Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O canto agochado entre pipotes

A RECUPERACIóN DO CANTO DE TABERNA CONTA CON CADA VEZ MáIS ADEPTOS NO PAíS

O canto agochado entre pipotes

FOLK | marzo 12, 2012

imaxe non dispoñible

¿Quen dixo que as tabernas de toda a vida están condenadas á desaparición? Nos últimos anos multiplícanse as iniciativas para lles dar nova a vida da man da música. Os cantos tabernarios resoan por todos os recantos do país cada vez con máis forza. Pontevedra é a última en se sumar á iniciativa, da man de Maravallada, cun ciclo dedicado a esta forma da nosa tradición. Os que se queiran iniciar, téñeno ven sinxelo, xa está dispoñible na rede un Repertorio Tabernario cos ghits que mais soan onda os pipotes.

No primeiro venres de marzo, a cidade de Pontevedra vía renacer unha actividade que, cando menos na súa vertente máis tradicional, levaba anos sen se practicar. O grupo Maravallada botaba a andar o ciclo Cantos de Taberna, unha iniciativa coa que o Concello quere traer de volta esta forma musical aos bares locais. A iniciativa enmárcase nun renacer xeral desta actividade, que da man de asociacións e concellos está a se recuperar, malia á mudanza de hábitos de ocio e á paulatina desaparición dos lugares onde se adoitaba practicar.

O canto
Definir o que se entende por canto da taberna é complicado. Para alén do lugar no que se interpretan os temas, a primeira vista semella que non hai moitas diferenzas con outras formas da nosa tradición, xa que os temas e a instrumentación coinciden a miúdo. “Poderíase dicir que é un canto furtivo, porque de entrada realízase a unhas horas, na noitiña, nas que moita xente tería que estar xa na casa”, explica Torres. Como principais diferenzas, os especialistas sinalan que se dá un predominio vocal sobre os instrumentos, e que é característico o cantar en grupo, e con voces masculinas. “Polo xeral era un canto de homes, xa que antes non había mulleres na taberna”, lembra. En canto á música “é un canto con pouca instrumentación, hai que pensar que polo xeral era improvisado, e entón podíase contar cunha guitarra que houbese na taberna, ou un acordeón, pero pouca cousa máis”, sinalan desde Maravallada.

A música
Dentro da recuperación destes cantos, hai tamén tendencias. Deste xeito, Torres apunta que “desde a nosa perspectiva, non se pode meter un grupo de música nun local e chamarlle a iso música de taberna. Nós levamos un acordeón, percusión e como oito algunha gaita para cancións moi específicas, e aos grupos que veñen ao ciclo pedímoslles o mesmo. Ademais, non se poden meter grupos moi numerosos nunha taberna, porque polo xeral son pequenas e entón non se cabe”. Suso Sánchez é un dos organizadores, desde a asociación O Castelo, do concurso de Cantos de Taberna desta localidade, que reúne desde hai catro anos 16 grupos de todo o país. Desde a súa experiencia sinala que “nós facemos o concurso aberto, a calquera que queira participar. Aínda que orixinalmente os cantos eran fundamentalmente vocais, nós temos no certame desde rondallas, a grupos de música tradicional, pandeireteiras ou mesmo xente con saxos ou guitarras, procuramos variedade”.

Tradición e innovación
A variedade e a improvisación son marca deste xénero musical. “Había sempre innovacións”, apunta Sánchez. Malia á importante pegada do repertorio tradicional, no era estraño a introdución de tangos, boleros ou todo tipo de temas coñecidos en festas, a radio ou a televisión. “Nós cinguímonos á tradición, pero isto non está acotado, pódese cantar o que se queira. De feito hai xente que se arrinca a cantar outro tipo de temas, e nós imos detrás, o que interesa é a participación”, sinala Torres desde Maravallada. Dun xeito ou doutro, os músicos que traballan este xénero recoñecen un predominio de temas galegos, e mesmo apuntan os éxitos que máis se corean nas sesións. Deste xeito, para Torres, “as cancións de toda a vida están sempre presentes. A Rianxeira ou Catro vellos mariñeiros son o equivalente aos temas enchepistas das discotecas, cando se tocan, todo o bar comeza a cantar”. Pola súa banda, Sánchez sinala que “Quen teña viño é das que sempre están”.

