O primeiro texto en galego é 40 anos máis antigo que os coñecidos ata agora

Cada día un pouco máis vellos

Trinta e nove anos máis, aproximadamente, de antigüidade documentada na escrita é o que veñen de obter o galego e o portugués coa descuberta dun texto redactado no noso idioma en 1175. A descuberta foi presentada onte polo profesor de Filoloxía Xosé Antonio Souto Cabo, durante unha xuntanza internacional de filólogos que se desenvolveu en Braga estes días. Mentres, está convocada para o sábado a xuntanza convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística para reflexionar sobre o futuro da nosa lingua, e en Pontevedra vén de iniciarse o congreso dedicado á figura de Frei Martín Sarmiento.


De 1214 e 1175



Os textos máis antigos en galego-portugués rexistrados ata o de agora eran a Noticia de Torto e o Testamento de Afonso II, datados ámbolos dous en 1214. Pero o pasado tres de dcembro José Antonio Souto Cabo, profesor de Filoloxía da Universidade de Santiago atopou na Torre do Tombo de Lisboa un manuscrito datado cando menos en 1175.
Este documento, de vinteunha liñas, é un acordo entre os irmáns Gomes e Ramiro Paes para colaborar e defenderse mutuamente de agresións exteriores, sempre que estas non fosen por parte do Rei ou dos seus fillos. Onda este texto en galego atópase outro en latín, como era habitual na época, sobre unha venda realizada en 1175. A aparición desta data sinala que o texto en galego podería ser anterior ó latín, e o emprego do noso idioma deberíase a non existencia de fórmulas de emprego común para a realización de pactos entre irmáns, fórmulas que si existían para as transaccións comerciais. Segundo José Antonio Souto, o texto tería sido redactado en Guimarães ou, máis posiblemente, en Braga
Deste xeito, a primeira referencia escrita no noso idioma e en portugués pasa a ser un mínimo de corenta anos máis vella do que estaba documentado ata o de agora. Recentemente José Antnio Souto presentou en Galicia a edición da Crónica de Iria, considerado o último texto medieval escrito en galego.












Encontro Nacional sobre Lingua



A Mesa Pola Normalización Lingüística agarda reunir a unahs dúascentas persoas de todo o país no Encontro Nacional Sobre Língua que convocou para o vindeiro sábado na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela.
Ata o de agora xa confirmaron a súa asistencia máis de cen persoas do mundo da cultura, entre os que se atopan representantes de asociacións coma a Assembleia da Língua, a Fundaçom Artábria, o Departamento de Filoloxía da USC, o colectivo Fala Ceibe do Bierzo, Nova Escola Galega ou as Ciberirmandades da Fala entre outros.
Con este encontro, desde a Mesa agárdase acadar un "grande pacto social" sobre a lingua e artellar novos xeitos de organización desde a base das asociacións e das persoas interesadas polo idioma, propondo novos xeitos de actuación e evitando a duplicación de esforzos. Ademais, analizarase a situación do galego no país e proporanse medidas a desenvolver pola Administración para acadar unha mellor normalización do idioma.




Arredor de Sarmiento


O congreso sobre Frei Martín Sarmiento que organiza a Consellería de Cultura vén de comezar hoxe, vintetrés de maio, en Pontevedra coa presencia de destacados especialistas en literatura, lingua e historia. O encontro desenvolverase ata o sábado e inclúe unha visita á mostra sobre o Ilustado que vén de abrir no Museo de Pontevedra. Entre as conferencias previstas inclúese a presentación do manuscrito "Coloquio en coplas galegas" realizada por Henrique Monteagudo. Pola súa banda, Rosario Álvarez tratará a importnacia de Sarmiento para estudiar as variantes dialectais do noso idioma e Xosé Luís Barreiro falará sobre "Realidade e utopía en Martín Sarmiento".