Moisés Barcia “en cinco anos todas as editoras galegas contarán coa súa web e ofrecerán distribución dos seus produtos a través dela”

A e-literatura

A reflexión sobre o futuro da literatura en formato papel é para uns unha herexía mentres que para outros é un abano infinito de posibilidades. En todo caso, o que parece inexorable é o avance das novas tecnoloxías nos hábitos da lectura, da escritura e da edición. Moisés Barcia, reputado tradutor, evidenciou con Rinoceronte Editora que existen posibilidades pouco exploradas ata o momento por este sector.

Que papel desempeña a internet actualmente no sector da literatura e das industrias da edición no noso país?
No eido do libro, como en calquera outro, o que non está en internet non existe. Ter presenza na rede non significa xa potenciar a visibilidade, senón unha premisa básica, un punto de partida para calquera actividade económica, cultural ou comercial. O sector da edición, ao traballar con información susceptible de ser dixitalizada e transmitida pola rede, é un dos de maior potencialidade. Na web de Rinoceronte Editora, por exemplo, pódense descargar os noso libros en versión dixital e mercar a edición en papel na nosa tenda en liña. Coido que esa debería ser a dirección.


En que aspecto considera que a rede presenta un papel máis destacado, como canle de distribución?, como soporte para a aparición de novos formatos como poden ser o libro electrónico, o libro cun compoñente multimedia ou para contidos e publicacións elaboradas polo usuario?, ou a nivel de coordinación industrial?
A función básica da rede é a mera confirmación da existencia de algo, pois calquera iniciativa que non dispoña dunha páxina web, hoxe, non século XXI, non existe. A tenda en liña, a descarga de contidos dixitalizados, a posibilidade de que os lectores-usuarios poidan deixar as súas opinións, a existencia dun catálogo permanentemente accesible... son algúns dos aspectos máis destacados.


Podería facer unha prospección de mercado. Como pode afectar a rede ao sector editorial dentro de cinco anos?
Dende o seu nacemento, hai case dous anos, Rinoceronte Editora contou con páxina web, blog e tenda en liña. Naquela altura aínda había editoras importantes que non tiñan presenza na rede e aínda hoxe quedan algunhas. Eu calculo que en cinco anos todas as editoras galegas contarán coa súa web e ofrecerán distribución dos seus produtos a través dela. Probablemente tamén se perda o medo a ofrecer descargas, aínda que sexan parciais, dos libros editados por elas. Hai que ter en conta que é a única forma de que un internauta poida “follear” un libro dixital antes de mercalo.