Máis de 130 proxeccións de audiovisual de vangarda internacional no (S8)

A 15ª edición da Mostra de Cinema Periférico comezará o 31 de maio na Coruña

A 15ª edición da Mostra de Cinema Periférico comezará o 31 de maio na Coruña
A 15ª edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar do 31 de maio ao 9 de xuño en diferentes localizacións da cidade da Coruña contará con máis de 130 proxeccións do audiovisual de vangarda. Estreas, obras inéditas, referentes internacionais convidados, retrospectivas únicas en Europa e unha aposta clara polas novas xeracións de artistas fan da (S8) unha cita referente arredor do cinema experimental. O discurso fílmico das creadoras de vangarda imponse nunha programación que atravesa a obra de referentes como Narcisa Hirsch, falecida hai poucas semanas e a quen se lle dedica este ano o festival, cunha primeira gran retrospectiva da súa obra.



A nova vangarda galega estará representada dentro da programación na sección Sinais cos traballos de Iago Lourido, que propón unha obra enmarcada en San Sadurniño e na súa experiencia no festival Chanfaina Lab; Yasmina Farhani Luaces, graduada en Belas Artes en Pontevedra que trae a (S8) unha obra nacida do obradoiro impartido por Berio Molina na última edición do festival Novos Cinemas de Pontevedra; ou o vigués Pablo Agma, recente gañador das bolsas ao desenvolvemento ese8_LAB, organizadas polo festival. A obra da artista de Xinzo de Limia, residente en Barcelona, María Ruído protagonizará o programa monográfico en liña Ultreia et suseia, dedicado cada ano ás voces máis destacadas do cinema galego actual.

Creadoras e Foco canadense
A Mostra renderá homenaxe tamén ao cineasta norteamericano falecido hai un ano, Kenneth Anger, que terá lugar o día de apertura do evento coa sesión 'O cine de Thelema', no marco da que se proxectarán na cinemateca Filmoteca de Galicia os seus filmes Lucifer Rising e Inauguration of the Pleasure Dome. Anger foi autor do famoso libro Hollywood Babylon, publicado en 1965 e en cuxas páxinas desfilaba o máis escabroso da industria do cine. No relativo ás creadoras o programa tamén se detén no cinema underground de Annalisa D. Quagliata e na memoria da diáspora de Franci Durán, a chilena afincada no Canadá cuxo traballo, relacionado coa Film Farm, enraíza na experimentación con soportes fotoquímicos. Será unha das protagonistas do foco canadense da 15º (S8) xunto con Rhayne Vermette, cineasta Métis (un dos tres pobos aborixes recoñecidos en Canadá), premiada na Berlinale e no festival de Toronto coa súa primeira longa Ste. Anne. O traballo das mulleres no audiovisual actual centra tamén o foco da nova sección Sinais Latinoamérica, na que se proxectarán exclusivamente obras de mozas creadoras. Ademais, o dinamismo e a mocidade da escena actual de cinema experimental canadense vén da man de the8fest, festival veterano dedicado a mostrar exclusivamente cinema feito en súper 8, hoxe dirixido pola cineasta exipcia-canadense Robin Riad, que traerá unha selección de pezas da historia do festival.

Por último, a sección Desbordamentos, dedicada ao cinema expandido, acolle este ano a dúas artistas que transitan ese camiño: Gaëlle Rouard e Lynn Loo. De Rouard, unha das fundadoras do mítico Atelier MTK en Grenoble, poderase ver entre outras, a súa película Darkness, Darkness, Burning Bright que se estreou no Festival de Rotterdam e gañou o Premio á Mellor Película Experimental do festival Curtas Vila do Conde, en Portugal. Pola súa banda, Lynn Loo, música e cineasta orixinaria de Singapur e radicada en Londres, explora o cinema expandido con filmes-performances nos que emprega varios proxectores de 16 mm funcionando á vez. Dentro desta sección tamén se poderán ver as obras resultantes de BAICC, a residencia do LIFT de Toronto, que este ano foi desfrutada por Agnès Hayden; e das Bolsas ese8_LAB, grazas ás que a artista peruana afincada en Madrid, Nicole Remy, viaxou ao Nanolab en Australia.