Oferta teatral para todos os gustos durante o mes de marzo

Escenarios quentes

Os escenarios galegos quecen con todas as representacións programadas para os vindeiros días. Mentres en Compostela transcorren as dúas últimas xornadas da Feira de Teatro de Galicia, outras localidades do país reciben compañías en xira ou acollen obras das locais. Unha ampla oferta para a fin de semana.

Ferrol


Ferrol concentra unha boa cantidade de obras teatrais que comezan hoxe mesmo. Xa pola mañá Teatro Artello presenta no centro Torrente Ballester a peza "Unha de amor" dentro da programación "Asteroide B-612" de teatro infantil que organiza o Concello. A obra baséase no texto "O gato gaiado e a andurinha senhá" do brasileiro Jorge Amado e narra a amizade entre un gato e unha gaivota. Para esta tarde está programada a "Choiva de meteoritos", un espectáculo participativo coordinado pola compañía Berrobambán Teatro. Se apetece ver algo máis informal, desde as oito e media da tarde e no mesmo centro a Escola de Malabarismo e Novo Circo presenta un espectáculo que combina coreografía, sketches musicais e improvisación. Este é un dos actos cos que esta formación celebra o seu primeiro ano de actividade. En datas próximas prevese realizar unha olimpiada de malabarismo e unha xuntanza de asociados. Por se fose pouco, mañá o estudio de teatro N+1 comeza mañá o seu programa de actividades deste mes coa lectura de "Os milagres do xornal" de Carlos Aniches. Será as oito da tarde no seu local da rúa Tierra nº57.


Vigo e Moaña


O sur tamén ten unha boa dose de teatro. Especialmente Vigo, que recibe hoxe mesmo a visita da obra "Gente Guapa", protagonizada por Vicky Lago, Eva Cobo e Paola Santoni e dirixida por Ramón Ballestero. Trátase dunha comedia que ridiculiza os costumes dunha burguesía que chegou á súa posición elevada pola cultura do pelotazo. A obra poderá verse hoxe e mañá en funcións ás 20:30 e ás 23:00 horas. Por outra banda, a compañía Kasilocos Teatro representa durante a fin de semana "B de Breve" no local da Asociación de Veciños da Salgueira. Unha obra fragmentária composta por anacos de contos cheos de paradoxos e con elementos surrealistas. En Moaña será Teatro Avresno a compañía que represente "As árbores morren de pé". Será mañá, no Centro Cultural Castelao de Quintela a partir das dez e media da noite.