Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Portamérica e Resurrection Fest moven os carteis con importantes novidades

ONCE FESTIVAIS DE GALICIA OPTAN A GALARDóNS PENINSULARES NOS IBERIAN FESTIVAL AWARDS

Portamérica e Resurrection Fest moven os carteis con importantes novidades

MELóDICA | decembro 15, 2017

imaxe non dispoñible

Son varios os festivais que estes días van espreguizándose e dando sinais de vida para meterse nas axendas dos fans e que estes vaian preparando todo o necesario para asistir ás súas citas coa música. Nalgúns casos xa imos coñecendo importantes avances de carteis e noutros só ás datas de celebración, sobre todo aquelas que mudan respecto ao ano que remata. Se xa hai case un mes que o Resurrectión Fest avanzou a metade do seu listado de artistas agora ven de engadir máis nomes e ademais o Portamérica, que vai a pola súa segunda edición en caldas ven de presentar un importante número de artistas, pero non son os únicos con novidades. Ademais as votacións para elixir os mellores festivais da península están abertas e os nosos teñen boa presenza entre os finalistas.

Izal, Mexrrissey, Neuman, Viva Suecia, Chico Trujillo, El Columpio Asesino, Jacobo Serra, La Habitación Roja, La Pegatina, La Vida Bohème, Los Auténticos Decadentes, Shinova, We Are Standard e We The Lion son as primeiras 14 bandas confirmadas por Portamérica para a súa vindeira edición que terá lugar en Caldas de Reis un pouco adiantada respecto ao pasado ano (máis aínda respecto a cando se celebraban en Nigrán en agosto) celebrándose neste caso no primeiro fin de semana de xullo, do xoves 5 ao sábado 7. De novo tres días para esta cita que reúne, e xa deixa ver, un cartel de propostas musicais de ambos lados do océano, Latinoamérica e península ibérica fundamentalmente, e cuxa anterior edición recolleu o premio Fest á mellor zona de restauración dun festival grazas ao seu coñecido Showrocking de chefs. Se tomamos como referencia o cartel do 1017 con 32 actuacións aínda faltan máis da metade das confirmacións para a vindeira edición que xa tn os abonos á venda.

A cita co rock duro de Viveiro, o Resurrection Fest, que xa anteriormente presentou máis da metade da súa enorme oferta (cincuenta e tres dos 100 grupos que formarán parte do cartel definitivo) avanzando como grandes nomes aos alemáns Scorpions e os americanos KISS entre outros moitos, confirma hoxe mesmo na parte alta do cartel as actuacións de Prophets of the Rage, unha banda formada por membros das míticas formacións Rage against the Machine e Public Enemy, e tamén de a banda americana de trash metal Megadeth e os suecos Ghost que farán en Viveiro o seu único concerto na península. Ademais destes grandes nomes o festival da costa lucense engade o da banda galega Agoraphobia xunto a outros do panorama internacional de estados unidos, Xapón, Canadá, Suecia e Reino Unido. Crystal lake, ONI, Wolfbrigade, Authority Zero, Trunstile, Sick Of It All, Paradise Lost, Wolwes in the Throne Room, Eyehategod son algúns destes nomes representando diferentes estilos do rock máis duro.
Outro evento roqueiro, o Ourenrock de Ourense, que terá lugar os días 8 e 9 de xuño, vai avanzando tamén propostas. O valenciano Xavi Sarrià, fundador de Obrint Pas, estará na cidade das Burgas co seu novo disco e o festival o engade tamén as actuacións das bandas The Locos, dun dos vocalistas de Ska-p, e Smoking Souls. Ademais tamén hai que destacar importantes cambios de data comunicados recentemente por algúns festivais, como é o caso do Atlantic Fest da Illa de Arousa que na súa terceira edición pasa do primeiro fin de semana de xullo a ao penúltimo do mesmo mes, entre os días 20 e 22. Máis radical aínda é o cambio do Vive Nigrán que celebrará a súa segunda edición e ases mesmos días 20 e 21 en vez das datas agosto nas que naceu para encher o oco deixado polo Portamérica na localidade pontevedresa.


Festivais candidatos a premio ibérico

Unha das citas deste tipo de eventos musicais con máis aceptación previas ao verán é o FIV de Vilalba. O festival de música independente que ten lugar na primavera, concretamente os días 27 e 28 de abril, xa empeza a definir tamén o cartel desta undécima edición e entre as primeiras confirmacións xa hai que celebrar que haxa dous nomes da escena musical galega: Novedades Carminha e Escuchando Elefantes comparten o actual “line up” de Vilalba con Lori Meyers e La Habitación Roja. O festival da localidade lucense é tamén un dos que optan nas actuais votacións abertas da terceira edición dos Iberian Festival Awards para estes ventos en España e Portugal, neste caso o FIV ten dúas candidaturas, unha á mellor zona de acampada e outra como mellor festival de tamaño medio.

Nestes galardóns dos que unha parte importante están en votación aberta ao público a través da rede os festivais galegos teñen unha boa presenza en dez das categorías abertas e outras catro baixo xurado. Nas categorías abertas, cinco candidaturas acumula o devandito Resurrection Fest. Mellor Festival Lusófono e Hispano; Mellor Festival Grande; Mellor Cartel; Mellor zona de acampada; e Mellor actuación internacional polo concerto dado por Rammstein. Con tres candidaturas nesta numerosa lista de finalistas peninsulares está o WOS de Santiago, que pola súa recente edición é candidato a tres premios: Mellor Festival baixo teito; Mellor cartel e Mellor festival pequeno. Atlantic Fest da Illa de Arousa tamén ten unha candidatura á Mellor zona de acampada e outra na categoría de festivais de tamaño medio. É nesta mesma onde tamén compite co FIV e con Portamérica, SonRías Baixas de Bueu e Revenidas polas súas últimas edicións. Mentres que na categoría de festivais pequenos ademais do WOS están tamén o Sinsal e o Live For Madness Metal fest. Este último compite tamén polo premio a mellor festival celebrado baixo teito. As actuacións da banda granadina Los Planetas no Festival V de Valarés e a de NARCO no SonRías Baixas optan ao premio ao mellor directo de bandas peninsulares do ano. En total son dez festivais musicais competindo en nove categorías de votación do público destes premios, aos que hai que sumar o Curtocircuíto de Compostela que aparece finalista no Premio Festivais non musicais. As votacións están abertas ao público ata o 17 de xaneiro.

Nas outras categorías dos galardóns que son decididas estritamente por un xurado de profesionais do sector os festivais galegos teñen unha importante presencia en catro delas. Optando ao Premio á mellor promoción turística están o Atlantic Fest, Live for Madness, resurrection fest, revenidas, Sinsal Son e WOS. Coa excepción do WOS e engadindo ao Son Rías Baixas os mesmo compiten no premio á mellor Comunicación. Un xurado decidirá tamén noc aso o premio ibérico ao mellor programa cultural polo que competirán de novo Portamérica, Revenidas, Sinsal Son e WOS. Na categoría de premio ao mellor provedor de servicios a única baza galega estará representada polo Portamérica en asociación coa empresa Migan.