Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Dez anos ás voltas coa manivela

O ENCONTRO INTERNACIONAL ZONA DA ZANFONA CUMPRE UNHA DéCADA A POTENCIAR ESTE INSTRUMENTO

Dez anos ás voltas coa manivela

FOLK | abril 9, 2014

imaxe non dispoñible

A zanfona vive un momento de expansión en Galicia. Novos intérpretes, artesáns de calidade internacional e unha presenza crecente aínda que minoritaria na música amosan un rico panorama. A capitanear este crecemento, os encontro Zona da Zanfona acaban de cumprir de anos como vangarda dun instrumento que aínda ten moito que dicir.

Rianxo pula desde hai unha década por se converter na capital galega da zanfona. Este instrumento de orixe medieval protagoniza desde hai dez anos o encontro Zona de Zanfona, un espazo de formación e de intercambio que reúne os afeccionados galegos aos sons da manivela e que achega ademais especialistas internacionais neste instrumento. A pasada fin de semana, a vila acolleu a edición de aniversario dunha iniciativa que promete continuar a cumprir anos.

Aceptación crecente
“Falamos dun instrumento que non é maioritario pero que está a ter unha maior aceptación do que noutros tempos. Estamos a chegar a sitios onde pensamos que non se podía chegar e agora mesmo hai xa escolas consolidadas en diferentes partes de Galicia”. Mauro Sanín, responsables destes encontros desde aCentral Folque. “Galicia está bastante ben posicionada no mapa da zanfona. Temos a Anxo Pintos ou a Óscar Fernández, e aquí reside tamén Germán Díaz, que son referentes como intérpretes”. Para alén de referentes concretos, aos poucos vaise constituíndo unha comunidade de zanfonistas no noso país. Para alén do traballo que se fai desde os encontros, Sanín apunta que os afeccionados galegos “estamos moi ben comunicados por medio de Internet. Hai moito movemento nas redes sociais e mediante vídeos que non existía hai dez ou quince anos”.

O labor da Zona
A este éxito non é alleo o labor que se está desenvolver ao longo da última década en Rianxo. “Quero pensar que somos en partes responsables desa boa saúde”, sinala o coordinador, aínda que recoñece que “a explosión está a se dar a nivel europeo a coincidir co revival de todas estas músicas”. Precisamente potenciar as conexións continentais son unha parte destacada do traballo que se desenvolve deste esta iniciativa. “Os tocadores de zanfona internacional coñecen Galicia porque neste encontro internacional estiveron algúns dos mellores, como Valentín Clastier ou Thomas Loibner entre outros, xente que levan 20 ou 30 anos a ser a vangarda do instrumento”.

Fabricación artesá
Ademais de intérpretes, Sanín apunta a existencia no noso país de artesáns como Jaime Rebollo, César Loureiro ou o recentemente falecido Pablo Diz, que se dedican profesionalmente á fabricación destes instrumentos. “Fan traballos a un nivel moi bo que compite en Europa. Investigan as posibilidades e apostan por unha zanfona moderna, chea de posibilidades, que lle permiten ao músico facer o que queira”. A calidade das actuais zanfonas, ademais, permite superar unha das grandes pexas do aparello, a perda de afinación, achegándoo a novos contornos. “Hai o dito de que un zanfonista bota media vida a afinar e a outra media a tocar desafinado. O instrumento é moi sensible e poder ser difícil de templar en condicións desfavorables. Milladoiro, por exemplo, malia a ter gravado zanfonas, nunca a levaron ao escenario. As actuais son moito máis estables e con mellor son, xa non fai falla afinalos tanto”. Malia a que falar dun boom da zanfona pode semellar esaxerado, Senín asegura que na actualidade é complicado conseguir un instrumento. “Hai moita máis demanda do que oferta, e existe un importante mercado de segunda man, revalorízanse co tempo”. E iso que falamos dun aparello que custa un mínimo de 1.500 euros. Con vistas a facilitar o acceso ao mesmo, esta última edición de Zona da Zanfona acolleu un sorteo dunha destas pezas de artesanía.

