O WOS afianza a súa continuidade e crecemento en Galicia

Presenta o seu sólido programa de actividades complementarias aos concertos

Presenta o seu sólido programa de actividades complementarias aos concertos
A presentación contou coa asistencia da concelleira de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao; do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas; do director da Axencia Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Merelles; do director executivo e artístico do WOS Festival, Iván Arias; Foto: Xunta de Galicia
O apoio institucional fixo posible este ano que o festival WOS recuncase cunha nova edición, non só en Santiago de Compostela onde naceu, senón en Galicia. Así o expresou hoxe Iván Arias, director do evento, que explicou como, tras a cancelación do pasado ano ante a imposibilidade de levar a cabo a edición cos estándares nos que xa estaba colocado festival cos premios profesionais recollidos en 2018 e 2023 como mellor festival en recinto pechado de Europa e da península respectivamente, púxose sobre a mesa un plan de viabilidade que, co apoio solicitado das administración públicas (Concello de Santiago, Deputación Provincial da Coruña e Xunta de Galicia) pode permitir a permanencia e crecemento deste proxecto singular que contribúe a dar unha proxección de Galicia na cultura da creación contemporánea alternativa e de vangarda. De feito, segundo o reconto na venda de entradas e abonos desde a organización xa confirman que o 52% dos asistentes chegan desde fóra de Galicia, maioritariamente da comunidade madrileña, e deles o 4% de fóra de España. Arestora o festival xa ten os abonos esgotados e o ritmo de venda entradas só deixa dispoñibles apenas un cento para o venres e o sábado. Arias presentou hoxe as actividades complementarias aos concertos que ofrecerá estes días a oitava edición do WOS, entre o 11 e o 14 de setembro.

O Centro galego de Arte Contemporánea (CGAC), a sala NÚMAX e as instalacións de AFundación Abanca na cidade serán os espazos que acollan a maior parte das actividades paralelas aos concertos que este ano ofrece a sólida programación do WOS. Neste marco preséntase o novo proxecto de investigación e creación sonora, titulado 'Amplificando a memoria'. A iniciativa, que combina memoria tecnolóxica, creación artística, reflexión social e participación cidadá, poderase coñecer na Sede Afundación, para poñer en valor un obxecto tecnolóxico singular e prácticamente esquecido: o Organsound, o alfofalante galego deseñado en 1972 polos irmáns composteláns Portela Seijo, e que toma como referencia a potencia e a riqueza sonora dos órganos de tubos. O proxecto de WORK ON SUNDAY propón dar voz, presenza e actualidade do patrimonio sonoro galego desde unha perspectiva accesible, crítica e interxeracional. Así, alén da recuperación técnica destes altofalantes, a iniciativa "quere facer audibles as historias, os sons e as emocións que nos conectan como sociedade e situar ás novas xeracións no centro da preservación e actualización do noso acervo cultural", segundo explica a directora do proxecto, Acacia Ojea.

O complemento cinematográfico ao programa de WOS terá o seu espazo na sala NÚMAX. Nesta edición celebraránse tres sesións, do venres 12 ao domingo 14 de setembro, nas que explorase a historia da comunidade raveira con 'Free Party: A Folk History'; a natureza do son e a súa capacidade para modificar a nosa percepción do mundo en '32 Sounds'; e as pegadas do xenocidio no espazo sonoro co filme 'The Diary of the Sky / Where the Language Fails Us'. No CGAC, os días 12 e 13 terán lugar dúas charlas nas o festival pon o foco no tecido artístico e clubbing de Galicia, continuando coa actividade iniciada en 2023 baixo o título 'O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional'. A proposta ofrece unha ollada coral ao presente e pasado recente da electrónica galega, reunindo artistas, colectivos, selos e axentes clave para compartir perspectivas e abrir un espazo de diálogo que fortaleza a memoria e a proxección desta escena diversa e viva.