A IX Foliada da Fonsagrada lembra a Herminio Villaverde

Obradoiros, concertos, cantos de taberna ou unha feira de artesanía compoñen o programa ata o vindeiro día 9

4/12/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:

Este 5 de decembro comeza a novena edición da Foliada da Fonsagrada. Esta cita de música tradicional, considerada unha das máis importantes do país, desenvólvese ata o día 9 neste concello da montaña de Lugo cun nutrido programa de actividades.

Herminio Villaverde, tocador tradicional de trompa nado neste concello, protagoniza o cartel da xeira. No mesmo, un código QR permite escoitar as pezas que Dorothé Schubarth lle gravou e que ficaron recollidas no Cancioneiro popular galego.

A Asociación Cultural Petapouco e a Destempo, que organizan o encontro co apoio do Concello e da Deputación de Lugo, artellou para esta xeira obradoiros de pandeireta e baile, cantos de taberna e unha feira de artesanía. Canda a estes, o día 6 poderán escoitarse os concertos de Maricarme, El Naán Trío e Ana Lua Caiano. Para o 7 os recitais estarán a cargo de Candorka Trío, Axeigo e, como feche de festa, subirán ao escenario Mediarea, Xosé Lois Romero e Aliboria, Fillas de Cassandra e Llevólu'l Sumiciu.

Unha presentación do libro Alborada en Vilaquinte, de José Ramón González Pérez, acompañada da actuación do Grupo Bouba, a ruta dos pintores e unha butelada completan o programa desta edición.

Que che parece esta nova?
63 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Fonsagrada, Feira, Lugo, Dorothé Schubarth...