Os premios Follas Novas engaden xurados por seccións

A nova convocatoria indica que se levarán a cabo tres separacións de selección para os 13 galardóns

9/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaLingua
101 lecturas | Compartido 1 veces
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) veñen de convocar unha nova edición dos Premios Follas Novas, que distinguirán obras publicadas entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025, en papel ou formato dixital, sempre que estean editadas orixinalmente en lingua galega e integradas na cadea comercial do libro galego. Esta nova convocatoria chega con cambios relevantes nas bases, que teñen que ver máis coa organización dos xurados que cos galardóns en si mesmos. Dun xurado único para os trece galardóns pásase a tres xurados diferentes que dividirán os premios en tres seccións para escoller dun xeito máis específico as obras gañadoras.
Na procura dunha pluralidade e especialización maiores, así como para garantir unha grande transparencia no proceso establécense desde este ano tres xurados, compostos por catro persoas cada un, e organizados por ámbitos específicos do libro. Así, establécense tres seccións: sección literaria, que se encargará das categorías de Narrativa, Teatro, Poesía, Infantil e Xuvenil e Promoción da Lectura; sección de deseño, responsable dos premios de Libro Ilustrado e Banda Deseñada; sección de edición, que avaliará as categorías de Mellor Libro Editado, Iniciativa Bibliográfica, Tradución, Ensaio e Investigación e Divulgación. Cada un destes xurados estará integrado por representantes da AELG, da AGE e da FLG, xunto con profesionais independentes dos distintos sectores do ecosistema do libro —edición, librarías, escritura, bibliotecas e crítica—, incluíndo dúas persoas escritoras de recoñecido prestixio, todas elas con voz e voto. Segundo explican desde a organización, esta nova estrutura permite unha avaliación máis específica e rigorosa de cada ámbito, adecuando os criterios ás particularidades de cada tipo de obra. A gala dos premios celebrarase o vindeiro 9 de maio de 2026 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves