Tocarlle a pandeireta á webcam
outubro 3, 2011
Está a piques de abrir as súas portas E-Xango.net, o primeiro curso de instrumentos tradicionais a distancia. Aproveitando as posibilidades das novas tecnoloxías, nace unha proposta que quere facilitarlle o aprendizado a xente que está lonxe do noso país. Esta mesma semana abre o curso de percusión e mais o de linguaxe musical.
Podemos pensar que, en xeral, no noso país é sinxelo atopar cursos nos que aprender todo tipo de instrumentos e técnicas de música tradicional. Escolas, asociacións e mesmo conservatorios dedicados a esta cuestión están repartidos por todo o país e, nos últimos anos, xurdiron tamén os primeiros libros e mesmo DVDs que animan a dar os primeiros pasos no canto e no baile. Cabe pensar tamén que é difícil atopar, fóra de Galicia, persoas que estean interesados en aprender os nosos sons populares. No entanto, nace agora un proxecto que pretende ensinar a distancia como tocar a percusión, a gaita ou cantar pezas populares.
Un método pioneiro
“Nin en Galicia nin en España, nin en Europa hai nada parecido. En xeral este método non se experimentou fóra de Estados Unidos, e alí funciona”, explica Andrés Vilán, responsable da área musical da iniciativa. En concreto, a metodoloxía inspírase na que aplica o prestixioso Berklee College of Music, en Boston. Para alén de ser o típico curso por correspondencia, no que o alumno recibe un material con partituras e explicacións sobre como tocar, E-Xango.net “baséase sobre todo na posibilidade de interacción entre o alumno e o profesor. O alumno ten que se gravar e enviar o vídeo, e sobre isto o profesor corrixe e dille xeitos de tocar, xa sexa via chat ou por correo electrónico”. A iniciativa prevé unha lección semanal, na que o alumno recibirá un vídeo, subtitulado en español e inglés, no que se indica como hai que tocar e canto hai que tocar e unhas partituras con explicacións, tamén en soporte escrito. Ademais proponse unha tarefa semanal para gravar ou un cuestionario teórico, se cómpre. Para alén destas clases, o aprendiz deberá abordar tamén un traballo final ao remate da formación, que consiste en interpretar a parte do instrumento correspondente nunha peza na que está ausente gravada polo profesorado.
O público
En canto ao público principal ao que se dirixe o proxecto, Vilán sinala que “en Galicia, a maior parte da xente ten acceso físico ao 90% dos profesores que estamos na iniciativa. Non é un país tan grande como para que non se poida un mover. O proxecto está pensado máis para o estranxeiro e España”. Máis en concreto, a grande cantidade de emigrantes e fillos de emigrantes en Sudamérica son un público potencial que xa amosou repetidamente o seu interese polos nosos sons taradicionais. “Hai moitos centros galegos en Arxentina ou Europa, que non poden acceder a profesores de certo nivel fóra dos cursos puntuais da Xunta. Hai moi poucos e entón apúntase a eles todo o mundo, e entón o profesor non pode centrarse en perfeccionar o traballo dos que tocan ben. En quince días non lles podes ensinar a xente de tantos niveis”, sinala.
A organización
A proposta arrinca cun curso de percusión galega, unha área na que os promotores do proxecto consideran que existe un especial baleiro formativo. Tambor, bombo, pandeireta e percusión en xeral será o obxectivo da primeira xeira. Canda a isto, porase tamén en marcha o de linguaxe musical, necesario para seguir a formación no caso de persoas sen coñecemento nesta materia. “Serán cursos de iniciación á maioría dos instrumentos, pero comezaremos xa cos tres primeiros niveis, de xeito que a xente que xa toca algo poidan incorporarse no que prefiran”, explica a o profesor. A matrícula, e o web do proxecto, abren esta mesma semana, e partir de novembro inícianse as clases. De entrada, non se prevé un límite de usuarios, así que non será necesario competir por unha praza. “Son cursos individuais e, polo de agora, hai profesores abondos, entre titulares e asociados estamos arredor dunha ducia. Se houbese cinco mil alumnos non dariamos, pero poñéndonos en cifras realistas non teremos problemas”. Nos nomes que participan no proxecto atopamos a algúns ben coñecidos como Óscar Ibáñez, Davide Salvado, Pablo Devigo, Edelmiro Fernández, Iván Costa, Alberto Costas, Marcos Pérez ou David Outumuro entre outros. Cada un dos cursos está previsto para catro meses, iniciando cada xeira en novembro, marzo e xullo, de xeito que nun ano completo un alumno podería abordar tres niveis de calquera dos instrumentos. A organización do sistema é tal que, dentro da secuencia lóxica de aprendizado, a matrícula pódese facer en calquera dos cuadrimestres. É dicir, un interesado con certos coñecementos de gaita pero que se quere iniciar en percusión, podería facer o primeiro de percusión este outono, o segundo de gaita na primavera e deixar o segundo de percusión para o verán ou para o vindeiro curso. En canto a prezo, cada cuadrimestre está entre 120 e 160 euros, segundo como se faga o pago, e con descontos para asociacións, centros galegos ou escolas de música. En total prevense seis niveis de cada instrumento. “Alguén que complete a formación, con tambor, por eemplo, poderá tocar como o 90% do que se pode tocar no máximo nivel, aínda que dependerá moito de cada alumno, de como se desenvolva e tamén do instrumento” lembra Vilán.
Os vindeiros cursos
De cara a 2012 iniciaranse, en marzo, dos cursos de voz e gaita, “que son os que teñen unha maior demanda”, e segundo o interese dos usuarios, está prevista tamén a posta en marcha de zanfona. “Prevemos facer tamén monográficos dalgúns instrumentos, como bodhran ou outros, que durarían arredor dun mes ou que mesmo se poderían organizar a tempo real, aínda que aí entran os problemas dos horarios intercontinentais. Este monográficos estarán orientados para xente con certo nivel e instrumentos de pouca demanda. Do mesmo xeito, haberá instrumentos que podenter menos dificultade para xente que xa coñeza outros pódese partir doutros niveis e completar en tres ou catro cursos, na vez de seis”.
Novos xeitos de aprender
A proposta confirma unha certa tendencia á mudanza no xeito no que se ensina e aprende a música tradicional galega. Propostas como Baliabén, Para cantar e bailar ou Na punta de pé abriron o camiño ao aprendizado na casa, especialmente de danza. Segundo Vilán, “o incremento das novas tecnoloxías axuda, pero tamén é certo que chegado a certo nivel con estes sistemas non abonda. Chega un momento no que se non se che explican as cousas é máis difícil enterarte de como se fai. Teñen que che dicir como se agarra, se sube ou se move, e se é algo que ves nun DVD o mesmo entendes todo que entendes un terzo”. Nese sentido E-Xango.net pretende facilitar o acceso a formadores de certo nivel, indo para alén da iniciación que propoñen outros proxectos.
Futuros
O proxecto nace con longo alento, e ten xa previstas accións a longo prazo. “De cara ao futuro probablemente tentaremos abranguer temas accesorios ao tema da música, como cursos en rede para a gravación de instrumentos tradicionais en estudios, montaxes de instrumentación ou afinado. Son temas que non están moi traballados a nivel de música en xeral e vemos que hai empresas ás que lle interesa, porque non hai cursos de ningún tipo”. Ademais, a través da propia plataforma do curso haberá a posibilidade de adquirir instrumentos e materiais necesarios para a aprendizaxe. Xa non hai excusa para non aprender a tocar.