Co título de Wounded wind, ven de publicarse en inglés Vento ferido, a colección de contos coa que Carlos Casares iniciou no ano 1967 a súa obra literaria. A tradución inglesa de Vento ferido foi feita por Rosa Rutherford e publicada por Planet, unha casa editorial independente, ubicada en Aberystwyth (Gales), que xa conta no seu catálogo con outras traducións de obras galegas como Things (Cousas), de Castelao, e Them (Crónica de nós), de Xosé Luís Méndez Ferrín. Esta primeira tradución ao inglés dun libro de Casares engádese a outras versións das súas obras xa aparecidas en italiano e ruso, ademais de en catalán e castelán.