Exposicións e conferencias abren camiño ó Dia contra a Violencia de Xénero

Falando en feminino

A proximidade do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o vintecinco deste mes, está a motivar a realización de diferentes actividades arredor da discriminación da muller. Así, en pontevedra está en marcha a Campaña contra a Violencia de Xénero, que inclúe diferentes conferencias e actividades. Mentres, na Coruña vén de abrirse unha mostra de noventa fotografías nas que se reflicte a situación da muller en diferentes lugares do mundo.

Falar


A Concellería de Muller de Pontevedra está a organizar unha Campaña sobre Violencia de Xénero dentro da que se inclúen diferentes charlas. Así, hoxe mesmo ás cinco e media da tarde, o Café Moderno será o escenario da conferencia "Dereitos humanos e dereitos e situación da muller en Guatemala", a cargo de Rosaline Tuyuc, ex-deputada nese país. Para o dia oito, a galería Sargadelos será o escenario doutra conferencia que, con título "Violencia contra as mulleres e sociedade patriarcal" será impartida por Rosa Cobo, profesora de Socioloxía. O día seguinte celebrarase unha charla coloquio no Pazo da Cultura sobre "Identidades sexuais, transxenerismo", na que intervirán Cristina Garaizábal, psicóloga especializada neste eido, e Laura Bugallo, coordinadora do colectivo TransGaliza e doutorada en Transexualidade e Educación.
Xa para o día catorce o médico forense Miguel Lorente Acosta falará sobre "Os malos tratos: unha violencia estructural" na galería Sargadelos, e o día vintetres Elena Larrauri pechará o ciclo facendo unha "Análise feminista do dereito penal". As dúas conferencias serán ás oito da tarde.












Ollar


A casa da cultura Salvador de Madariaga da Coruña acolle desde onte a mostra "Las Mujeres del Mundo Cara a Cara", na que se poden ver en máis de noventa fotografías a situación das mulleres en todo o mundo. A mostra xurdiu do primeiro concurso internacional de fotografías sobre a saúde e os dereitso sexuais e reproductivos que convocou a organización non gubernamental Federación Internacional de Planificación Familiar, con presencia en 168 países. Entre as obras expostas hai moitas realizadas por fotógrafos profesionais de todo o mundo.
A mostra poderá verse ata o día vintecinco de novembre en horario de doce a dúas pola mañá e de seis a nove pola noite.