Tanxugueiras prometen unha apoteose de fin de xira en decembro na Coruña

O trío reunirá artistas colaboradores no Coliseum nun espectáculo co que pechan esta etapa de dous anos intensos

O concerto de fin de xira das Tanxugueiras preséntase como a apoteose final dunha etapa moi especial, a que comezou cun éxito cargado de polémica e seguiu co recoñecemento e achegamento masivos dentro e fóra de Galicia á música de raíz representada nestas tres mulleres. O trío, que neste período de dous intensos anos sacou o seu disco "Diluvio"e ofreceu máis de 110 actuacións por toda a Península despídese por todo o alto del e pecha a denominada Xira Midas con O DERRADEIRO DILUVIO, un concerto especial que terá lugar o sábado 16 de decembro no recinto Coliseum da Coruña. As entradas estarán á venda ao público xeral o venres 1 de setembro ás 11:00h a través da web oficial de Tanxugueiras.

Segundo aseguraron Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro nunha rolda de prensa na que tamén estivo presente a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, este será "un show único que se materializará para unha ocasión que promete ser histórica", e no que non faltarán as cancións que xa son buque insignia de Tanxugueiras como Terra, Averno ou Aire, entre moitas outras. Contará con convidados de luxo como Rayden, Rozalén, Muerdo, Guadi Galego ou Valeria Castro aos que se lles engadirá algunha sorpresa aínda por desvelar. Mondra, un dos nomes máis destacados da nova escena emerxente galega que estes días presenta un tema no que colabora Aida Tarrío, abrirá a velada ofrecendo unha actuación de apertura. Tal e como remarcaron na súa presentación ao facer repaso da xira, algúns concertos realizados quedarán para a historia, como o do Festival Noroeste na Coruña diante de 80.000 persoas ou o do Auditorio de Castrelos de Vigo ante 40.000 persoas, así como o seu paso por macrofestivais como o Río Babel ou o Cruïlla, festivais icónicos como o Festival de Ortigueira ou o Festivalino de Pescueza, grandes ciclos de concertos como o Pirineo Sur, templos como o Palau de la Música ou localizacións históricas como os pés do Acueducto de Segovia.

Oferta para asociacións tradicionais
Como grupo que nace, medra e se nutre da música tradicional galega, a conexión coas asociacións que poñen este aspecto da cultura en valor é moi importante para as Tanxugueiras, unha formación que nace neses círculos, e como mostra de agradecemento e respecto polas raíces e os inicios do grupo, porán a disposición das máis de 500 asociacións de música tradicional galega unha prevenda especial cun desconto dun 10 por cento. A prevenda especial comezará o mércoles 30 ás 11:00h e o código estará activo ata o día 3 de setembrpo ás 23:59. Ínstase a aquelas asociacións que queiran gozar do desconto que se poñan en contacto coa promotora PlayPlan e desta maneira que os seus afiliados poidan beneficiarse do código de desconto na compra.


Ligazóns