Galardóns para xeógrafos, arquitectos e escritores por todo o país

Vaga de premios

A última fin de semana de abril veu cargada de premios. A Fundación Otero Pedrayo concedeu onte o premio Trasalba ó xeógrafo Augusto Pérez Alberti polo seu labor a prol da cultura do país. O Grupo Compostela de Universidades e a Xunta concedéronlle o Premio Internacional Compostela-Xunta de Galicia o arquitecto portugués Álvaro Siza polo conxunto da súa obra. Ernesto Sábato recollerá o premio Rosalía de Castro. Xavier Rodríguez Baixeras e Narciso de Gabriel fixéronse coa XVII edición do premio Antón Losada Diéguez. E, por se fose pouco, entregouse o premio de relatos de aventuras Avilés de Taramancos.

Xeografía e arquitectura




A Fundación Otero Pedrayo decidiu outorgar ó catedrático de Xeografía Física da Universidade de Compostela, Augusto Pérez Alberti o premio Trasalba 2002. Con este galardón recoñéceselle o seu traballo a prol da cultura e da e do coñecemento da xeografía galega. Pérez Alberti sucede no seu posto de catedrático ó propio Pedrayo e é autor do Atlas Climático de Galicia e dunha tese sobre a morfoloxía da Galicia sur-oriental. Pertence a institucións coma o Consello da Cultura Galega ou o Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento entre outros. A entrega do premio realizarase no Pazo de Trasalba o vindeiro trinta de xuño.
Pola súa banda, o Premio Internacional Compostela-Xunta de Galicia que outorgan anualmente o goberno galego e o Grupo Compostela de Universidades recaeu na súa sexta edición no arquitecto portugués Álvaro Siza. O premio recoñece o conxunto da obra do arquitecto e salienta "o seu elevado concepto solidario e da humanidade". Siza é o autor de espacio emblemáticos en Compostela como o edificio do Centro Galego de Arte Contemporánea, o parque de San Domingos de Bonaval ou a facultade de Ciencias da Información.











Escritores de fóra




Segundo sinalou o presidente do PEN Clube de Galicia Luis G. Tosar, Ernesto Sábato visitará o noso país o vindeiro dous de maio para recoller o premio Rosalía de Castro que outorga esta institución. Ademais de Sábato foron galardoados o poeta basco Felipe Juaristi, o dramaturgo catalán Ricard Salvat e a escritora brasileira Nélida Piñón. Os premios Rosalía de Castro outórganse a escritores que realizan a súa obra en catalán, euskera, español e portugués, é dicir, as linguas recoñecidas oficialmene na Península ademais do galego. A entrega dos premios, consistentes en senllas bandexa de prata, farase no Salón Nobre de Fonseca.













Escritores de aquí



O poemario "Eclipse" de Xavier Rodríguez Baixeras e o ensaio "Escolantes e escolas de ferrado" de Narciso de Gabriel foron os traballos gañadores da XVII edición do premio Antón Losada Diéguez que entrega o Concello de Boborás. Os premios, dotados con 3.000 euros cada un, entregaranse o oito de xuño no Pazo de Moldes en Boborás.
Pola súa banda, o noiés Ramón Carracedo foi o gañador do I Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e a Asociación Cultural Casa da Gramática coa obra "Frei Samuel". O premio, consistente nunha escultura de Alfonso Costa e mil oitocentos euros, foi entregado onte.