Un son máis diverso
decembro 1, 2014
A segunda edición dos Premios Martín Códax de música achégannos, ao igual que o pasado ano, unha interesante instantánea sobre o traballos de grupos e solistas do noso país. O máis de 300 iniciativas inscritas nas diferentes categorías do certame pertínennos intuír cales son os estilos máis seguidos polos nosos músicos. E semella que o rock e o pop manteñen a súa primacía, aínda que as novas categorías de canción de autor e de blues entran con forza e se verifica un ascenso da música clásica nas candidaturas. Repasa estas tendencias cos nosos gráficos.
A participación nos premios que organiza a Asociación de Músicos ao Vivo notou un importante descenso nesta segunda edición. "De 521 inscritos pasamos a algo máis de trescentos", explica o voceiro desta entidade Xacobe Martínez Antelo, unha cifra que se achega as estimacións iniciais da organización sobre os posibles participantes. "Pensamos que isto fai parte do proceso de normalización dos premios. A primeira edición percibiuse como un feito histórico, que por primeira vez recoñecían este sector. Agora xa se ven como algo que vai ter continuidade, e moita xente que está a preparar algún disco prefire agardar para o vindeiro ano coa intención de conseguir unha maior visibilidade do seu traballo. Nese sentido aledámonos porque comezan a se percibir como unha ferramenta de promoción útil", asegura.
Pop e rock
Malia a que esa mingua vai incidir inevitablemente na fiabilidade destes datos como retrato do panorama musical actual, non deixa de amosar, dalgún xeito, por onde van as notas. De novo verifícase o dominio do rock e mais do pop e indie entre os músicos do país, cando menos entre aqueles que aspiran a se facer cun destes galardóns. Os 45 proxectos inscritos na primeira categoría (18,6% dos presentados) mantéñena á cabeza das preferencias, mesmo ao perder este ano aqueles que se dedican a Blues, soul e funky, que estrean candidatura propia. O pop e indie, pola súa banda, aglutinan 34 grupos e solistas, un 11,4% do total. O panorama que fica así nesta segunda edición amosa unha maior variedade de porcentaxes do que no pasado ano. As novas categorías, canda a baixada das propostas maioritarias diversifican o panorama das candidaturas.
Os novos xéneros entran con forza
Como grandes novidades nesta edición, atópase o protagonismo que acadan os xa mentados grupos de Blues, soul e funky, que suman 16 propostas e, sobre todo, a canción de autor que, con 29, se sitúa como o terceiro xénero con máis seguimento na edición de 2014 (9,7%). De feito esta última sitúase "Ao comezo non entendiamos a canción de autor como un xénero en si mesmo, pero posúe un arraigo histórico e unha forte comunidade en Galicia, e tivemos moitas demanda para a crear". A boa resposta que acadou esta categoría fai que a súa permanencia estea garantida de cara a vindeiras edicións. Neste sentido, Martínez Antelo advirte que "aínda poden faltar máis, poida que vaiamos incorporando novas categorías. Aos poucos vas vendo cales poden estar sobredimensionadas e se poden desglosar".
Rock Vs Raíz
O dominio do rock semella que se consolida se sumamos a este estilo as 18 propostas de metal, o que completa 63 e un 21,1% dos concorrentes este ano. Pola banda das músicas de raíz, a pegada do folk e da música tradicional chega a 34 propostas, un 11,4% do total. No entanto, podemos engadir a estas as candidaturas integradas en músicas do mundo, coas que comparten en moitos casos coordenadas sonoras. Así sumadas, as 61 propostas de raíz chegan ao 20,5% do total de candidaturas deste ano. Isto sitúa este bloque de música na segunda posición a nivel de seguidores inscritos, moi achegado ao peso do rock. Isto supón un incremento relativo da posición dos sons máis étnicos a respecto do pasado ano.
Maior diversidade
A comparar a presenza dos diferentes xéneros no certame, verifícase, como non, un descenso xeral de participación. No entanto, porcentualmente, non todas as categorías sofren igual. Así, as maioritarias de Rock e Pop/Indie vense especialmente afectadas pola mingua e perden uns catro puntos cada unha, mentres outras como o folk, o metal o reggae/ska/fusión e as orquestras manteñen o seu índice de participación. Como caso curioso, a música clásica é a categoría que sofre un maior incremento relativo de participantes, a gañar case tres puntos e chegar ao 8,1% das propostas. Todo isto sen contar, como non, as novas categorías xa comentadas. Segundo o voceiro da Asociación de Músicos ao Vivo, "Pola propia natureza do colectivo, hai xéneros máis representados, como o rock, o pop ou a tradicional fronte a outros como a clásica ou a verbena. Este incremento amosa que os premios teñen xa unha dimensión superior á da propia asociación e que van chegando a novos sectores da música". Así, este ano as catro categorías máis numerosas suman un 45.3% de todas as presentadas, mentres o pasado ano, esta selección integraba o 54.4% dos proxectos a concurso.
Diálogo en igualdade
Nese mesmo sentido, este organizador sinala que "o que máis alucinante me parece deste proceso é que se acabou por xerar unha plataforma na que participan músicos de todo tipo e de todas as idades en igualdade de condicións. A min devólveme a fe nos procesos democráticos e abertos ver que se inscribe xente con sesenta anos de carreira canda a raparigos de quince co seu primeiro grupo. Todas as músicas están cara a cara na mesma mesa en igualdade, a clásica á mesma altura que a verbena, o hip-hop ou o metal, unidas pola camaradería de ser músicos. Para a directiva este é un soño cumprido, o grande premio ao esforzo".
Categorías non musicais
Ademais das propostas de grupos, a segunda edición destes galardóns acolle como novidade os premios Organistrum que queren recoñecer "os cómplices necesarios nunha profesión como esta. Somos conscientes da importancia vital que ten toda a xente que traballa no sector". Salas, Espazos de Comunicación Musical e Festivais contaron con categorías propias nesta edición, e recibiron unha importante participación que se traduciu en 14 espazos para a música, 18 medios de comunicación e mais 21 festivais a competición. A organización pretende que estes galardóns "sirvan para establecer criterios de programación. Queremos que estes espazos vexan como o sector profesional valoran as súas programacións e qué criterios se prefiren".
Logo de facer públicos a pasada semana os 54 finalistas ás diferentes categorías, fica nas mans dos membros da Asociación seleccionar mediante os seus votos os gañadores. Os resultados coñeceranse o vindeiro 17 de setembro nunha gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra.