Dani Cornes comparte experiencias íntimas co seu segundo disco

O seu novo álbum 'Aquí sempre tes casa' retrata emocionalmente a migración

| Santiago/ S. Montes | Seccións: Música
Compartir:
Dani Cornes comparte experiencias íntimas co seu segundo disco

O grovense Dani Cornes é unha rara avis que chegou primeiro á viralidade en redes, sendo apenas un rapaz en 2012, con aquel paródico xogo musical que foi o 'Rías Baixas Style' para despois ir madurando fóra do foco e ir crecendo como músico e tamén no audiovisual, a súa outra faceta artística. Un primeiro disco autoeditado en 2018, 'Días de rosas', precede a un parón musical no que céntrase no audiovisual que o leva a Barcelona. Desde alí, pero coa ollada posta na súa casa é como creou este disco 'Aquí sempre tes casa' (Dotbeat, 2026), que destila as emocións da súa experiencia vital, común dunha xeración na que foron moitos os que coma el, tiveron que deixar atrás as súas casas na procura dos seu soños. O álbum, do que xa foi entregando tres temas previos, sae hoxe ao público e sitúa a Cornes, unha vez dispoñibles as súas once pezas, nunha posición destacada entre os compositores galegos emerxentes. Estamos con toda seguridade ante un dos discos galegos e en galego do ano. 

 

Imaxe 1

Escoitar enteiro 'Aquí sempre tes casa' é toda unha experiencia e iso débeselle ao mimo posto na composición musical e das letras, así como a unha delicada produción da man de Crnds e tamén á verdade que manexa. As súas pistas desprenden emoción, ás veces contida e ás veces desatada nun bo equilibrio entre ambas. As sonoridades varían ao longo do disco presentando un abano de posibilidades en canto ao estilo e ton que impiden que na escoita ningún dos temas pase desapercibido. 

 

Se ben poderiamos encadrar o disco no pop, poñerlle esta etiqueta non lle fai xustiza se a entendemos como algo simple, porque nada máis lonxe da simplicidade que o resultado destas composicións. As letras amosan un traballo de ourivaría e pulido, atravesadas polas nostalxias, a soidade e os sentimentos de desarraigo da migración. O tema que dá nome ao álbum, 'Aquí sempre tes casa', que abre a narrativa deste volume, xunto co marabilloso e profundo 'Lixo' e o potente 'Non vos tedes que alarmar', último adianto entregado, poden ser os perfectos retratos sonoros desa experiencia vital migratoria deste artista que acaba de poñer moi altas as expectativas do seu directo e o seu percorrido a desenvolver.

 

 

 

No disco, Dani Cornes conta coa colaboración de músicos de referencia da escena musical galega como Paula Rego (Agoraphobia), Gustavo Rey (Mascada) e David Castro, sumando matices e profundidade a unha proposta que destaca pola súa sensibilidade e unidade artística. Aquí sempre tes casa preséntase como un traballo coherente e emocional, que aborda a migración xeracional desde unha mirada contemporánea e honesta, poñendo o foco na experiencia vital máis que no relato explícito. 

O futuro concerto propón un percorrido sonoro envolvente, apoiado nunha interpretación honesta e nunha narrativa visual que amplifica o discurso do álbum e na que Dani exprésase tamén como creador audiovisual. Máis ca unha sucesión de cancións, o directo ofrécese como unha experiencia atmosférica, capaz de xerar unha conexión profunda co público tanto en formatos de festival como de sala ou teatro. Aínda non hai datas concretadas para iso.

 

Que che parece esta nova?
156 lecturas 1 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Soños, Dotbeat, Barcelona, Rías Baixas...