non confiaba moito en que aquilo aguantase, e cando sopraban ventos moi fortes pensaban que podía caer e avisaban o arquitecto, que os tiña que convencer de que non había perigo". Canda ao propio edificio, o mesmo arquitecto foi responsable da Capela das Cunchas. Seguindo o estilo modernista tamén se abordou a urbanización da illa e o deseño da ponte que une a illa co Grove, considerado no seu momento o máis longo do mundo feito con cemento.

Do asno aos aristócratas
Existe unha curiosa crenza, recollida por Emilia Pardo Bazán, que sitúa a orixe de tan exclusivo centro nada menos que na historia dun asno. "Os mananciais eran descoñecidos. Non foi un home que por primeira vez anunciou as súas virtudes medicinais. O Colón deste novo mundo de saúde foi... un borrico", escribía a condesa en 1911. A continuación, explica o caso dun aldeán que deixara na illa un asno tiñoso e enfermo con escasa esperanza de que chegase a sobrevivir. "E ao cabo duns meses cal sería a sorpresa do dono ao atopar, na vez dun esqueleto, o burro san, saltando, co pelo tan relucente que envexaría a cabalgadura de Sancho Panza", continúa Pardo Bazán. Foi deste xeito que, en teoría, foron reveladas propiedades medicinais das lamas e augas da pequena illa. Pouco tempo despois comezou o costume de tomar as augas, e apareceron unhas primeiras e precarias instalacións balnearias, previas á construción do establecemento que nos ocupa e que marcou toda unha época.

Hotel de cine
Boa mostra da implicación do hotel na nosa historia é o feito de ser o escenario do que se considera primeiro filme galego de ficción. Efectivamente, "Miss Ledya", dirixida por José Gil e na que o propio Castelao desempeña un pequeno papel. "A nivel histórico é unha peza moi importante porque amosa en movemento como era o hotel naquela época. Vense como servían os camareiros no salón principal e como a xente ía ao balneario", explica Gómez. A participación do establecemento en aventuras cinematográficas non remataría alí. Tempo despois "rodáronse alí series de televisión. Especialmente o director Pedro Masó, que é quen prologa o libro e cliente do hotel desde os anos setenta, aproveitou o escenario para `Aneis de ouro´, `Brigada Central´ e `Composta e sen mozo´.

Famosos e máis famosos
Malia ás mudanzas históricas e que a aristocracia xa non é o que era cando abriu, este espazo continúa a ser escenario máis ou menos habituais de todo tipo de persoeiros. Para alén das repetidas visitas de distintos membros da familia real española nos últimos cen anos, pasaron por alí "Severo Ochoa, Ramón y Cajal, García Márquez, Julián Marías, Almodóvar e outra xente do cinema, futbolistas..." enumera Belén Gómez. "En 1966 mesmo se concentrou alí a Selección Española de Futbol antes dos mundiais de Inglaterra, porque lles pareceu que na illa atoparían un clima semellante ao británico". Daquela foron hóspedes locais nomes coma Gento ou Pirri. A nómina é en xeral moi ampla, e pasa por Lola Flores, Carmen Sevilla, Lina Morgan, Ana Belén, Víctor Manuel, José María Carrascal ou o produtor galego Cesáreo González. Máis próximos a nós, tamén Cela e Torrente tiveron o seu tempo de lecer na Toxa.

Conspiracións
Aínda non hai tanto tempo, en 1989, A Toxa foi escenario dunha desas xuntanzas que disque marcan o descorrer do mundo. O famoso e para moitos misterioso Club Bilderberg, que reúne anualmente xefes de estado, ex-presidentes, millonarios e persoas de relevancia internacional nunha discreta xuntanza, reuniuse aquel ano nesta illa da Ría de Arousa. "Era a primeira vez que se reunía en España", lembra a autora desta historia do hotel, "suponse que na xuntanza trataron sobre conflitos mundiais e as súas posibles resolucións. Estiveron os reis de Bélxica, presidentes de varios países, o magnate David Rockefeller, Henry Kissinger ou Felipe González", explica. As grandes facilidades da illa para establecer un perímetro de seguridade, canda á calidade do aloxamento foron ao parecer determinantes para que se escollese esta localización.

Foco turístico
Fóra dos grandes nomes, non hai dúbida de que a presenza do Hotel contribuíu de xeito decisivo na configuración das Rías Baixas como un espazo turístico. "Evidentemente configurou toda a illa", lembra Gómez. "Por exemplo, existía o hotel Casablanca, no que durmían os choferes dos persoeiros que se aloxaban no Gran Hotel. Despois fóronse construíndo outros establecementos. En xeral foi fundamental para chamar a atención sobre esta zona ao facer unha oferta de calidade". E é que, durante moitos anos, este aloxamento, canda ao Balneario de Mondariz, co que competía, e algún outro hotel en Vigo supuñan exemplos únicos de hoteis de calidade en Galicia.

A mostra
A celebración deste centenario motivou que, alén da edición do xa mentado libro, o Gran Hotel, agora denominado "Hesperia La Toja", apostou por organizar unha mostra nas súas propias instalacións na que fai un percorrido polo último século. Ademais de fotografías, obxectos varios coma traxes de baño de época ou mesmo publicidade do pasado, pódese contemplar o filme "Miss Ledya". Segundo recoñece Belén Gómez, o traballo de recompilar todo este material non foi nada sinxelo. "O hotel mudou varias veces de titulariedade e en ocasión non houbo sensibilidade para gardar as cousas. Había pouco material, e moitas das fotografías viñeron dos fondos do Museo Provincial de Pontevedra. Tamén recollín artigos sobre as calidades das augas e mesmo exemplos de publicidade postal de hai cen anos", explica. Polo momento, o hotel continúa aí, a contemplar aloxar unha parte da nosa historia.

100 anos de hotel na Toxa

100 anos de hotel na Toxa

A imaxe do centenario.

100 anos de hotel na Toxa

100 anos de hotel na Toxa

Gran Hotel A Toxa en 1910. Fotografía por Pintos.

100 anos de hotel na Toxa

100 anos de hotel na Toxa

Gran Hotel A Toxa: Fotografía de Pintos (tomada trala reforma de 1945)

100 anos de hotel na Toxa

100 anos de hotel na Toxa

Detalle do comedor do hotel en 1943.

100 anos de hotel na Toxa

100 anos de hotel na Toxa

A Infanta Isabel na súa visita á illa.

100 anos de hotel na Toxa

100 anos de hotel na Toxa

O Gran Hotel A Toxa: Xardíns deseñados por Carlos Solá, discípulo de Sorolla. Fotografías proporcionadas por Abano, Estratexias para a Comunicación.

100 anos de hotel na Toxa

100 anos de hotel na Toxa

As palmeiras onda o hotel.