Convocan por concurso o comisariado da Bienal de Arte de 2027

A 33ª edición terá tamén unha sede en Vigo

4/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: ArtePolíticas Culturais
118 lecturas | Compartido 1 veces

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a 33ª edición da recuperada Bienal de Arte coa publicación do concurso público para elixir o equipo comisarial. As bases, xa dispoñibles no portal de contratación da Deputación, buscan incorporar un comisario/a ou equipo capaz de definir e articular o concepto central da exposición, seleccionar artistas e obras e construír unha narrativa curatorial sólida e coherente. 

Deste xeito, ata o próximo 24 de febreiro ás 10:00 da mañá poderán presentarse ao concurso profesionais ou equipos con demostrada experiencia no deseño e desenvolvemento de proxectos expositivos ao longo dos últimos 15 anos, así como unha traxectoria mínima de 10 anos no comisariado de bienais internacionais de arte contemporánea.

 

O equipo seleccionado será responsable de definir a tese curatorial da 33ª Bienal que se desenvolverá entre maio e agosto de 2027, articular a súa narrativa expositiva e coordinar os diferentes ámbitos conceptuais e técnicos do proxecto. O concurso establece un premio de ata 10.000 euros para a proposta gañadora, que se integrará como anticipo dos honorarios profesionais, próximos aos 60.400 €. Unha característica da próxima edición é que se reducirá o número de sedes. As principais serán os edificios do Museo de Pontevedra: o Edificio Castelao, o Edificio Sarmiento, a Igrexa de Santa Clara e as Ruínas de San Domingos. Como novidade, incorporarase unha sede en Vigo: a sala de exposicións de Sede Afundación. O xurado que tomará a decisión sobre esta convocatoria estará integrado por Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra, xunto con dous perfís externos de especial relevancia no panorama artístico contemporáneo. Carlos Cuadrado Romay, secretario xeral da Deputación de Pontevedra, completa o grupo, cuxa participación garante un proceso de valoración sólido, plural e conectado cos debates máis avanzados da creación contemporánea.


Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Vigo, Pontevedra, Narrativa, Deputación de Pontevedra...