O trío de hip hop Lumedoloop confirman calidade no seu álbum de debut

Desde hoxe xa pode escoitar ao completo o agardado '(Re)existencia'

| Santiago. Redacción / S. Montes | Seccións: Música
Compartir:
Lumedoloop © Bastián Rodríguez El membrillo

Lumedoloop © Bastián Rodríguez El membrillo

Cando en outubro do pasado ano deuse a coñecer o proxecto Lumedoloop, comezou de inmediato a crear expectación nos numerosos seguidores do hip hop galego. A razón fundamental era a reunión de tres figuras musicais relevantes da escena urbana neste xénero. Por unha banda, Jamas (voz principal), un dos MCs máis carismáticos dos nosos escenarios, cun estilo que mestura contundencia e sensibilidade, posuidor dun flow natural cargado de musicalidade e forza explosiva. Pola outra, Møu (produción musical e voz), o produtor que marcou a evolución do rap en Galicia, cunha identidade sonora tan asentada coma en constante exploración. Ambos, fundadores de Dios Ke Te Crew, referencia indispensable do rap en galego, alíanse neste proxecto artístico con DJ Mil (scratches e djing), virtuoso dos pratos cunha carreira consolidada cuxos cortes e seleccións son parte esencial da narrativa sonora de Lumedoloop. Tras varios adiantos nestes pasados meses, este venres 20 de febreiro, o trío compostelán saca á luz o seu álbum debut, '(Re)existencia', que presenta como unha obra conceptual que vai alén dun conxunto de cancións para ser a materialización dunha filosofía de vida e, moi especialmente, un mapa de navegación para tempos convulsos.

Imaxe 1

Jamas, Møu e DJ Mil presentan aquí un traballo ambicioso na calidade, coidado ao detalle e todos os sentidos, de composición musical , letras e produción sonora. Catorce temas propios presentados con sentido narrativo ao longo do disco, que comeza cunha canción homónima do grupo, 'Lumedoloop', que serve de contundente presentación e declaración de intencións. "O lume está aceso, o loop faino eterno", canta Jamas e así arranca este traballo elaborado traballo discográfico que propón unha fonda reflexión sobre o significado de vivir con conciencia e que pon o foco sobre a creación artística como ferramenta de resistencia, pensamento crítico, aprendizaxe e celebración colectiva, sempre sen traizoar os propios principios. Deste xeito, Lumedoloop presenta a palabra como acto de desobediencia e a música como espazo de (Re)existencia. O título do álbum xoga co verbo 'existir' e co prefixo 'Re' para activar, segundo a formación, as tres dimensións interconectadas que forman o núcleo ideolóxico e emocional do álbum: Rexistencia, o lume da firmeza innegociable (a loita creativa e integral); Reexistencia, o loop da transformación perpetua (que con cada volta amplía a conciencia e fortalece a identidade); e Existencia, a presenza plena e consciente do mundo (vivir con dignidade radical, coherencia interna e unha relación honesta coa verdade propia). 

 

A pasada semana Lumedoloop daba a coñecer o último avance e, á vez, o centro emocional do disco, 'Fíos de Cor', un relato sobre a protección, a aceptación e a aprendizaxe, "de mirar ás sombras de fronte e aprender a convivir con elas no que contan coa colaboración de Nastasia Zürcher. De aceptar que forman parte de nós e de transformar esa escuridade en luz".  Antes diso, con 'Rico de Sabor', o trío reflexionaba sobre o materialismo afectivo fronte á precariedade económica e, con 'Rap Cru', abordaba a celebración da creación pura, libre de aditivos comerciais, como acto de renacemento. 'Con Non Traio Un Laio', a formación erguía a voz contra a submisión lingüística, o desarraigo cultural e a favor do empoderamento da lingua galega cun himno de orgullo e de resistencia identitaria; e con 'Involución' asinaban un manifesto o contra a involución social, sinalando o un capitalismo depredador, a progresiva lexitimación da ultradereita e o papel das elites económicas e mediáticas. 

 

Nos outros nove temas que xa se poden escoitar a través das plataformas dixitais (Baixo Cal, Space Drunkers, Transmisión Etílica, Imaxinario, Seca as bágoas, Ra e Apofis, A Nosa Lei e O Xerme da Desobediencia, tema que pecha o disco cunha chama á insubmisión esperanzada) o trío tira dunha gran diversidade de sons e ritmos, desde a base máis ortodoxa ata fusións e ecos ricos en matices e creación de atmosferas entre o himno e o íntimo,  para incidir neses conceptos de profundidade que manexan desde o social ata o emocional. Aínda non datas públicas para a presentación en directo deste traballo.

 

 

Que che parece esta nova?
149 lecturas 2 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Identidade, Filosofía, Xénero, Narrativa...