Os lugares e o ocio
Desde Maravallada recoñecen que en Pontevedra este costume estaba practicamente extinto aínda que non falta en calquera noite quen se arrinque a cantar nun bar ou na rúa con repertorios xa do máis variado. “Custounos atopar tabernas típicas, xa quedan poucas e tivemos que botar man de locais que xa non son tan específicas e que máis ben son cafés, pero con propietarios que queren colaborar”, lembran. Fronte a isto, destaca a vitalidade que lle apoñen a esta tradición en Melide. Segundo sinala Sánchez “alí sempre se cantou polas tabernas e é unha tradición viva”, explica. Malia a que, como, de xeito semellante, o costume mantense en boa parte do país, as mudanzas nos hábitos de ocio supoñen unha especial ameaza a este tipo de cantos. A substitución de tabernas por cafeterías, pubs ou discotecas son só unha parte do problema. “ao meu ver o canto de taberna perdeuse pola televisión. Cando apareceu, a xente que cantaba comezou a estorbar”, explica Torres.
Encol da recuperación desta forma de entretemento, este músico apunta que “semella chocante que agora volte o interese. O mesmo e porque estamos en crise que a xente quere cantar. Tamén pode ser unha moda. Pero resulta curioso, porque cando o facemos nas tabernas conseguimos un éxito aínda que poñan fútbol pola televisión, co tirón que ten iso”.

Os protagonistas do retorno
Sánchez apunta que “é un fenómeno bastante recente. Nós como grupo non somos os únicos, verificamos que toda a xente que participa son máis ou menos novos”. Foz, Pobra de Brollón, Mondoñedo, Moaña, Ferrol, co seu recoñecido Ciclo de Músicas Portuarias, Compostela, Lalín, A Coruña ou mesmo Barcelona (co grupo Os Recanteiros) son só algúns dos lugares onde, con maior ou menor frecuencia, resoan estes cantos nocturnos. En Melide, cada ano esgótanse as prazas para participar no certame, e desde a organización recoñecen que “xa contabamos con ter unha boa acollida. Pensamos que é algo que funciona por si só. A toda a xente que toca ou canta gústalle cantar polos bares, é algo que resulta divertido. É moi distinto que estar nun escenario, moito máis libre”.

Influencias
Dentro do proceso de recuperación desta tradición, Torres apunta a influencia decisiva dalgúns grupos musicais. “A Roda tivo unha grande importancia, sobre todo porque fixo arranxos para temas clásicos permitindo que se puidesen cantar por todo o mundo, con ritmos moi pegadizos. Eu penso que conseguiron popularizar isto, e que sen eles non existiría hoxe o canto tabernario. Tamén podemos falar de Fuxan os Ventos ou de A Quenlla”. Máis recentemente, o proxecto Nordestin@s de Guadi Galego, Ugia Pedreira e Aber Rábade reivindicaban unha aproximación ás cancións dos bares portuarios.

Repertorio
Para alén da súa actividade en Maravallada, Torres é tamén autor dun libro que lle vai facilitar en boa medida aos interesados achegarse a este mundo. Repertorio tabernario publicado pola Área de Normalización da Universidade de Vigo, achega as letras de máis dun cento de temas populares. “Constatei que a xente se lanzaba a cantar sen saber toda a letra, e desde hai anos estaba coa idea de facer un libriño que as trouxese e que se puidese levar facilmente no peto, para botar man del”. Logo dun amplo traballo de selección buscando os temas máis populares, a publicación está a ter un grande eco, e están para se esgotar os 700 exemplares da tiraxe, aínda que a obra está tamén dispoñible na rede.

Para alén da proposta pontevedresa, que se desenvolve o último venres de cada mes, a vindeira cita
será en Melide o 28 de abril, entre as 12 da mañá e as tres da tarde, no casco vello da vila. Os interesados en se achegar, só precisan ter gana e perder un pouco a vergoña.

DOCUMENTO