O concepto 'pianotelling' é o nome da proposta da pianista Elsa Muñiz (Boiro) para este o seu segundo álbum 'New Beginnings'. Esta idea responde á creación dunha experiencia narrativa sensorial, onde cada peza instrumental vai unida a un relato. Deste xeito, se na presentación nos directos cada peza irá entretecida cunha narración creando unha atmosfera emocional, no disco os textos destes microrrelatos acompañan, xunto con caligramas, as nove pistas do traballo. 'New Beginnings', usando esta experiencia, afonda sobre o renacer, a toma de decisións valentes e a busca de autenticidade nos novos comezos. Con este traballo, Muñiz comeza ademais unha carreira musical de dedicación plena á súa vocación.
A primeira posta en escena deste traballo, que xa está en plataformas dixitais e conta cun vídeo gravado nunha das praias da súa vila no Barbanza, terá lugar o vindeiro domingo no marco do Festival da Luz en Boimorto. Tras diso a artista actuará o venres, 5 de setembro, na Capela de Santa María, de Lugo, nun concerto de entrada libre ás 20:00 horas. Tamén de acceso de balde será a presentación en directo na Sala de Ámbito Cultural de El Corte Inglés en Santiago de Compostela o 19 de setembro ás 19:00 horas. O Liceo de Ourense acollerá a súa proposta o venres 10 de outubro.