Historias a manivela
A historia do instrumento en Galicia está vencellada á musica popular e conta co nome fundamental de Faustino Santalices como o grande traballador pola recuperación do instrumento. “Foi unha figura solitaria no deserto. Cando desapareceron a finais do XIX os cegos que a tocaban polas ferias desapareceu tamén a zanfona”, explica. O traballo de Santalices, que tamén foi pioneiro na gravación deste instrumento, permitiu a transmisión deste instrumento “nunha liña moi folclórica, na que se empregaba como acompañamento vocal”. Unha situación moi diferente á de Francia, onde os últimos intérpretes tradicionais coincidiron aínda con novos músicos que herdaron a tradición. No noso país, logo de Santalices, foi o traballo de Milladoiro nos anos setenta o que trouxo de volta este son e o integrou na música folk do país. Dentro da liña que se promove desde aCentral Folque, no entanto, buscan exprimir as posibilidades do aparello. “O achegamento que propomos é a dunha máquina sonora que pode producir sons aplicables á música tradicional, a acompañar o canto pero tamén, atendendo o que se fai noutros lugares, a outros estilos.
Nas dez edicións do encontro deron para, ademais de mellorar a formación de moitos músicos, afondar no coñecemento sobre este trebello. “Presentamos unha investigación de Ignacio Dopico na que recuperou un cancioneiro e mais os planos de zanfona que fixera o escultor Isidoro Brocos e que lle serviron para facer a escultura do Cego dos Monifates”, explica Senín. Outra descuberta interesante foron “as primeiras imaxes dunha zanfona en movemento, que están na metraxe perdida do filme Galicia de Carlos Velo que apareceu en Rusia e que recuperou o CGAI”.

Novos estilos
Aínda que continúa fundamentalmente vencellada ao folk, o instrumento comeza a asomarse a outros ámbitos, e nese sentido traballan tamén desde os encontros a achegar músicos de diferentes estilos. “Tentamos traer xente que amose o seu traballo en directo, crear novos modelos para o instrumento. Así, vémola en música de jazz, en improvisacións máis experimentais e mesmo en propostas máis achegadas ao rock. Está chea de posibilidades, pódese facer que soe como unha gaita, un violín, un acordeón ou algo máis experimental”, sinala.

Dentro da perspectiva por ampliar os límites do instrumento, o encontro desta fin de semana acolleu por vez primeira un curso sobre composición. “É lago ao que levamos tempo dándolle voltas, queremos que chegue tamén á música académica. Aínda que hai algunhas composicións a nivel internacional sempre foron feitas por intérpretes. Queremos chegar a compositores que se poidan achegar ao instrumento desde unha perspectiva técnica e conseguir que se animen a incluílo nas súas composicións. Se non o coñecen acabarán reducíndoo ao máis típico e non aproveitarán as súas posibilidades”, asegura.

Para os interesados en se achegar ao aparello, este músico asegura que “aínda que conseguir un nivel profesional esixe moito traballo, a zanfona é un instrumento agradecido no sentido de que, como o seu nome indica, é moi sinfónica, de xeito que unha vez que estea minimamente afinado con facer moi pouca cousa xa pode ser moi agradable para o que toca e o que escoita”.

Como desafío do evento para o futuro, Senín apunta “conseguir que dure outros dez anos”, e de xeito particular “abrilo a un público máis xeralista. Estamos imbricados no mundo da música tradicional pero temos que conseguir unha repercusión maior, chegar á sociedade actual”. Malia a envergadura dos retos, “estamos moi contentos co traballo feito e temos moita ilusión e gana de continuar”, asegura.

MULTIMEDIA
Vídeo de aprendizaxe: Zanfona Sen Palabras / 1
VIDEO
Exposición Trebellos de Manivela