"Del Riego empregou coa plástica as mesmas ideas de renovación e modernidade que co resto da cultura galega"

Falamos con Beatriz Liz de Cea, autora dun libro sobre a relación de Francisco F. Del Riego coa pintura

Falamos con Beatriz Liz de Cea, autora dun libro sobre a relación de Francisco F. Del Riego coa pintura
A historiadora Beatriz Liz de Cea.
"Despois de Castelao, non dubido de que o intelectual galego máis retratado polos pintores do século XX foi Francisco Fernández del Riego, e sen encargalos el!", afirma sen dubidar Beatriz Liz de Cea (Vigo, 1977), historiadora e comisaria de arte que acaba de publicar con Galaxia Don Paco. Letras para a arte galega (Galaxia, 2023). Eses retratos de Maside, de Colmeiro, de Seoane ou de Laxeiro desvelan a estreita relación que tiña Del Riego con boa parte dos grandes pintores da Galicia do século XX, un trato que tivo importantes consecuencias para a renovación da arte galega, segundo relata Liz de Cea no volume.

Cando en 1995 Francisco Fernández del Riego doou ao Concello de Vigo parte do seu legado privado, incluíronse 79 óleos e outro tipo de obras plásticas nos que figuraban autores como Laxeiro, Seoane, Colmeiro, Mario Granell, Virxilio Blanco, Manuel Torres ou Pesqueira. Unha especie de pequeno museo da arte galega contemporánea. "Cando a coñecín vin que era unha colección pequeniña e que se foi xestando ao longo da túa súa vida. Están moi ben referenciados artistas que vivían na súa contemporaneidade", explica Liz de Cea, "pero decateime de que había algo máis que unha relación persoal cos artistas. Non era un cliente, ou non era só un cliente".

Picasso en 1933
A historiadora comezou a investigar na inxente produción escrita do polígrafo de Vilanova de Lourenzá. "Atopei que comezou a publicar críticas de arte en El Pueblo Gallego na década de 1930. E tiña moi bo ollo para a arte. Por exemplo, el escribe con 19 anos que Mario Granell, que de aquela tiña aínda 15, era unha das grandes promesas da pintura galega. E efectivamente, hoxe Granell é un dos pintores destacados", explica Beatriz Liz. O seu interese pola arte galega ía parella, xa de novo, coas tendencias da arte universal. "Algunhas das súas lecturas sorprenden", explica, "por exemplo, no ano 33 el xa está falando do cubismo de Picasso".

Liz de Cea decatouse de que, malia ser menos coñecida, a labor que Del Riego fixo en relación á arte galega ía parella á doutras disciplinas artísticas nas que o seu compromiso é máis coñecido, como a literatura. "Foi un auténtico defensor da renovación da arte galega. Podería ter mirado para outro lado, pero non o fixo. Os renovadores tiñan implícita unha idea da identidade galega, sempre a través da modernidade e a universalidade. Era tamén a súa idea do galeguismo".

Para Liz de Cea "existía trala Guerra civil unha arte galega máis académica, que viña dunha tradición moi costumista, do rexionalismo, suxeita á ditadura e xeograficamente moi limitada. O que exportaban era unha Galicia que non era real, era unha Galicia amable. Esa idea de que había que representar unha Galicia real vén de Castelao, que é quen revoluciona ese tipo de representación, e dicía aquelo de "eu non teño vocación de estupefaciente".

A conexión co exilio

Del Riego comprométese con ese proceso de renovación a partir do ano 1947, en diálogo estreito coa gran figura da arte no exilio, Luís Seoane, e tamén establecendo moitas ligazóns co outro gran pintor na diáspora, Colmeiro. Os dous van manter unha intensa correspondencia de periodicidade semana na que falaban ao redor deste proceso de renovación. "Seoane vaille dicir nunha carta que naquel momento era o único interlocutor que podía ter en Galicia", sinala Liz de Cea, "e Del Riego vaille presentar a Díaz Pardo". Con el nacería un importante tándem creativo e empresarial. "Del Riego promoveu que varios dos artistas novos galegos da altura expoñan en Bos Aires co apoio do Centro Galego. El mesmo vai ser un dos organizadores e case tamén un comisario de exposicións". A través deste proceso de traballo, artistas como Laxeiro viaxarán á capital arxentina e ficarán marcados polo ambiente local. "De feito, el coñeceu a Laxeiro na Facultade de Filosofía e Letras. Ficara totalmente abraiado e decátase que o de Lalín ía ser un gran renovador".

"Atreveríame a dicir que a arte galega do século XX non sería a mesma sen o activismo divulgador de Del Riego", explica Liz de Cea. Artigos de divulgación de novos artistas, organización e actividades de visibilidade, todo na mesma liña e estratexia coa que abordou outros sectores da cultura do país como a lingua ou a literatura. "Francisco del Riego entendeu a arte como parte da recuperación do sistema cultural de Galicia", sinala a comisaria de arte.

Conforme foron avanzando os anos, Del Riego tamén foi reaccionado ás propias transformacións artísticas e a artistas novos que viñan xa por detrás de aqueles aos que el acompañara vitalmente. "A súa xeración era moi xenerosa, e nunca pechou as portas a aqueles que querían facer algo por Galicia e a cultura galega, e pasou o mesmo cos novos escritores, poetas, ilustradores e claro, pintores. Tamén Laxeiro se achegou ao Grupo Atlántica", afirma Liz de Cea en relación ao grupo máis activo sobre os anos 80 no que se inclúen nomes como Menchu Lamas, Antón Patiño ou Manuel Moldes, "el era xa un pintor moi consolidado pero expuxo con eles".
A cuberta de Don Paco. Letras para a arte galega amosa un deses retratos que posuía Paco del Riego. "Era un cadro que apreciaba moito", destaca Liz de Cea, pero agacha unha historia que fala de como Del Riego se achegaba á arte. O retratou realizouno Julia Minguillón, a pintora luguesa que na Vilanova de Lourenzá natal de Del Riego pintara outro dos grandes cadros galegos do século XX, A escola de Doloriñas. A pintura estaba lonxe, no estético e no ideolóxico, de moitos dos pintores que Francisco del Riego contribuía a visibilizar. Minguillón e o seu home comprometéranse co franquismo. Isto explica moito do carácter de Del Riego, "aínda que esa pintura non fose renovadora, Francisco del Riego sempre defendeu a boa arte".