Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A cantar os Cantares (II)

A MúSICA CLáSICA OU O FOLK NON ESCAPAN áS APOSTAS POR MUSICAR ROSALíA DE CASTRO

A cantar os Cantares (II)

MISCELáNEA | outubro 10, 2013

imaxe non dispoñible

A seguir unha longa tradición de adaptacións musicais de Rosalía de Castro, tamén ámbitos como a música clásica ou o folk fan parte do aluvión de novidades discográficas sobre Rosalía que estamos a ver a coincidir cos 150 anos de Cantares Gallegos. Antigas composicións recuperadas súmanse a propostas contemporáneas e amosan o carácter contemporáneo dos textos desta autora. Fechamos a nosa serie de dúas reportaxes sobre os discos que están saír este ano.

A música clásica non fica allea ao aluvión de novidades musicais rosalianas. Así, a Xunta acaba de anunciar a publicación de Cantares gallegos. Músicas para o 150.º aniversario da súa publicación. O volume recupera, da man do tenor Joaquín Pixán e do pianista Alejandro Zabala unha escolma de obras creadas por diferentes compositores ao longo do século XX a partir de poemas desta obra, ás que se suma un novo tema composto por Octavio Vázquez. Andrés Gaos, Juan Durán ou Joaquín Rodrigo son algúns dos autores que fan parte desta compilación, que se poderá escoitar ao vivo nun concerto o vindeiro 16 de outubro, ás 20 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea.

Partituras
Na mesma liña o Consello da Cultura celebraba o pasado dezaseis de maio o concerto Aqueles doces cantares, que recollía trinta e seis pezas breves realizadas por compositores actuais a partir de versos da obras de Rosalía. O traballo compilouse nun libro que recollía estas composicións, así como os textos orixinais e a biografía dos autores. Pola súa banda, desde a editorial Dos Acordes lanzouse o libro Oito canções de Juan A. Moreno Fuentes sobre poemas de Rosalia. O proxecto recupera as adaptacións que realizara o Prefeito de Música e Coengo Maxistral da catedral de Lugo sobre textos da autora. A edición complétase cun estudo sobre o traballo musical desde autor e coa edición de Fernando Gómez Jácome.

Os que veñen: fusión e folk
Un dos achegamentos máis recentes arredor de Rosalía foi a de Tiempo Cuatro, Rosalía de Castro. Os Ollos que Falan. Unha fusión de jazz, música clásica e tango que, coa voz de Begoña Lorenzo se presentou o pasado vinte de setembro no Teatro Jofre de Ferrol e que está en proceso de produción para saír na forma de disco. En total son once os poemas que adapta este sexteto especializado en tango. Pendente de publicar anda tamén a achega de aCadaCanto a esta xeira de producións rosalianas. Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero reuníronse para gravar o pasado verán na catedral de Tui A Rosa d´Adina, un proxecto que se presentou ao vivo o pasado mes de agosto no marco do ciclo Música no Claustro e que verá a luz da man de Músicas de Salitre. O grupo mantén o seu estilo melódico e con aires folk neste seu segundo traballo, dedicado integramente á poeta.

Textos contemporáneos
Para Anxo Angueira, da Fundación Rosalía, que se achegan á autora nos últimos tempos están a amosar “un maior coñecemento de Rosalía, do mesmo xeito que se está a dar no mundo académico. Os seus múltiplos perfís parécennos hoxe perfectamente contemporáneos, sentímola máis do noso tempo e aplicámoslle fórmulas musicais actuais, o cal para min é extraordinario. Nos últimos lanzamentos atopamos versións clásicas, outras máis viradas para o folk e outras para o pop. O poder de creación do sector en Galicia é extraordinario e entón ata certo punto paréceme normal e moi positivo que haxa esta variedade”. Do mesmo xeito, Castro considera que o interese por musicar a poeta de Padrón, no entanto, está fóra de modas e de oportunidades editoriais. “Hoxe os músicos traballan a Rosalía, pero dentro de cen anos seguirán facéndoo. Teño dúbidas de que pase con outros poetas, aos que ao mellor lles eclosionan adaptación a coincidir cunha efeméride, pero non é o caso de Rosalía ou, por poñer outro exemplo, de Celso Emilio Ferreiro”.

Precedentes
O interese musical por Rosalía que estamos a ver non é, nin moito menos, novo. A gravacións xa clásicas como as de Amancio Prada sumáronse nos últimos anos achegas menos ortodoxas como foron as versións que fixo Aid desde o hip-hop no seu disco Rapoemas, o jazz desde o que se xestou o proxecto Rosalía 21 ou os aires roqueiros que Astarot ten prestado, en diferentes ocasións, a textos da poeta como Airiños Airiños Aires ou o multiversionado Negra Sombra. Precisamente, a Consellaría de Cultura acaba de publicar o catálogo Rosalía en vinte edicións discográficas, unha listaxe que repasa achegamentos musicais á poeta, e no que sinala esta última canción como “a máis gravada da música galega”. Desde a Agrupación Artística de Vigo, alá por 1930, a clásicos como Los Tamara ou Amancio Prada, historicamente foron moitas as propostas de se achegar a estes versos. Toda unha tradición que, como estamos a ver, ten traza de continuar.

MULTIMEDIA
Dende a Limia, de aCadaCanto
DOCUMENTO
DOCUMENTO